0 Gardados para despois

Veciñanza de Teis e Chapela protesta polas obras sen rematar na AP-9 un mes despois da inauguración

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


A ampliación da AP-9 na súa entrada a Vigo ao seu paso pola ponte de Rande e os barrios urbanos de Chapela (Redondela) e Teis (Vigo) foi inaugurada polos presidentes Rajoy e Feijóo o pasado 30 de decembro. Porén, varias obras consecuencia desa ampliación non están rematadas, e non o estarán ata dentro de varios meses. Un mes despois da inauguración oficial, acelerada pola concesionaria para poder subir as peaxes canto antes, este sábado varios centos de veciños e veciñas da zona afectada concentráronse para esixir ás administracións celeridade e prazos concretos.

Piden a Fomento medidas contra o ruído e prazos concretos para que a autoestrada agora ampliada que ven pasar xunto ás súas casas ademais poida serlles útil tamén a eles

O propio Ministerio de Fomento admitiu en decembro, dous días antes da inauguración, que ten obras pendentes de realizar na zona por uns 11 millóns de euros, entre reposición de camiños afectados pola ampliación da autoestrada, actuacións para reducir o ruído do tráfico e, fundamentalmente, para construír noutro lugar un colexio ao que a nova calzada se achegou tanto que as familias temen pola seguridade do alumnado.

As protestas veciñais xa fixeron que se construíse un muro de formigón entre o colexio e a autoestrada a xeito de protección, e mesmo que dez días despois da súa inauguración Fomento restrinxise parcialmente a circulación por un dos carrís de nova construción pola súa proximidade ao centro escolar. Pero a solución definitiva non chegará ata que se remate a construción do colexio noutro lugar, que Fomento aínda vén de licitar agora e que a veciñanza xa asume que non estará rematado para o comezo do próximo curso escolar. Os afectados tamén critican que a AP-9 carece de pantallas de protección fronte ao ruído malia discorrer ao longo de máis de seis quilómetros por unha contorna completamente urbanizada.

Colexio de Chapela que será trasladado tras levantarse un muro de formigón para protexelo do tráfico da autoestrada ampliada [Google Street View]

Concello de Vigo por unha banda e Fomento e Xunta por outra atribúense de xeito mutuo a responsabilidade de redeseñar a AP-9 na súa entrada á cidade

Ese carácter urbano dos barrios de Teis e Chapela, no pasado separados de Vigo pero hoxe completamente integrados na cidade, motiva outra das reclamacións veciñais, que conta co respaldo do Concello. A de facer que neses quilómetros finais de entrada a Vigo a AP-9 se converta nunha vía urbana con accesos hoxe inexistentes (á altura da rúa Bos Aires ou incluso antes, no lugar denominado Torres de Padín) que permitan acceder a ela en Teis e Chapela para dirixirse ao centro da cidade e así liberar de tráfico as conxestionadas rúas deses dous barrios. Porén, o proxecto está estancado porque Concello de Vigo por unha banda e Fomento e Xunta por outra atribúense de xeito mutuo a responsabilidade de deseñar eses novos accesos.

Á espera de contar con eses novos accesos, Xunta e Fomento veñen de acordar suprimir a peaxe para os condutores no enlace máis próximo á zona, o de Redondela, a varios quilómetros de distancia, pero a cambio de subir as peaxes aínda máis no resto da autoestrada nunha contía que aínda non determinaron. Os veciños piden prazos concretos para esa supresión da peaxe así como que se acelere a construción dos novos enlaces que permitan que a autoestrada recentemente ampliada que agora vén pasar xunto ás súas casas ademais poida serlles útil tamén a eles. Tamén rexeitan que a supresión da peaxe en Redondela a teñan que pagar o resto de usuarios da vía.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.