Aparece na Serra do Cando outro lobo cazado de forma ilegal

ADEGA denuncia que nos últimos anos varios animais foron cazados ilegalmente na Serra do Cando © ADEGA

Outro lobo foi cazado de forma ilegal en Galicia. O cadáver do animal, un macho novo (de 8 meses) con boa saúde, apareceu este luns na Serra do Cando, nun lugar próximo á aldea de Cima de Vila, no concello de Cerdedo-Cotobade. O caso foi denunciado por ASCEL (Asociación para a Conservación e Estudo do Lobo Ibérico), que guiou o Seprona ata o lugar, para que abrise a pertinente investigación. A morte do animal puido ter lugar cara o xoves ou venres da semana pasada.

ASCEL, ADEGA e GEAS cualifican de "grave" o sucedido, pois "non se trata dun caso illado"

Tanto ASCEL, como ADEGA e GEAS (Grupo de estudo dos animais salvaxes) anunciaron xa que presentarán unha denuncia ante o sucedido, lembrando que a caza do lobo de forma ilegal -fóra dunha batida autorizada- resulta constitutivo dun delito contra a fauna, segundo o disposto no artigo 335 do Código Penal. Aínda que o lobo está catalogado en Galicia como especie cinexética, a efectos de xestión queda sometido ás disposicións do Plan de xestión do lobo, que lle confire unha condición legal de protección. O obxectivo do Plan de Xestión é "establecer as medidas e actuacións que permitan manter unha poboación viable de lobos dentro dun marco de coexistencia co mundo rural e compatible coas actividades agropecuarias, que contribúan á conservación da poboación ibérica". Aínda que a Serra do Cando está considerada Zona 2, é dicir, un territorio no que a Xunta pode autorizar actuacións para o limitar a poboación do lobo, estas actuacións (batidas) deben ser autirizadas en cada caso. E esta non o foi.

ASCEL, ADEGA e GEAS cualifican de "grave" o sucedido, pois "non se trata dun caso illado". Lembran que en setembro de 2013 apareceu un lobo colgado nun sinal do parque eólico desta mesma Serra do Cando, e en 2015 un grupo con cinco cachorros foi perseguido durante unha batida de xabarín, descoñecéndose o desenlace. As tres entidade subliñan que o lugar está dentro da Rede Natura 2000 e esixen "máis vixilancia durante a tempada de caza" ante os episodios de caza ilegal que se están a producir nesta zona "asentados nunha total impunidade".  Hai tres semanas, ademais, apareceu en Barro outro lobo morto por disparos, nun lugar -Zona 3- no que este animal está completamente protexido.

As tres entidades denuncian que a Xunta "está a actuar dunha maneira moi permisiva coa persecución ilegal que sofre o lobo"

Denuncian que a administración "está a actuar dunha maneira moi permisiva coa persecución ilegal que sofre o lobo" e que "pouco ou nada se fai para que se sancionen como actividades delictivas que son". Piden que a Xunta "actúe con determinación e contundencia para poñer fin a unha conducta delictiva asentada fóra do cumprimento da lei" e que dedique "un maior esforzo" ás políticas "que favorezan o que debería ser un normal clima de coexistencia entre a especie e as actividades humanas".

 

Cadáver do lobo que apareceu esta semana en Cerdedo-Cotobade © ADEGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.