0 Gardados para despois

Emilio Cao: "A xustiza neste país é cada vez máis un significante baleiro"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O vindeiro 19 de marzo Emilio Cao, un mozo do Carballiño de 21 anos de idade, será xulgado en Madrid, acusado de agresión e atentado á autoridade, cargos que nega con rotundidade, sinalando que "fun un cabeza de turco". A Fiscalía pide para el unha pena de 5 anos e 8 meses de cárcere e o pagamento de 600 euros de multa. A desproporción entre o sucedido e a pena solicitada espertou en toda Galicia unha onda de solidariedade, demostrada xa a finais de 2016 nunha manifestación que percorreu as rúas do Carballiño, e que reproduciu novamente esta semana nas redes sociais coa etiqueta #AbsoluciónEmilioCao, que chegou a ser trending topic en todo o Estado.

"A lóxica xudicial funciona así. Buscan xerar medo, que a xente se afaste das cousas", di, pero asegura que “levo unha vida normal e non a modifiquei por esta acusación"

Hai xa case catro anos, o 22 de marzo de 2014 Emilio foi detido en Madrid. Daquela tiña 17 anos, estaba integrado no colectivo Estudantes sen Futuro e viaxara á capital do Estado coa Columna galega das Marchas da Dignidade para participar na masiva manifestación que reclamaba "pan, traballo e teito" no momento máis duro da crise económica. A policía cargou durante o acto final da marcha, mentres aínda falaba Diego Cañamero, e 24 persoas foron detidas, tres delas galegas, entre elas Emilio. "Cóllenme, tíranme ao chan, esmáganme a cabeza co escudo contra o chan. Iso foi complemente innecesario, non había ningunha posibilidade de que eu puidese escapar", lembra. Foi trasladado despois á comisaría, onde non soubo ata o día seguinte de que fora acusado, e sometidos a un trato degradante: "Estivemos moitas horas de pé contra unha parede branca, sen poder falar cos compañeiros que tiñamos ao lado, que estaban tamén detidos". 

Catro anos despois daquilo, Emilio Cao tenta levar unha vida normal, aínda que recoñece que está "expectante" ante o que poida pasar no xuízo. "O avogado dime que en teoría non debería preocuparme, pero xa sabemos como vai isto", di. Hai precedentes recentes que convidan ao optimismo, persoas con acusacións semellantes como a zaragozana Raquel Tenías, detida tamén aquel día en Madrid e para quen a Fiscalía solicitaba catro anos de prisión e foi absolta. Porén, outras situacións incrementan a preocupación, como a condena de tres anos e medio ao rapeiro Valtonyc ou as penas de prisión para os rapaces de La Insurgencia.

“Eses temas asustan bastante. O nivel de represión é tremendo. Vémolo todos os días en Catalunya ou nas condenas a rapeiros"

O auto inicial do seu caso facía prever unha petición de pena de 5 ou 6 meses, que despois foi elevada pola Fiscalía. “Eses temas asustan bastante. O nivel de represión é tremendo. Vémolo todos os días en Catalunya ou nas condenas a rapeiros, ou nas detencións e condenas por facer murais. A xustiza neste país é cada vez máis un significante baleiro", di. "Co nivel de conflitividade social que estamos vivindo, é máis que posible que isto aumente", engade.

"A lóxica xudicial funciona así. Buscan xerar medo, que a xente se afaste das cousas", asevera. Porén, el seguiu facendo unha vida normal, a mesma vida que -destaca- quedaría "tronzada por completo" se finalmente é condenado. O pasado ano comezou a carreira de Filosofía, e está xa en segundo curso. “Levo unha vida normal e non a modifiquei por esta acusación. Sigo mantendo a miña militancia política, sigo manifestándome, sigo participando en asembleas. Sigo estudando, traballo nos veráns, bótolle unha man ao meu pai cando podo", asegura.

"Isto non é un caso illado. Non quero que se personalice en min. Isto non me pasou a min só, hai moita xente na miña situación"

Emilio Cao quere agradecer todo o apoio que está recibindo, de persoas próximas, compañeiros e compañeiras de militancia, e tamén de centos de mensaxes chegadas de toda Galicia e doutros territorios do Estado: "Teño unha enorme gratitude con todas as persoas que me están apoiando. Non pensei que fose a ser tan viral". Con todo, pide que non se personalice a situación no seu caso particular: "Isto non é un caso illado. Non quero que se personalice en min. Isto non me pasou a min só, hai moita xente na miña situación. Hai centos de persoas que sofren día a día a escalada represiva por parte do Estado contra todo tipo de disidencia política".

Vídeo de apoio a Emilio Cao (novembro 2016)

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.