No sétimo día de folga e logo de 2.000 xuízos e milleiros de procedementos aprazados, persoal da Administración de Xustiza manifestouse nas sete cidades galegas á espera dunha nova oferta da Xunta. Tras o fracaso da última reunión entre o Goberno galego e os representantes dos traballadores, o conflito mantense "estancado". Os funcionarios cualifican de "ridícula" a última proposta e lembran que o Executivo "non se moveu nada" na resolución da "discriminación" que din sufrir, entre outros ámbitos, á hora de coller baixas non hospitalarias. "Estamos agardando a súa chamada", insisten.
O comité de folga di estar "esperando" unha chamada da Xunta, que eleva o ton contra os sindicatos
Pero a Xunta non só non parece disposta a chamar senón que eleva o ton das súas palabras contra os traballadores en folga, mesmo de boca do presidente Feijóo. Na rolda de prensa posterior ao Consello, o xefe do Executivo cuestionou os sindicatos para lembrarlles que hai galegos que non cobran 1.000 euros ao mes e que a estes, e mais aos parados, non lles deben parecer ben as súas reivindicacións.
Así, Feijóo asegurou que a Xunta está disposta a seguir negociando, pero rexeitou incorporar intermediarios e censurou a actitude dos representantes dos traballadores por rexeitar un incremento medio "de 1.000 euros anuais" cando hai galegos "que non cobran iso ao mes". O presidente dixo que lle daba "a sensación" de que os sindicatos da Xustiza "non están a representar o sentir da maioría dos traballadores en Galicia, sexan do público ou do privado".
Feijóo di que os sindicatos "non representan o sentir maioritario dos traballadores galegos" e cre que "a maioría deles asinarían o acordo" que rexeita o comité de folga
E seguiu, ao referirse a última oferta da Xunta de ata 1.000 euros ao mes anuais, para asegurar que "a inmensa maioría de traballadores de Galicia asinarían ese acordo". "Ten un custo para os galegos de máis de mil euros por traballador", insistiu, para censurar que o comité de folga cualificase como "ridícula" a proposta e dicir que esa crítica non a merecen "a inmensa maioría" da xente traballadora do país. "Non creo que os traballadores, os que están no paro ou teñen soldos semellantes ao salario mínimo interprofesional consideren que 1.000 euros ao ano é unha proposta ridícula", engadiu.
Preguntado pola posibilidade dunha arbitraxe, Feijóo non a descartou pero aproveitou para volver declararse "sorprendido" pola actitude dos sindicatos "cando hai moitos galegos que non cobran mil euros ao mes e para eses galegos sería cobrar un mes máis". “Dentro do sector público as administracións negocian directamente cos sindicatos”, lembrou tamén.
Mentres, na rúa, as manifestacións sucedíanse. En Vigo, a mobilización de máis dun cento de traballadores cortou o tráfico no centro da cidade no seu percorrido desde os xulgados até a delegación da Xunta. Vestidos de negro, como o mércores, para escenificar a morte da Xustiza, volveron cargar contra a Xunta e, moi especialmente, contra o seu presidente Núñez Feijóo e o vicepresidente Alfonso Rueda. Tamén ocorreu así no resto das urbes, como en Lugo, onde os traballadores dos servizos centrais da Administración galega amosaron o seu apoio aos compañeiros do sector xudicial.
Na Coruña, o comité de folga anunciou que denunciará o xuízo do xulgado de instrución número 4 por celebrar na mañá deste xoves xuízos que non se incluían dentro dos servizos mínimos marcados pola Administracións. Logo de concentrarse ante as portas deste xulgado, os representantes dos traballadores advertiron da presentación da demanda ao entender que o maxistrado levou a cabo labores de funcionarios que "estaban exercendo o seu dereito, seguindo unha medida de presión e perdendo diñeiro por facelo".
O funcionariado de Xustiza manifestouse nas sete cidades galegas no sétimo día de folga
As mobilizacións celebrárose no sétimo día de folga e nunha xornada na que o seguimento do paro, segundo as cifras dos sindicatos, é de arredor o 90% en todo o país. A Xunta, pola súa banda, sitúao nun 40,3%, aclarando que 1.088 persoas dun total de 2.700 non acudiron ao seu posto, pero sen contar as baixas xustificadas e os servizos mínimos, cumpridos por 775 traballadores.
Nun comunicado, Vicepresidencia apelou á "responsabilidade" dos traballadores para "non prexudicar a cidadanía" e asegura que xa houbo avances nas reunións mantidas entre ambas partes en tres dos cinco puntos reivindicados. Do mesmo xeito, insisten en que a última oferta económica para o incremento do complemento autonómico -de entre 816 euros e 1.080 euros anuais- é "definitiva". O Goberno galego insiste en que os 2.700 euros reclamados polos funcionarios son "inasumibles" pola Administración.