- O arcebispo admite que “estas ofensas non aminoran a gloria e a felicidade que os santos viven en Deus”
- “O humor é sagrado”, di a Asociación Galega de Dramaturxia
- A Mostra de Teatro de Cangas dá "apoio total" ao autor: "É casposo e ridículo que haxa quen vexa delito en facer humor"
Pero, que pasou no Entroido de Santiago? Con máis ou menos matices, algo moi semellante ao vivido en anos anteriores na Coruña, Pontevedra, Madrid, Ourense ou Canarias; ou este mesmo ano en Vigo. A festa subversiva por excelencia tornada en campo de batalla pola liberdade de expresión. O pasado día 10 o Pazo de Bendaña acolleu o tradicional pregón entroideiro ao carón do Meco, a figura tradicional do Entroido compostelán. Desta volta interpretouno o dramaturgo e actor Carlos Santiago encarnando un dos seus personaxes máis clásicos, unha sátira do apóstolo Santiago, versión contemporánea e retranqueira do fillo do trono coa que xa caricaturizara a actualidade política e social da cidade e do país en innumerables ocasións. Nos escenarios e tamén nalgunha praza da capital galega, caso por exemplo do verán de 2011.
O pregón de Carlos Santiago deu paso ao resto de celebracións previstas no Entroido da cidade sen maior alteración ata que, tres días despois, un diario impreso local divulgou o que describía como indignación de persoas asistentes ao acto, así como algunha "familia", por mor do que consideraran expresións "soeces" e "ofensivas" para a relixión católica. Os testemuños atribuídos a viandantes aseguraban que na representación se describiran condutas sexuais do Apóstolo e da Virxe, así como supostas ofensas a "empresas" santiaguesas e mesmo algunha "crítica" ao alcalde, pero "poucas" -agregaban-.
O actor e dramaturgo Carlos Santiago interpretou no acto un dos seus personaxes máis clásicos, unha sátira do apóstolo
Na xornada seguinte o PP de Zaragoza ofreceu unha rolda de prensa reclamando ao rexedor da capital aragonesa (Zaragoza en Común) que se dirixise ao seu homólogo compostelán para esixir desculpas polas supostas ofensas a "La Pilarica". Ao tempo, o Arcebispado de Santiago anunciou para este sábado unha sesión de oración en "desagravio" a ambas figuras relixiosas. Todas estas entidades se referían á información inicialmente publicada en Santiago e replicada por algunha outra publicación, se ben ningunha destas fontes reproducía exactamente o contido do pregón máis alá das expresións "ofensivas" que os devanditos viandantes dicían lembrar.
Días despois do acto, varias publicacións, o PP e a Igrexa atacaron o actor e o goberno local acusándoo de ofensas á relixión católica
Contra a final da semana, a controversia a respecto das indeterminadas ofensas xa chegara ao ámbito político. Noriega fora cuestionado pola prensa a respecto do acontecido e advertira de que o goberno local non estaba disposto a "ceder" ante quen reclama limitar a liberdade de expresión. Noriega abondou este venres en que non ten pensado "entrar" en se unha "intervención transgresora" propia do Entroido pode "ferir a sensibilidade" de alguén. "O que si digo -subliñou- é que non as fire de maneira natural", senón tras "unha campaña interesada" cuxo "lanzamento" é facilmente "demostrable". Semella, ironiza, a historia "viral" que nos anos 90 percorrera todo o Estado sobre unhas inexistentes escenas dun cantante nun programa de televisión: "todo o mundo sabía o que fixera Ricky Martin, pero ninguén o vira".
Un chisco antes da intervención de Noriega o líder do PP local, Agustín Hernández, aproveitou unha comparecencia pública sobre o mediático acto no que guindou lixo ao río Sar como "denuncia" da súa "contaminación" para mergullarse tamén na polémica. O pregón foi, asegurou o ex-conselleiro, un "espectáculo soez, basto, de mal gusto" e "unha falta de respecto a moitísimas persoas". Non aclarou, así e todo, se o vira, xa fose en en directo ou nalgunha gravación.
Ameazas de morte e querelas
As protestas cidadás aludidas polos medios que as divulgaron non chegaron soas, así e todo. O alcalde compostelán tamén revelou, primeiro a través das redes sociais e despois en rolda de prensa, que o episodio derivou en ameazas, algunhas delas de morte, directas contra el e a súa familia. Tamén o actor que interpretou o pregón as recibiu. Tras tentar contactar co delegado do Goberno central en Galicia, Santiago Villanueva -máximo responsable institucional da Polícia e da Garda Civil-, Noriega explicou que está a "recompilar todo o material" recibido para poñelo en coñecemento das forzas de seguridade. Isto sucede apenas tres anos despois de que un militante de ultradereita tamén o ameazase e chegase a perseguilo, accións polas que o acusado está pendente de xuízo, explicou.
Un colectivo de avogados ultracatólicos asegura que levará o actor aos tribunais, se ben admite que non viu o pregón
Case ao mesmo tempo á batalla sumouse un rexemento máis. Unha asociación ultracatólica denominada Abogados Cristianos, coñecida polas súas posturas antiabortistas ou contrarias á lei de memoria histórica, pero sobre todo por formular numerosas demandas xudiciais contra políticos ou artistas polos que se consideran ofendidos, asegurou estar a preparar unha querela contra Carlos Santiago que, insinuaron, tamén se podería estender a Noriega. Así e todo, admitiron, o primeiro que precisan é unha gravación do pregón ao que atribúen un ataque aos sentimentos relixiosos da comunidade católica. Tampouco o viron.
Xa este domingo, o presidente do Goberno central, Mariano Rajoy entrou na polémica e para facelo empregou a súa conta de Twitter, onde dixo: "Mi apoyo a los vecinos de Santiago que quieren que las fiestas, como el pasado carnaval, sean momentos de respeto y convivencia, y esperan eso mismo de su ayuntamiento. Los pregones deberían servir para invitar a todos a la celebración, no para indignar a la mayoría. MR". O alcalde da cidade, Martiño Noriega, respondeu aludindo a un chío do líder do PP.