Seis mulleres pediron que o bus urbano de Vigo as deixase fóra dunha parada na primeira noite dese servizo contra o acoso

Abel Caballero, alcalde de Vigo, nun autobús urbano de Vitrasa nunha imaxe de arquivo Dominio Público Concello de Vigo

A noite do venres ao sábado foi a primeira en que se activou en Vigo o novo servizo polo que calquera muller pode solicitar que o autobús urbano a deixe en calquera lugar da súa ruta malia que non sexa unha parada preestablecida. Este domingo o alcalde da cidade, Abel Caballero, fixo un primeiro balance inicial da medida e informou de que esa primeira noite foron seis as mulleres que solicitaron o servizo, mentres que na noite do sábado ao domingo non se rexistrou ningunha petición.

“Só o anuncialo xa é unha chamada en contra do acoso, que os acosadores saiban que non lles imos dar respiro”, di o alcalde, Abel Caballero

Caballero detallou que a idade das mulleres solicitantes oscilou entre os 20 e os 50 anos, dato que dixo que obtivo das preguntas que lles realizaron os condutores para ter un perfil das usuarias do servizo. Tamén indicou que catro das solicitantes se detiveron en Travesía de Vigo, unha na avenida de Bos Aires e outra na rúa Pi i Margall.

O rexedor fixo unha valoración positiva da medida e amosouse aberto a estender as paradas a demanda a “outro tipo de usuarios”. “Continuaremos facéndoo e continuaremos informando”, dixo Caballero, para concluír que “só o anuncialo xa é unha chamada en contra do acoso, que os acosadores saiban que non lles imos dar respiro”.

A parada a demanda para as mulleres fóra das paradas establecidas está dispoñible en todos os autobuses urbanos que circulen entre as 22.30 e as 6.30 horas, incluídas as tres rutas de buses nocturnos da cidade.

Autobuses urbanos de Vigo Dominio Público Concello de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.