0 Gardados para despois

O persoal da Xustiza xa perdeu preto de 1 millón de euros en soldos durante a folga, á que se unen os forenses

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A folga do persoal da Administración de Xustiza en Galicia cumpre a súa décimo terceira xornada efectiva con máis de 7.000 xuízos suspendidos e uns 20.000 procedementos adiados. "Sen novidade nin avance ningún" desde que rachasen as conversas o pasado martes, Goberno e sindicatos seguen enfrontados. Feijóo advirte de que non haberá nova oferta económica e censura o "tic antidemocrático" dos representantes dos traballadores por reclamar que o director xeral da Función Pública, José María Barreiro, abandone a mesa de negociación. O comité acusa o presidente de "mentir" e "falsear" datos e avissan de que a "resposta" chegará este vindeiro sábado en forma de manifestación en Compostela. 

Tal e como relatan fontes do comité de folga, foi a suposta alusión de Barreiro ao "aforro" que a Xunta está a experimentar nos seus gastos ao non ter que pagarlle ao funcionariado en folga os cartos que se lle descontan por sumarse ao paro indefinido unha das cousas que máis molestou aos traballadores, ademais da recomendación de "marchar fóra" e presentarse a un concurso de traslados a outra autonomía de non estaren contentos coas súas condicións económicas en Galicia. 

Os traballadores ven descontado o seu salario nunha  media de 67,5 euros por cada día que van á folga

Segundo os datos que achegan os representantes dos traballadores, cada un dos que secunda a folga ve descontado uns 67,5 euros de media por día de paro, nunha franxa que vai desde os 62 euros de recorte duns funcionarios e os 73 doutros dependendo do seu posto.

Atendendo aos datos oficiais de seguimento que ofrece a Xunta --moito menores dos que dan os sindicatos--, son arredor de 1.050 os funcionarios que secundan o paro de media cada xornada desde o pasado 7 de febreiro. Son, tendo en conta que o martes de Entroido foi festivo en moitas localidades e que o mércores seguinte non foi laborable en Pontevedra, unhas 12.000 xornadas afectadas polo desconto por paro. Xa que logo, un mínimo de 810.000 euros os que deixaron de cobrar estes funcionarios até este xoves, cantidade á que habería que engadir a rebaixa aplicable á parte proporcional das pagas extras: preto de 1 millón de euros. Entre 810 e 743 euros deducidos a cada folguista desde que comezara a protesta. 

Ao funcionariado en folga descontóuselle preto de 1 millón de euros desde que comezou a folga, entre 810 e 743 euros por xornada a cada traballador en paro

 

Os forenses do Imelga únense á folga

Por outra banda, a mobilización segue a apañar apoios entre o funcionariado e traballadores do sector da Xustiza. Médicos forenses do Instituto de Medicamento Legal de Galicia (Imelga) veñen de remitir un escrito dirixido aos representantes sindicais en folga para informarlles de que acordaron "por ampla maioría" secundar o paro.

Os médicos forenses do Imelga da Subdirección de Santiago advirten de que son coñecedores das reclamacións por parte dos sindicatos á Dirección Xeral, "mantendo de forma activa o seguimento das negociacións". "Sorprendíanos que non figurasen nas reclamacións as condicións laborais do noso colectivo, sendo nós parte dos traballadores transferidos á Administración de Xustiza e afectados por calquera negociación neste ámbito", remarcan.

Os forenses do Imelga únense á folga tras acordar a medida "por ampla maioría"

Así, engaden que, "recentemente", foron coñecedores da mención dos médicos forenses dentro das negociacións. En concreto, este pasado martes transcendeu que a Xunta ofertaba para este colectivo unha suba retributiva de 100 euros ao mes, aplicable en dúas anualidades (2019 e 2020). Logo das reunións realizadas polo persoal da Subdirección, apuntan que se acordou "por ampla maioría" secundar a folga, cunha cadencia de "dous días por semana" e "respectando os servizos mínimos".

Na xornada deste venres, por outra banda, funcionarios de Xustiza manifestáronse en varias dependencias de Galicia montando ringleiras para solicitar a dimisión de José María Barreiro ou, como no caso da Coruña, na Delegación do Goberno, con maletas de cartón  na man, reclamando á Administración que convoque un concurso de traslado para "emigrar" como protesta simbólica para denunciar a "discriminación económica" que din sofrer con respecto a outros territorios do Estado. 

Ademais, os deputados galegos do PSOE no Congreso rexistraron este xoves unha batería de iniciativas na Cámara sobre o conflito na Xustiza galega e esixen ao Goberno central "que se implique, porque se está a cercenar o dereito fundamental dos galegos á tutela xudicial efectiva". Os socialistas lembran que "Feijóo votou a favor dunha moción socialista e logo saltou a decisión unánime do Parlamento galego" epiden a Executivo que "responsa sobre cantos e cales son os ámbitos territoriais de xestión de medios da Administración de Xustiza en España". "De disiparse a dúbida sobre que posto ocupa Galicia respecto do complemento autonómico transitorio, o conflito podería desenquistarse", aseguran. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.