A Xunta arquiva a sanción a CUAC pero prohíbelle emitir en FM

Centos de persoas apoiaron a lectura do manifesto de Cuac FM CC-BY-NC-SA GzContrainfo
Publicidade
Publicidade

Non haberá sanción para Cuac FM, pero de momento a emisora comunitaria coruñesa non regresará ás ondas hertzianas, mantendo a súa programación unicamente en Internet. A Xunta de Galicia vén de resolver o procedemento sancionador aberto o pasado mes de setembro contra a radio, aceptando as alegacións presentadas polo Colectivo de Universitarios Activos, que solicitaban o arquivo do expediente. Polo tanto, Cuac FM non será multada cos entre 100.001 e 200.000 euros de sanción que poñían en grave risco a supervivencia desta radio que leva 21 anos emitindo na comarca da Coruña.

O Goberno galego recoñece que a Lei do Audiovisual se está a incumprir e que a radio comunitaria coruñesa leva 20 anos emitindo sen ánimo de lucro, sen prexudicar a terceiros e sen ánimo de ocultación

O Goberno galego recoñece que a Lei do Audiovisual se está a incumprir no relativo aos mandatos recollidos no artigo 32 e da Disposición Transitoria 14ª, que prevén a concesión de licenzas de emisión ás radios comunitarias existentes. E asume que a interpretación da Lei 7/2010 Xeral de Comunicación Audiovisual “pode crear certas dúbidas interpretativas”. "Para sancionarnos queren aplicar a mesma lei que eles incumpren", destacaba en outubro Isabel Lema, coordinadora de Cuac FM, en entrevista con Praza Pública. De igual xeito, na súa resolución a Xunta admite explicitamente que Cuac FM leva máis de 20 anos emitindo na frecuencia modulada de boa fe, sen ánimo de ocultación, e sen recibir advertencia algunha por parte da Administración, que non existen terceiros prexudicados e que carece de ánimo de lucro. E valora positivamente o cese das emisións na FM no momento de recibir a notificación da sanción.

Porén, a Xunta advirte que esta resolución “racha calquera expectativa de Cuac FM para volver a emitir na FM" e ameaza con novos expedientes sancionadores en caso de que a radio volva emitir por ondas. De momento, a Asemblea Xeral Extraordinaria de Cuac FM que tivo lugar esta fin de semana acordou "continuar emitindo exclusivamente por internet, a través da súa páxina web, servizos de streaming e podcasting, e aplicacións para dispositivos móbiles", cando menos mentres non se resolve o recurso que presentará contra esta resolución "ao estimala inxusta e contraria á lei vixente, xa que impón unha situación de facto que impide o exercicio de dereitos fundamentais".

A emisora decide, de momento, continuar unicamente en Internet, cando menos mentres non se resolve o recurso que presentará contra a decisión da Xunta

Ademais, CUAC "lamenta a interpretación restritiva la Lei 7/2010 Xeral de Comunicación Audiovisual" e afirma que "empregará todos os medios dos que dispoña para garantir o cumprimento real e efectivo dos dereitos do público a recibir información e opinión a través de medios comunitarios, xa que as administracións públicas semellan ineficaces para elo". "Pode que a vontade de servizo á comunidade non sexa condición suficiente para facer cumprir a letra e o espírito das leis, pero sen dúbida é unha condición necesaria. Por nós non vai quedar", engade.

Finalmente, o colectivo que constrúe a emisora agradece o ánimo amosado nos últimos meses polas persoas, colectivos e institucións "que amosaron publicamente o seu apoio e asinaron o Manifesto polo dereito a comunicar". "Moitas grazas polo voso apoio, compromiso, confianza e o afecto co que nos premiades cada día. Temos a seguridade de que o arquivo desta sanción non se tería producido se vós non estivésedes aí", conclúe.

 

Estudios de Cuac FM Dominio Público Cuac FM
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.