"As precursoras no deporte, as de clase baixa, eran superviventes, mulleres máis empoderadas"

Cristina López Villar © Deputación da Coruña

Cristina López Villar,  profesora na Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Universidade da Coruña, vén de publicar Pioneiras do deporte en Galicia. Editada pola Deputación coruñesa, o libro rescata do esquecemento as mulleres galegas que foron precursoras nas distintas disciplinas practicadas no país e que abriron camiño nun eido tan restritivo (e machista) como o deportivo. Dividida en seis capítulos, percorre a participación feminina no deporte galego dende finais do século XIX, destacando os clubs e asociacións que tamén foron pioneiras. A autora presentou a obra este mércores na Coruña e farao tamén o vindeiro 13 de marzo en Compostela e o 17, en Ferrol. 

Como xurdiu a idea deste libro?

Presentábame a unha praza de profesora na Universidade da Coruña e un dos exercicios era a investigación. Levaba tempo debullando temas de xénero e pareceume estraño que non houbese nada en Galicia que tratase sobre a historia dos mulleres no deporte, mentres que doutros países si había moita bibliografía. Fun un pouco á aventura. 

Foi difícil?

Ía aos arquivos e preguntaba se había algo sobre mulleres e deporte e nunca aparecía nada, así que había que preguntar por paseos, saídas... Ao final atopei tantas cousas sobre deporte e motricidade que tiven que acoutar. Por exemplo, hoxe en día o baile considérase un deporte, pero daquela non era así. Estiven entre catro e cinco anos investigando, que non son poucos. 

"Había diferenzas por clases sociais; as mulleres que se introducen no deporte son, en xeral, de clase alta"

Que disciplinas eran pioneiras entre as mulleres? Estaba mal visto en xeral que practicasen deporte?

En realidade, había diferenzas por clases sociais. As mulleres que se introducen no deporte son, en xeral, xente de clase alta, con máis posibilidades. A aristocracia xoga ao tenis, monta ao cabalo ou vai a unha cacería. Logo, tamé entre a burguesía había mulleres adiñeiradas que van practicando algunhas disciplinas, pero en Galicia nos anos 30 hai fenómenos interesantes como o do hóckey herba, chegando a haber ata nove equipos, todos eles de mulleres.  

Na obra diferencia entre as prácticas deportistas elitistas, democratizadoras e emancipadoras e transgresoras. Había diferentes niveis de atrevemento ou valentía entre as mulleres?

Si, pódese dicir que si. Dentro das prácticas transgresoras, por exemplo, inclúo o fútbol, a aviación, o automobilismo e o circo. No caso do fútbol, as mulleres que o practicaban ían realmente a contracorrente total. É un deporte no que aínda hoxe en día hai xente que cre que as mulleres non o deben practicar ou que non está feito para elas, así que imaxinemos como era daquela. Irene a porteira, aquela muller cuxo fenómeno xa foi estudado por Óscar Losada nun documental, foi un caso excepcional, ao igual que a de equipos femininos que apareceron, como un en Noia que se sabe que disputou un partido benéfico xa polos anos 20. No caso da aviación ou do automobilismo era diferente. Eran disciplinas que precisaban dun vehículo, dun coche, por exemplo, que daquela era un artigo de luxo só en posesión das clases máis altas. 

"As mulleres que empezaron a practicar fútbol ían a contracorrente; se hoxe hai quen cre que non deben practicalo, imaxinemos daquela"

E o circo? Era un deporte?

O circo permitía, naquela época, ver como certas prácticas vetadas ás mulleres fóra dese ámbito eran logo admiradas dentro del, como por exemplo as acrobacias e habilidades sobre unha bicicleta. Naquel contexto circense había admiración, pero noutros non só non a había, senón que había discursos médicos que advertían sobre as problemáticas para as mulleres por andaren en bicicleta. Había discursos de todo tipo, xente que apoiaba que as mulleres fixesen deporte e xente que non, pero figuras como Concepción Arenal, María Barbeito ou Emilia Pardo Bazán reivindicaban que as rapazas puidesen acceder á educación física e aos deportes como os homes, por iso saen tamén citadas no libro. 

A que se refire coas prácticas democratizadoras?

Aí falo do ciclismo, do hóckey, da natación, do excursionismo ou do remo. Nestes casos, non todas as mulleres teñen esa visión democratizadora, pero si hai determinadas figuras que si a teñen e son moi importantes. É o caso, por exemplo, de Antonina Sanjurjo, referente do hóckey en Galicia, moi formada, implicada en política e con grandes inquedanzas intelectuais. Forma parte, xunto con outras como Gloria Tapias, dun grupo moi moderno que constituía un modelo novo de muller.

"Mulleres como Antonina Sanjurjo, referente do hóckey, tiñan unha conciencia democrática, mesmo feminista"

Reivindicaban xa algo máis que o deporte?

Si, era máis que deporte; tiñan unha conciencia democrática, mesmo feminista. A irmá de Antonina Sanjurjo, aínda viva con 94 anos, sempre me conta que era "unha adiantada ao seu tempo" e relata anécdotas moi reveladoras. Lembra como respondeu a unha visita na súa casa que lle preguntaba á súa nai como ía ser quen de casar tantas fillas -tiña dez ou once-; ela indignouse, contestoulle mal e preguntou por que unha muller tiña que ter o seu futuro ao carón dun home. Aquela era unha postura feminista.

 "Non as chamaría rebeldes, senón superviventes, mulleres empoderadas que sentían que podían con todo"

No caso das mulleres de clase máis baixa, a súa reivindicación do deporte convertíaas en transgresoras ou rebeldes?

No libro intento rescatar prácticas de clases máis baixas para que se vexa tamén que as diferenzas de xénero tamén teñen que ver coa clase social. Con todo, se cadra non as chamaría tanto rebeldes senón superviventes. No caso das que traballaban no circo, por exemplo, aquela era a súa profesión. E hai outros casos, como o dunha competición de remo para mulleres aló polo 1882 en Carril. Nese caso, eran mulleres sen pudor ningún porque as mulleres rurais ou do campo facían de todo e o concepto que tiñan de si mesmas era que podían con todo. Non sei se se poden considerar transgresoras, pero si que estaban máis empoderadas, mellores consigo mesmas. É o caso de Irene, a porteira; para atreverse a xogar nun equipo de homes naquela época só tiña que sentirse empoderada, ao mesmo nivel ca eles e capaz de todo. 

Tendo en conta as noticias que se len sobre o machismo nalgúns deportes, os insultos que reciben árbitras ou xogadoras... Cre que se avanzou moito na igualdade en todos estes anos?

Hai cousas que están como no pasado porque a igualdade é unha conquista pola que hai que pelexar todos os días. É unha cuestión de ideoloxía porque sempre houbo machistas e sempre houbo xente que defendeu a igualdade. O que é impresionante é atopar discursos cando estás investigando que ben se poderían atopar hoxe en día. No entanto, é evidente que a sociedade avanzou, pouco a pouco, pero avanzou. 

Que Verónica Boquete, por exemplo, sexa unha figura tan recoñecida en Galicia así o indica?

Ben, Verónica Boquete tivo que marchar porque aquí non podía ser profesional, así que aí xa se está a plasmar a desigualdade e algo preocupante. Hai dificultades para as mulleres na maioría dos deportes e sorpréndome, cando leo en moitos sitios, que se refiren a elas como profesionais cando realmetne non o son porque non teñen contrato por facer o que fan. 

"A igualdade é unha conquista pola que pelexar todos os días: sempre houbo machistas e sempre houbo xente que defendeu a igualade"

Pola súa experiencia profesional e o seu labor investigador no eido, cal cre que é a clave para avanzar na igualdade real?

É un traballo de todas e de todos. Hai que concienciar, sobre todo, os homes e os rapaces. A maioría das mulleres viven a desigualdade, saben o que ocorre... Pero custa que os homes empaticen ou mesmo que o fagan rapazas que nunca tiveron a sensación de ter barreira ningunha. Na Facultade de Deporte da Coruña, onde dou clase, hai menos do 20% de mulleres, o que demostra o masculinizado que está este ámbito. Falta recoñecerse no lugar do outro, de decatarse que non é xusto e de que a igualdade é un tema de dereitos, de dereitos humanos. Unha sociedade é mellor cando todos e todas temos os mesmos dereitos. Dito todo isto, eu non teño a variña máxica. 

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.