0 Gardados para despois

AO MINUTO | 8 de marzo, folga feminista

Praza PúblicaPraza Pública | @prazapublica


Nós TelevisiónNós Televisión | @NosTelevision


Galicia únese este 8M á mobilización internacional do Día das Mulleres, marcada desta volta pola histórica convocatoria de folga feminista. Seguimos o máis destacado da xornada no país, onde xunto ás convocatorias de paro xeral e parciais están convocadas concentracións e manifestacións en máis de 40 vilas e cidades.

20:59 | O centro de Vigo, colapsado por milleiros de manifestantes

A manifestación feminista deste serán en Vigo colapsa o centro da cidade con milleiros de persoas. Nalgúns treitos -na imaxe, a rúa Urzáiz e a súa contorna- a protesta permaneceu parada durante arredor dunha hora pola enorme asistencia. (Imaxe: Praza Pública - Cedida)

20:43 | Milleiros de persoas, tamén en Lugo

Despois das concentracións da mañá, a convocatoria feminista unitaria desta tarde en Lugo volveu ser un éxito. A imaxe, divulgada polo PSdeG local, amosa milleiros de persoas na Ronda da Muralla.

20:15 | Resposta masiva á segunda convocatoria feminista en Santiago

Por segunda vez no día a resposta en Santiago á convocatoria de mobilización feminista na rúa está a ser masiva.

19:54 | Milleiros de persoas prepáranse para a manifestación de Vigo
19:48 | Comeza a segunda manifestación na Coruña

En marcha a segunda das mobilizacións feministas desta tarde na Coruña, tamén cun seguimento masivo. A imaxe foi difundida polo BNG coruñés.

19:42 | Milleiros de persoas maniféstanse na Coruña

A contorna da Mariña, na Coruña, queda pequena ante a masiva asistencia á mobilización feminista

19:00 | Comeza a primeira manifestación da tarde na Coruña

Comeza a primeira manifestación feminista convocada para este serán na Coruña cunha asistencia masiva

18:20 | A mobilización matinal de Santiago desborda as expectativas

A manifestación feminista desta mañá en Santiago superou as expectativas mesmo das organizacións convocantes e deu lugar á icónica imaxe da Praza do Obradoiro practicamente chea.

17:30 | A reivindicación feminista, tamén nas conserveiras

A reivindicación feminista, tamén chegou este 8M ás traballadoras de conserveiras como Calvo ou Albo, que secundaron os paros convocados pola CIG

16:50 | A Xunta cifra o seguimento da folga na Administración na contorna do 20%

Desde a Xunta, nun comunicado de Vicepresidencia, cífrase o seguimento da folga nos organismos públicos galegos na contorna do 20% do persoal. Segundo o texto, na Administración Xeral "o seguimento foi do 16,99% e nos entes dependentes dela, "do 19,93% cun cumprimento normal dos servizos mínimos.

16:22 | "Sofía, non te enteras": retranca en Ourense

Unha das declaracións políticas máis controvertidas contra a folga feminista do 8M foi a pronunciada pola edil de Igualdade do Concello de Ourense, Sofía Godoy (PP), que no último pleno municipal rexeitou que o goberno da cidade apoiase a protesta por estar, ao seu xuízo, "directamente impulsada por un grupo político con perigosos nexos e afinidades" con países "onde as mulleres levan burka". Ao final da masiva mobilización feminista que este mediodía percorreu o centro da capital ourensá as manifestantes replicaron á concelleira en clave irónica. "Sofía, non te enteras, a folga convocámola nós", cantaron.

15:44 | A Praza Maior de Ourense quedou pequena

A Praza Maior de Ourense quedou pequena para acoller, contra a unha da tarde, o remate da manifestación feminista. A imaxe foi difundida pola Plataforma Feminista Galega.

14:09 | Resposta masiva á mobilización en Lugo

As convocatorias sindicais desta mañá en Lugo tiveron un seguimento masivo. Nas imaxes difundidas pola CIG, a mobilización que percorreu a Ronda da Muralla e que durante uns minutos se internou na sede da Xunta na cidade.

13:22 | "Situamos Galiza no mapa mundial da folga das mulleres"

"As mulleres situamos Galiza no mapa mundial do paro internacional de mulleres", destacan na concentración de Pontevedra.

13:07 | Mobilización no Hospital da Costa

Traballadoras do Hospital da Costa únense ao 8M malia aos "servizos máximos" do Sergas. Imaxe tomada pola CIG.

12:56 | Berro a prol da "dignidade" do traballo feminino en Ames

En Ames, a concentración ante a casa do Concello reivindica "dignidade" para o traballo feminino

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.