O Sergas arruina os adxudicatarios da cafetería do Hospital Xeral de Vigo, hoxe baleiro

Hospital Xeral de Vigo CC-BY-SA HombreDHojalata

E setembro de 2015 a gran maioría dos comercios, bares e restaurantes que rodeaban o Hospital Xeral de Vigo sufriron un golpe mortal. A práctica totalidade dos servizos do centro hospitalario foron trasladados ao Álvaro Cunqueiro. Nese momento veciñanza, comerciantes da zona, Xunta de Persoal e colectivos en defensa da sanidade pública reclamaron que o vello hospital fose aproveitado para usos sanitarios, como unha forma de dar resposta ás evidentes eivas que presenta a área viguesa nesta materia. E tamén para contrarrestar a enorme perda de actividade que sufrira o barrio. En xaneiro de 2016 unha enquisa revelaba que apenas catro meses despois foran xa 14 establecementos os que pecharan (o 17,5% do total) e que 52 das 66 que seguían abertas corrían o risco de facelo a curto-medio prazo.

Os irmáns Lourido tiveron que despedir 23 traballadores e tentaron pechar o negocio, pero o SERGAS non lles permitiu facelo, alegando que aínda tiñan case seis anos de concesión por diante

Moito peor era, evidentemente, a situación para a cafetería do propio hospital, que perdeu de súpeto toda a súa clientela. Os seus adxudicatarios, os irmáns Lourido, tiveron que despedir 23 traballadores e tentaron pechar o negocio, pero o SERGAS non lles permitiu facelo, alegando que aínda tiñan case seis anos de concesión por diante. Dous anos e medio despois a súa situación non deixou de empeorar, co inicio das obras de derruba de parte do vello hospital para acoller os futuros xulgados. "Case non temos ingresos, perdemos cartos todos os días e agora estamos cercados por carteis de 'prohibido o paso a toda persoa allea á obra'", comenta Adolfo Lourido en conversa con Praza.gal. Agora veñen de levar o SERGAS ante os tribunais.

Os irmáns Lourido levan ocupándose da cafetería dende o ano 1980 cando gañaron o concurso para a explotación do local. Nos anos seguinte foron renovando a concesión, ata que no ano 1996 a Dirección do Hospital decidiu sacar novamente o contrato a concurso, por 25 anos, coa condición de que o adxudicatario tiña que encargarse de construír unhas novas instalacións. Os Lourido gañan ese concurso, financian e levan a cabo a edificación e continúan explotando a cafetería na súa nova localización. Pero en 2015, cando só levaban 19 anos e medio de concesión, decídese o traslado de practicamente todos os servizos do Hospital ao Álvaro Cunqueiro.

"Perdemos cartos todos os días e agora estamos cercados por carteis de 'prohibido o paso a toda persoa allea á obra'"

"Nese momento tentamos negociar unha solución coa Dirección do Hospital, sobre todo para os 23 traballadores que tiñamos, algúns cunha antigüidade de máis de 30 anos con nós, moi bos traballadores todos. Pero foi imposible", explica Adolfo Lourido. "Foron dándonos largas, solicitamos por rexistro en dúas ocasións unha xuntanza coa anterior conselleira -Rocío Mosquera-, e non obtivemos resposta. E despois, de novo por dúas veces solicitamos reunión co novo conselleiro -Jesús Vázquez Almuíña- e tampouco nos contestaron", di.

A situación acadou un novo nivel de absurdo hai uns días, cando os Lourido foron informados de que no marco das obras da futura Cidade da Xustiza ía comezar a ser demolida parte da edificación que eles mesmos fixeran. "Contestamos que por suposto non podían facelo, porque mentres estea en vigor o contrato nós somos os donos desa edificación. A pesar disto, seguiron adiante coas obras. Opuxémonos e chegou un axente da Policía Autonómica, que ameazou con chamar a unha patrulla. Chamamos a un notario, que levantou acta da situación e nós retirámonos. O tema está no xulgado, denunciado e isto non remata aquí", advirte Adolfo Lourido.

Tamén lle solicitan ao SERGAS o lucro cesante polos anos que faltaban de concesión e o custo da parte da obra que quedaba por amortizar en setembro de 2015

Os adxudicatarios da cafetería denunciaron o SERGAS, reclamándolle en primeiro lugar "a indemnización que tivemos que darlles a estes traballadores despois de que o Hospital se negase a subrogalos no Álvaro Cunqueiro". "Cumprimos cos nosos traballadores e indemnizámolos como correspondía. Non queríamos comezar a ver o nome da nosa empresa pintado polas paredes, como varias concesionarias que foron denunciadas", di Lourido. Tamén lle solicitan ao SERGAS o lucro cesante polos anos que faltaban de concesión e o custo da parte da obra que quedaba por amortizar en setembro de 2015.

A esta reclamación engádeselle agora o feito de que "levamos dous anos e medio acumulando uns gastos, dos que tamén os responsabilizamos, porque non nos autorizan a pechar". "Agora valaron todo o recinto para levar a cabo o derrubo do edificio do Hospital. Estamos cercados por carteis de prohibido o paso a toda persoa allea á obra", engade.

"A situación está levándonos a onde o SERGAS nos quere levar: ao punto no que economicamente non podemos aguantar", conclúe

"A situación está levándonos a onde o SERGAS nos quere levar: ao punto no que economicamente non podemos aguantar", conclúe Adolfo Lourido, que explica que por este motivo decidiron denunciar a súa situación nos medios de comunicación. "A triste realidade deste país é que mentres os medios non se implican un pouco, nada se move", resume.

 

Edificio do vello Hospital Xeral, hoxe abandonado © Google Maps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.