Volven rachar as negociacións co persoal da Xustiza en folga entre acusacións de "chantaxe" á Xunta

Persoal de Xustiza en folga © AX-CUT

Volve rachar. Os representantes sindicais do funcionariado de Xustiza en Galicia e os da Xunta mantiveron este luns unha nova reunión para tentar rematar co conflito que superaba xa os 40 días de folga e se atopa na sétima semana de paro, con máis de 15.000 xuízos suspendidos e milleiros de trámites adiados. Desta vez, o Goberno mudou o formato habitual nas últimas xuntanzas e propuxo intentar chegar a un acordo en catro dos cinco puntos que reclama o persoal, á marxe das reivindicacións de incremento salarial no complemento autonómico transitorio, que quedaría para o último momento. Houbo importantes avances á espera dun pacto na cuestión salarial que puxera o ramo ás conversas. Pero o Goberno deu por rotas as negociacións logo de incrementar un chisco a súa oferta, o proceso descarrilou e a folga continúa.

A Xunta ofertou unha suba non lineal de entre 135 euros ao mes e 105 segundo o corpo

A última negociación entre a Xunta e os sindicatos do pasado 9 de marzo rematara sen acordo. A Administración fixera daquela ata tres ofertas ao longo do día e acumulaba sete diferentes malia asegurar en varias ocasións que non modería a súa proposta. A última, unha suba de 105 euros ao mes para todos os corpos, lonxe dos 190 que reclama o funcionariado de Xustiza, que tamén baixou as súas pretensións desde aquela solicitude de 250 euros mensuais máis.

Desta vez, a oferta non foi lineal e suporía 135 euros máis mensuais para os forenses, 133 para os xestores, 108 para os tramitadores e 105 para os corpos de auxilio. Con esta oferta, a Xunta entendeu que non seguirán as reunións ata que houbese unha resposta a unha proposición que tamén incluiría unha cláusula para garantir que os traballadores galegos se situarían sempre por riba da media do resto de funcionarios nas outras comunidades.

Unha "chantaxe"

Membros do comité de folga, reunidos en San Caetano durante un receso da xuntanza / Alternativas na Xustiza - CUT

Coñecida a postura gobernamental, o persoal mantivo unha xuntanza para valorar esta proposta e algúns acusaron o Executivo de filtrar as cantidades que, aclaran, "non melloran" a anterior oferta. A folga, xa que logo, continuaría.  "Non son aceptables estas cantidades tras dez días sen xuntanzas", explicou tras a ruptura Manuel Tejada no nome do persoal, que acusa abertamente o equipo de Rueda de "chantaxe". "Din que se non aceptamos a cantidade, non nos contan o resto do acordo, é unha chantaxe que non podemos aceptar".

"Din que se non aceptamos a cantidade, non nos contan o resto do acordo, é unha chantaxe que non podemos aceptar"

A teoría que o persoal mobilizado manexa é que o Goberno forza a situación para "facer caixa" co diñeiro que está a 'aforrar' nas nóminas dos traballadores en folga e, con eses mesmos cartos, "podernos pagar o aumento que din que é tan bo", pero que realmente inclúe "acordos que veñen de Madrid". "Que recapaciten e veñan sen chantaxes; que mediten e nos chamen", concluíu en declaracións á prensa en San Caetano.

Os avances logrados

Antes da nova ruptura producíranse, así e todo, avances en canto aos descontos por enfermidade común e á "discriminación" que denuncia o persoal. A Xunta ofrecera equiparar o funcionariado en Galicia e igualar as condicións de todos os corpos nos xulgados, comprometéndose a incluír unha cláusula pola que as melloras aplicables serían tamén extensivas a todos os traballadores. Para as substitucións, o Goberno propón xa o pagamento do 100% do salario no caso das substitucións verticais, aplicable desde o primeiro día do mes no que se asine un acordo. 

Tamén hai avances no que ten que ver coa consolidación de reforzos e amortizacións, no que se espera chegar a un pacto, quedando para última hora a negociación do incremento salarial. Con todo,  non chegou a haber "nada pechado nin asinado",  advertiron fontes do comité de folga. Faltaba o "máis complicado", o que tiña que ver coas reclamacións salariais.

Funcionariado de Xustiza en folga, en Pontevedra © AX-CUT

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.