A Xunta volve ceder ante o persoal da Xustiza tras un mes de folga, que seguirá activa

Remate da manifestación do persoal da Xustiza, na Praza da Quintana, o 24 de febreiro CC-BY-SA Praza Pública

Máis dun mes despois do inicio o pasado 7 de febreiro da folga indefinida do persoal da Xustiza para mellorar as súas condicións salariais e laborais, este venres, nunha nova negociación que se prolongou ata ben entrada a noite, o Goberno galego volveu ceder nas súas posturas e ofreceu unha nova mellora. Faino malia que ao pouco de comezar o paro, o 13 de febreiro, o vicepresidente da Xunta e responsable da área, Alfonso Rueda, aseguraba que a postura do Goberno galego “non vai variar por moito que pasen os días”. Porén, tras un mes perdendo o soldo, a mellora é aínda insuficiente para os sindicatos que, malia o intento do Goberno galego de presentalos como divididos, manteñen a súa unidade e a folga de xeito indefinido, á espera de que esta próxima semana se retomen as negociacións.

O Goberno galego dicía hai un mes que a súa postura non ía variar “por moito que pasen os días” pero admite que xa mellorou a súa oferta seis veces e non concreta se a actual será a última

O Goberno galego comezou a negociación cos sindicatos hai un mes ofrecendo un aumento do complemento autonómico transitorio de entre 660 e 900 euros ao ano de xeito progresivo ata 2020 segundo as categorías dos traballadores. Daquela, o presidente Feijóo tentou debilitar a postura dos sindicatos lanzando contra  eles a poboación parada e mileurista dicindo que non cría que “os traballadores, os que están no paro ou teñen soldos semellantes ao salario mínimo interprofesional consideren que 1.000 euros ao ano é unha proposta ridícula". A oferta deste venres xa ascendeu a 105 euros ao mes, 1.260 euros máis ao ano, e o propio director xeral de Xustiza, Juan José Martín, admitiu que tras máis dunha ducia de reunións “estamos na sétima oferta", o que supón que a Xunta xa mellorou a súa postura seis veces malia asegurar que non o faría. Porén, é aínda insuficiente para os traballadores, que pola súa banda comezaron as negociacións cunha petición próxima aos 250 euros de suba mensual que este venres rebaixaron ata os 190, pero lonxe aínda dos 105 ofrecidos pola Xunta.

Feijóo consideraba imposible comezar a aplicar xa este ano a suba salarial pola limitación imposta polos Presupostos do Estado, pero o acordo asinado este venres entre o Goberno central e os sindicatos da función pública fixo saltar tamén esa liña vermella

Este venres os sindicatos tamén racharon outra das liñas vermellas do Goberno galego, verbalizada polo propio Feijóo, que era que o aumento progresivo do soldo ata 2020 non se podía iniciar este 2018, para o que se escudaba nas limitacións ao respecto de incrementos salariais dos empregados públicos impostas nos Presupostos do Estado. Porén, a sinatura este mesmo venres do acordo de suba salarial a nivel estatal para os funcionarios entre o Goberno central e os sindicatos, que contempla subas en 2018, tirou tamén por terra esa postura da Xunta, que agora acepta que as melloras comecen a aplicarse xa este ano.

Mobilización do funcionariado de Xustiza en Vigo Dominio Público @FeSPUGTGALICIA

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.