Un informe encargado pola Xunta advertiu de "risco extremo" de desprendementos na zona das Catedrais onde morreu a turista

Mapa que marca as zonas con maior risco de desprendementos nas Catedrais © Vidal Romaní / Tania Cotelo

Un informe encargado pola Xunta sobre a evolución dos cantís da praia das Catedrais advirte dos desprendementos de pedras en varias zonas do areal e sinala como de "risco extremo" o lugar onde o pasado pasado sábado faleceu unha turista tras caerlle unha na cabeza. O documento foi elaborado polos xeólogos e profesores da Universidade da Coruña, Juan Vidal Romaní e Tania Cotelo, a petición da Consellería de Medio Ambiente no pasado ano e nel non só se advirte destes posibles desprendementos senón que se inclúe un mapa coas zonas de maior perigo, como na que a moza morreu tras o impacto dun pedrullo.  

O estudo alerta de que, ao ser unha zona moi concorrida, a probabilidade de desprendementos no areal das Catedrais é maior que noutros

O Estudo das posibles consecuencias do ascenso do nivel do mar nos procesos erosivos dos cantís no monumento natural da praia das Catedrais fíxose público hai tan só uns meses e advirte que, aínda que As Catedrais non é "unha zona máis inestable que as adxacentes" en toda a rasa cantábrica, si debe "terse en conta que é unha zona máis concorrida que aquelas, polo que o axente antrópico incrementa a probabilidade de desprendementos". Ademais, alerta tamén de que estes riscos "vense incrementados despois de períodos chuviosos, xa que a auga infiltrada é un factor que aplica inestabilidade ás ribadas". 

O fatal suceso produciuse, precisamente, logo de constantes e intensos episodios de precipitacións, tanto na Mariña como en toda Galicia, e tivo lugar nunha das zonas marcadas en vermello no mapa que os xeólogos achegan no documento para marcar "a zona de maior susceptibilidade de sufrir desprendementos a causa da inestabilidade na parte alta dos noiros". Estas áreas marcadas determináronse, segundo explican os autores, "en base aos tipos de desprendementos que se estudaron" no areal e ao "grao de meteorización", a alteración e descomposición das rocas da superficie terrestre producida por axentes atmosféricos. 

"Os riscos vense incrementados despois de períodos chuviosos, xa que a auga infiltrada é un factor que aplica inestabilidade ás ribadas"

"No estudo advertimos de distintos tipos de desprendementos e nos mapas que incluímos aparecen as zonas de risco grave; precisamente, a zona onde morreu a muller era de risco extremo", explica a Praza.gal Vidal Romaní, que aclara que a Xunta pediulle unha avaliación e perspectiva de futuro do Monumento Natural. "Aclarouse que os arcos podían aguantar entre 100 e 200 anos, pero tamén que o preocupante era o deterioro na parte alta do cantil, por mor das chuvias, o que provocaba desprendementos de rochas de todas as dimensións; ese era o verdadeiro risco", asegura o xeólogo, que lembra que o estudo foi encargado pola Xunta, que lle ordenou tamén "facelo público" e entregalo a administracións, como o Concello de Ribadeo, e mesmo as empresas que se encargan das visitas guiadas aos turistas. 

"A chuvia é o que máis inflúe nos desprendementos porque a auga fíltrase e vai danando a rocha, que finalmente cae; a xente pensa que é o mar o que a dana, pero a nivel do mar a rocha é consistente e dura, onde está desfeita é na parte alta, onde caen as precipitacións", aclara Vidal Romaní sobre un espazo que reabriu este luns ás visitas pero coas covas pechadas e máis persoal de vixilancia, que advirte de non achegarse ás paredes. 

O documento inclúe exemplos de varios tipos de desprendementos no areal, con fotografías que certifican os riscos

Nas súas conclusións, o informe asegura que "para reducir o risco para os visitantes" é "necesario realizar unha campaña informativa dos riscos que pode implicar achegarse a un talude, tanto na súa parte superior como inferior", así como "un aumento da cartelería e sinalizacións que advirtan do perigo de desprendementos nas proximidades da base do noiro". Ao tempo, recomenda circular por unha pasarela de madeira que evite que se pase polo bordo do cantil na súa parte alta e evitar así desprendementos que poidan "causar danos derivados deste acto". 

Desprendemento de rochas desde a parede dun cantil nas Catedrais © Vidal Romaní / Tania Cotelo

"Non se poden predicir con exactitude cando se producirán desprendementos, pero si estimarse os períodos máis susceptibles, que son aqueles despois de fortes chuvias"

O informe é claro porque na súa análise sobre as medidas de xestión para reducir o risco polos movementos de visitantes ao areal aclara que "o risco para o público recae no posible desprendemento de materiais rochosos desde o talude". E avisa de que "o que se observa con maior frecuencia é que as caídas de pedras ocasionais son inmediatamente soterradas baixo a area pola propia dinámica de mariña, polo que non adoitan conservarse durante moito tempo evidencias físicas destes sucesos". De feito, inclúense varias fotografías que demostran a existencia de desprendementos habitualmente. 

"Non se poden predicir con exactitude cando se producirán desprendementos, aínda que si poden estimarse os períodos máis susceptibles, que son aqueles despois de fortes chuvias, cando a auga de escorredura se infiltra nas fisuras abertas, chegando mesmo a poñer en carga grandes pranchas de rocha coa súa eventual caída", di o documento.

Por iso, di o texto, "considerando a azarosidade deste tipo de caídas (non se pode saber a ciencia certa cando se producirían nin tampouco se poden evitar), a mellor solución é a información ao público, como xa se fai no momento actual, dos riscos que pode ocasionar achegarse ao talude, tanto na súa parte alta como baixa". "Necesítase que todo o público se conciencie do perigo ao aproximarse ao noiro rochoso", din os xeólogos, que piden que esa información estea dispoñible "en todo o ámbito do Movemento Natural" en forma de "carteis visibles e/ou sinais de perigo" que considera que "deberían manter a mesma forma independentemente do organismo que as emita". Ao tempo, reclama que estes avisos se inclúan tamén "no documento de solicitude de acceso" á praia e "en calquera documento informativo-turístico" e que os propios guías ou persoal informen da perigosidade.  

A Xunta cre que foi "un accidente inevitable"

Así é como se fai, tal e como confirmou este luns a conselleria de Medio Ambiente, Beatriz Mato, que aclarou que na solicitude de acceso xa se informa do risco,  aínda que esta autorización só é esixible no verán e en Semana Santa. O resto do ano, o acceso é libre e a protección das persoas, tal e como advertiu, depende do Concello de Ribadeo e da Demarcación de Costas. Ademais, Mato considera que a morte foi un "accidente" que "nada nin ninguén a puido evitar" e que non se podía previr. Ademais, aaludiu ao estudo de Vidal Romaní onde tamén se advertía da inestabilidade dos cantís e adiantou que a Xunta xa encargou un informe complementario por se foran necesarias máis medidas para evitar problemas. "Tomaremos as decisións pertinentes desde todas as perspectivas, desde a medioambiental e desde a de seguridade", explicou. 

Desprendemento de rochas desde a parede dun cantil © Vidal Romaní / Tania Cotelo

Beatriz Mato considera que a morte foi un "accidente" que "ninguén puido evitar"

Segundo Mato, nin o informe que a Xunta encargou en 2015 nin o último de 2017, "apuntan que o número de persoas sexa excesivo" para a protección do espazo, "e por iso se mantén". Con todo, nese último si se destaca que o feito de que o areal sexa máis concorrido que ningún outro na cornixa cantábrica incrementa o risco de desprendementos. PSdeG e BNG xa anunciaron tamén que rexistrarán iniciativas para pedir explicacións á Xunta tras a morte da turista. 

Alén disto, o xeólogo Vidal Romaní lembra mesmo que, no momento en que deu unhas charlas aos guías turísticos do areal das Catedrais, recomendoulles o uso do casco nas zonas perigosas para "dar exemplo" aos turistas.

O autor do informe recomendou aos guías o uso de casco nas covas "para dar exemplo" aos visitantes

"Expliqueilles de todo, tamén os riscos, e recomendeilles que desen exemplo entrando nas covas con casco, pero non sei que pasou", explica quen cre que "se a rapaza levara posto un, non tería morto". "O informe foi feito público e eu avisei persoalmente dos riscos; ademais, Xunta e Concello teñen o documento", engade. Con todo, Vidal Romaní insiste no "incontrolable" dun espazo onde se poden acumular máis de 4.000 persoas a un tempo. "Unha vez que remata a visita guiada, a xente queda na praia; non se pode controlar tanta xente que, ademais, con marea baixa, pode entrar por diferentes sitios e que cando hai marea alta pisa pola parte superior dos cantís, deteriorándoos. Imos ter todo o areal baixo inspección e vixilancia constante?", pregúntase. 

"Hai carteis por todas partes, pero os visitantes, sistematicamente, non fan caso dos avisos"

Vidal Romaní asegura que o persoal que atende na entrada das Catedrais "avisa" e que "hai carteis por todas partes", pero que os visitantes "sistematicamente non fan caso dos avisos". "Agora é fácil dicir que habería que ter vixilancia na praia, pero como se fai iso se hai carteis enormes e non se fai caso?", pregúntase outra vez quen pon como exemplo a desaparición dunha moza na praia coruñesa de Riazor tamén nesta fin de semana. "Clausuramos o areal porque unha moza se mete na auga ás 6 da mañá?", insiste. 

"Que só houbese unha morte en tantos anos con tantos milleiros de visitantes é unha sorte"

"Tanto ten que teñas desfibrilador ou padiolas; se non te aproximas a menos de tres metros, xa non tes risco ningún e podes facer as fotos que queiras, pero se che cae unha pedra na cabeza desde esa altura, a consecuencia é fatal", conta quen fala de "barbaridades" cando analiza o que algún visitante fai alí. "Eu mesmo avisei unha vez a unha parella que achegaba un bebé ás paredes dos taludes e non só non me fixeron caso senón que me trataron coma un tolo", di quen remata cunha sentenza tan crúa como desgarradora. "Que só houbese unha morte en tantos anos con tantos milleiros de visitantes [uns 600.000 ao ano] é unha sorte para o que puido pasar", engade, antes de concluír: "O que hai que facer é visitar As Catedrais con sentidiño e non arrimarse ás paredes". 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.