O eterno desmantelamento do tren Ferrol-Ribadeo: 13 cancelacións nun só día

Tren FEVE nunha liña de ferrocarril galega © Pola defensa do ferrocarril Ferrol-Ribadeo

Se non é un desmantelamento, paréceselle moito. É o que denuncian acotío tanto a veciñanza como a Plataforma pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo, o obsoleto tren FEVE da costa norte galega, esquecido, con escaso investimento, avarías continuas, atrasos, máquinas paradas e supresión de servizos a diario. O medio de transporte que debería dar servizo e vertebrar as comarcas de Ferrolterra, Ortegal e A Mariña continúa a súa decadencia, explicitada con datos. O pasado luns 16 suprimíronse 13 servizos. Nun só día. Outro récord nunha liña que en 2017 foi a tres cancelacións por xornada e que incrementará esta vergonzante media neste 2018. 

O pasado luns suprimíronse 13 servizos na liña Ferrol-Ribadeo, que sufriu máis de 900 cancelacións o pasado ano

Así o denuncia a plataforma, que informa e certifica cada pouco das "masivas supresións de servizos" que se dan na liña, basicamente "por falta de material rodante". Entre a veciñanza, a presenza de máquinas paradas na vía, o arranxo continuo de máquinas, a cancelación de viaxes e a recollida en autobús ou taxi dos afectados xa non é sorpresa, é costume. A deficiencia no servizo provoca que sexan moitas as persoas que desisten de desprazarse no FEVE, un descenso nos usuarios que teman que sirva para acabar de vez co servizo. Se é que hai revisores para dar conta das cifras ou picar os billetes. Non é raro viaxar sen que ninguén apareza.  

A do pasado luns foi unha xornada máis das que cada vez se repiten con máis frecuencia. Suprimíronse nove servizos de proximidade, afectando ao percorrido Ferrol-Xuvia ou os que conectan con Cerdido ou Ortigueira, tanto en ida como en volta, ademais de catro rexionais, trens que van ou veñen desde Asturias. O día anterior, o domingo 15, non circulou servizo ningún de proximidade "por falta de unidades para prestalo", segundo denuncia a plataforma. E o sábado 14, desde as sete da tarde non había ningunha das nove unidades da base de Ferrol dispoñible. 

O domingo 15 non circulou servizo ningún de proximidade; o sábado 14, non había dispoñible ningunha das nove unidades da base de Ferrol

A Plataforma pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo cre que a "desastrosa xestión" do parque móbil de Renfe "é premeditada". "Obedece á intencionalidade de deteriorar ata o máximo nivel a calidade do transporte, pensando en expulsar da liña ata o último usuario", explica un colectivo que cre que a empresa "xa non pode escudarse na situación que atopou hai cinco anos" porque "non fixo máis que empeorar". 

Así, en 2016 foron máis de 500 supresións de servizos, mentres que en 2017 superáronse as 900. O 70% delas, segundo denuncia a plataforma, por deficiencias nas unidades. A falta de investimentos, medidas ou mesmo ideas para revitalizar o tren non pasan de plans urxentes que fracasan ao día seguinte de porse en marcha ou de mudanzas nos horarios que deixan fóra A Mariña ou propoñen frecuencias pouco razoables. Cambios que pouco melloran se as avarías, as cancelacións ou os atrasos son constantes.

A Plataforma pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo cre que a "desastrosa xestión" é "premeditada" para "deteriorar" o servizo e "expulsar da liña ata o último usuario"

"Resulta hipócrita por parte de Renfe achegar propostas de mellora de horarios (totalmente necesarios) ao tempo que é totalmente incapaz de prestar os servizo con puntualidade e fiabilidade en calquera horario; tendo como mostra estas trece supresións nun só día", quéixase a plataforma. Respecto dos investimentos, máis do mesmo. A mellora deste obsoleto servizo do norte galego recibe menos de 2 millóns no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2018.

O plan de mellora presentado por Renfe aos concellos das comarcas afectadas en maio do ano pasado incluía a reforma das unidades diesel. "A día de hoxe non está circulando ningunha desas unidades reformada", denuncia a plataforma, que advirte tamén dunha licitación para a reparación ds oito unidades máis antigas e que prestan servizo a toda a cornixa cantábrica. "Retiráronse tres da circulación para amañalas, pero non se rematou de reparar ningunha", insisten. Respecto das unidades máis numerosas e máis novas, licitouse unha asistencia técnica para revisar as avarías "diarias e endémicas" que padecen. "Entendemos que só se fixo para espazar no tempo a urxente necesidade de reforma desas unidades", asegura o colectivo. 

Ademais, denuncian o "paradoxo" de que das nove unidades asignadas á base de Ferrol por Renfe "non se estean a superar as tres en servizo no mellor dos casos". A plataforma vai máis aló e di ter "fundadas sospeitas" de que algunha delas estanse a reservar algnhas para prestar o servizo estival do Tren dos Faros "mentres se suspenden servizos regulares por falta de material". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.