Os maiores de Rianxo logran un centro de día tras un ano de loita e máis de nove meses de peche

Mobilización a prol do centro de día de Rianxo © Plataforma polo Centro de Día para Rianxo

Máis de nove meses despois de que comezase o peche no Concello e logo dun ano de intensa loita e protesta na rúa e nas institucións, o centro de día en Rianxo está cada vez máis preto. A pasada semana, a Deputación da Coruña confirmaba unha achega de 600.000 euros para a compra, por parte da administración local, do pazo de Rianxiño, aprobada por unanimidade no pleno de principios de mes. Despois dunha longa batalla veciñal e ante a negativa da Xunta a impulsar a infraestrutura, o executivo municipal apostou por mercar este emblemático inmoble que será a sede dunha demanda masiva da cidadanía, cuxas reivindicacións liderou unha plataforma, na súa maioría composta por anciáns que se manterán no salón de plenos ata que se confirme a operación. 

O pleno aprobou por unanimidade a compra do pazo de Rianxiño por 1,6 millóns e a Deputación achegará 600.000 euros

Na reunión da pasada semana, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, confirmaron un acordo polo que a institución provincial destinará 600.000 euros para a adquisición e reforma do pazo, 300.000 euros xa neste ano para colaborar co Concello na compra e outros 300.000 máis en 2019 para confinanciar as obras de adaptación do recinto e convertelo no desexado centro de día. 

O total da operación de compra ascende aos 1,6 millóns de euros e o alcalde rianxeiro xa avanzou que buscará a "complicidade da Xunta" para completar o financiamento dun proxecto que acollerá as instalacións do centro de día así como outros espazos sociais sobre unha superficie construída de 1.500 metros cadrados e duns terreos que superan os 10.000. Foi un grupo de veciños, integrantes da plataforma polo centro de día, os que contactaron coa orde relixiosa das Franciscanas, donas do pazo desde o último terzo do pasado século, para trasladarlle logo ao Concello a súa dispoñibilidade a vender. Desde o executivo municipal confirmouse a intención e empezaron os contactos. Até agora. 

Integrantes da plataforma a prol do centro de día contactaron coas Franciscanas para coñecer a súa dispoñibilidade a vender o pazo

O rexedor agarda que "en dez ou quince días" se faga efectiva a opción de compra. Será daquela cando se poña o ramo á reivindicación e ao peche que comezara o 12 de xullo do verán pasado. Logo, a administración local terá un ano para materializar a compra e aproveitará eses doce meses para ir dando forma á rehabilitación e a toda a burocracia necesaria para o ansiado centro de día. 

A opción de compra farase efectiva "en dez ou quince días"; logo o Concello terá un ano para materializar a compra

A loita por conseguilo empezara hai xa un ano cando a veciñanza se organizara facendo manifestacións e recollendo sinaturas. "Pero sentimos que había que facer algo máis, mobilizarnos ante o desleixo dos políticos", lembra María José Comojo, voceira da Plataforma polo Centro de Día para Rianxo. Pouco antes do día do Carme de 2017, comezaron o peche no salón do plenos do Concello, onde aínda permanecen máis de trinta persoas que comandan a protesta. "A media de idade dos que aquí están supera os 70 anos, hai xente de máis de 80... Teñen moito mérito porque tivemos amagos de infarto, lipotimias e ata caídas polas escaleiras, pero pagou a pena", conta.

Pazo de Rianxiño, en Rianxo, futura sede do centro de día / CC-BY-SA Praza Pública

Mantéñense todo o día no edificio municipal e fan quendas para que dúas persoas durman alí ás noites. A maioría das encerradas son mulleres e alí seguirán "ata que se asine a opción de compra e se certifique a operación". "Confiamos plenamente, pero aguantaremos ata que se confirme", di Comojo, que insiste nas reivindicacións e que lembra que "en Rianxo non hai onde poder facer rehabilitación para os vellos e para optar a outro centro de día da zona podes esperar ata un ano". 

Unhas trinta persoas cunha media de máis de 70 anos manteñen desde hai máis de nove meses o peche no salón de plenos do Concello

Pero a Xunta sempre negou a construción do centro de día nesta localidade de máis de 11.000 habitantes, alegando que "é imposible ter un en cada un dos 313 concellos". "Nunca compartín esa valoración do Goberno galego, máis cando sempre houbo unha oferta de colaboración do Concello para a cesión de terreos ou espazos, pero nunca cristalizou nin encaixou nas súas políticas", di o alcalde Muíños. A oposición parlamentarioa acusou o PP de planificar mal os servizos sociais e primar concellos onde gobernan os populares. "Sempre pensei que, por poboación e demanda, Rianxo tiña que ter este servizo", insiste. 

A Xunta negou sempre a construción dun centro de día en Rianxo, onde 20 maiores acoden a outras instalacións da comarca e outras 20 esperan praza

Refírese o alcalde ao feito de que, por exemplo, haxa 20 persoas de Rianxo que estean acudindo diariamente a outros centros de día da --na Pobra, Boiro ou Dodro-- e que Servizos Sociais lle confirmen que, polo menos, outras 20 están á espera dunha praza da que non dispoñen. "As contas non saen", insiste o rexedor, que aclara que "este servizo ten vocación municipal e de proximidade" "As persoas maiores non poden estar unha hora de excursión na ida e outra de volta", di. "Se soubese que non hai demanda, que non hai xente que vaia ir ao centro de día, non teriamos dado o paso", engade. 

Mentres desde o Goberno galego negaban o centro, a plataforma manifestouse cada pouco, varias veces ante o Parlamento, de onde mesmo foron expulsados os seus membros. "Os políticos pensan que non nos movemos pero non íamos permitir envellecer desta maneira, non só por nós senón polos nosos fillos, para que poidan conciliar", insiste Comojo, que lembra que no colectivo "hai xente do PP, do PSdeG, de En Marea, do BNG... De todos". "Os maiores non son invisibles, están aí, e algún partido debería pensar que non van votar sempre o mesmo por moitas comidas que lles paguen", advirte. 

"Os maiores non son invisibles e algún partido debería pensar que non van votar sempre o mesmo por moitas comidas que lles paguen"

Adolfo Muíños gaba a mobilización cidadá e lembra que "cando as administracións non atenden, a loita é benvida". "Toda esta xente non só ten moito mérito, senón que coa súa pelexa axudou a que se tomasen decisións e que teñamos a complicidade doutra administración no proxecto", lembra o alcalde, que asegura que o Concello buscará no futuro que fundacións ou outras entidades se sumen á iniciativa.

 

Antiga residencia de Viturro, o cacique que caricaturizaba Castelao

A confirmación da operación de compravenda suporía non só satisfacer unha demanda e necesidade da localidade, senón recuperar para o público un espazo emblemático. O Pazo de Rianxiño é tamén coñecido como Pazo de Viturro, en referencia ao seu antigo dono, Manuel Viturro Pose, un coñecido cacique de Rianxo de finais do século XIX e principios do XX que ocupou varios cargos de importancia, como a alcaldía de Noia, o liderado do Partido Liberal rianxeiro ou a secretaría da Deputación da Coruña. 

O Pazo de Rianxiño é tamén coñecido como o de Viturro, ao ser propiedade durante anos da familia deste cacique local

A súa influencia era tal que lle serviu ao Alfonso Daniel Rodríguez Castelao para sinalalo como o paradigma do cacique local e caricaturizalo e criticalo nalgunha publicación. Era, ademais, o inimigo político de seu pai. O pazo, tras ser construído pola familia Pose a mediados do seculo XVIII (1740), foi adquirido no último terzo do pasado século pola congregación relixiosa Madres Franciscanas Misioneras de la Madre del Divino Pastor, que o empregaba para os seus retiros espirituais ou para actividades, como excursións escolares. 

Agora, máis de cen anos despois de que o seu antigo dono recibise as críticas no semanario rianxeiro El Barbero Municipal, o Pazo de Rianxiño pasará a ser o gran símbolo da política social da localidade natal do líder político do galeguismo.

Mobilización por un centro de día en Rianxo © Plataforma polo Centro de Día para Rianxo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.