En 1958 comezaron as obras que levaron ao desecamento da Lagoa de Antela. Neste 2018 chega, pois, o 60 aniversario e o Concello de Xinzo de Limia vén de anunciar a organización dunha homenaxe aos traballadores que levaron a cabo as obras que acabaron con esta zona húmida. Nos traballos, que duraron varios anos, chegaron a participar un máximo de 70 traballadores, a finais dos 60, e varios dos lagoeiros chegados dende fóra da comarca ficaron a vivir na Limia. Non será a única actividade dedicada a lembrar o 60 aniversario da desaparición da lagoa. O Museo Etnográfico da Limia organizará unha mostra de imaxes extraídas do libro A memoria asolagada (Xerais, 1997), coordinado por Xosé Luis Martínez Carneiro.
As importantes chuvias caídas este inverno anegaron os campos da Limia, prexudicando notablemente a produción de cereais e pataca. Este tipo de enchentes son habituais
Nas últimas semanas o espazo que ocupaba a Lagoa de Antela é noticia ademais polos asulagamentos que unha vez máis se repiten no lugar. As importantes chuvias caídas este inverno anegaron os campos, prexudicando notablemente a produción de cereais e pataca. De feito, a asociación de produtores de pataca da Limia reclamou a declaración de zona de emerxencia para oito concellos da comarca. E o PSdeG-PSOE presentou unha moción na Deputación instando o ente provincial a sumarse á petición de que a zona reciba esta declaración. Este tipo de enchentes son habituais e repítense cada vez que A Limia ten unha estación chuviosa, recuperando as augas parte do terreo que sempre ocuparon.
O 60 aniversario do inicio do desecamento é un bo momento para lembrar a historia destes traballos e da propia lagoa e tamén da importancia medioambiental deste humidal desaparecido, que ocupaba unas catro mil hectáreas de terreo (máis un espazo de enchente, en función das chuvias) na intersección dos actuais concellos de Sandiás, Xunqueira de Ambía, Vilar de Barrio, Sarreaus e Xinzo de Limia. A lagoa variaba a súa forma e dimensión, de forma estacional, chegando a medir sete por seis quilómetros no inverno, cunha profundidade que ía dende o medio metro ata os dous metros nalgunhas zonas.
En 1956 o Instituto Nacional de Colonización impulsou o inicio do proceso. Nese ano a ditadura franquista publicou unha lei que declaraba de “alto interese nacional” as obras de desecamento e a posterior concentración parcelaria. En 1958 comezaron as obras, que moi rapidamente fixeron desaparecer a lagoa, pero que despois tardaron aínda moitos anos en acondicionar o espazo gañado ás augas, buscando o seu aproveitamento agrícola. O desecamento foi un desastre ecolóxico, desaparecendo unha parte moi importante da rica diversidade animal e vexetal do humidal, pero tamén foi un certo fracaso nos seus obxectivos de desenvolvemento agrario. Tivo efectos moi negativos sobre a a calidade dos solos, que ademais comezaron a sufrir dunha paradoxal ausencia de auga, e tivo que ser implementado un complexo sistema de rega.
Serafín González subliña que "non só foi un gran desastre ecolóxico senón que tamén as consecuencias sociais, económicas e demográficas foron moi negativas"
Serafín González ten analizado as consecuencias do desecamento en obras coma Aves da Limia. Dende a lagoa de Antela aos nosos días ou en Recuperación ambiental integral da Limia. Unha utopía necesaria... e posible! (descargable de balde neste enlace), explicando que se extinguiron dez especies de aves na Limia e unha a nivel ibérico: o ganso común, e subliñando que "non só foi un gran desastre ecolóxico senón que tamén as consecuencias sociais, económicas e demográficas foron moi negativas". González subliña ademais a deforestación que sufriu toda a contorna, desaparecendo numerosas veigas e vexetación de ribeira e unha rica paisaxe agraria constituída por un mosaico de terras cultivadas e pasteiros con sebes arborizadas.
Como curiosidade, antes de 1958 foron varios os proxectos de desecamento da lagoa, todos fracasados. O primeiro deles data de 1827, retomado en 1848 e de novo en 1854 polos irmáns Mugártegui. Neste caso foi a forte oposición veciñal a que detivo as obras antes de comezar, a través dunha carta asinada por 300 cabezas de familia de Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Vilar de Barrio e Vilar de Santos, preocupados polo efecto negativo que para a gandaría tería a desaparición da lagoa. Houbo novos intentos en 1868, 1874 e de novo en 1937 e 1949, pero non pasaron de simples proxectos sobre o papel. Nestas dúas imaxes (clica na parte central para deslizar o visor) pódese observar como era a Lagoa de Antela no ano 1956 (fotografía do voo americano) e o aspecto que presenta na actualidade (foto de 2014)
Recuperar o humidal?
A SGHN e outras entidades traballan na recuperación de veigas e chairas de asulagamento que desapareceron e apoiando o regreso de varias especies de aves
É posible recuperar a zona húmida de Antela ou parte dela? É posible recobrar parte da biodiversidade que existía na comarca, así coma impulsar a gandaría que se viu prexudicadas pola desaparición da lagoa? Dende a SGHN lévase traballando dende hai anos instalando por exemplo niños para cegoñas, e na actualidade hai xa un cento de aves desta especie na Limia. Tamén se aposta pola recuperación das veigas e chairas de asulagamento que desapareceron (e que reaparecen en cada tempada de chuvias) así como das sebes arboradas e a actividade de pastoreo. A entidade está a levar a cabo un proxecto de limpeza na Veiga de Gomareite (Vilar de Barrio), unha antiga veiga asolagada polas augas da Lagoa de Antela e que ficara convertida nun vertedoiro de lixo e entulleira. Agora en parte desa veiga estase a desenvolver un proxecto de gandaría en extensivo e inténtase a recuperación da flora e fauna preexistente.
Dende 1997, cada 2 de febreiro commemórase o Día Mundial dos Humidais, no que se destacan os valores medioambientais das zonas humidas, protexidas pola Convención de Ramsar, asinada por España, pero cuxos mandatos non se están a cumprir. "Non é utopía, é necesidade", destaca a SGHN, que alerta do "colapso hidrolóxico na Limia". "Só falta que alguén con capacidade de liderado e aglutinación de vontades lance o proceso que devolva a Galicia e aos galegos, aínda que sexa en parte, os valores e funcións que se perderon cando se desecou a lagoa de Antela", afirmou Delmar Blasco (secretario xeral da Convención de Ramsar entre 1994 e 2001).
"Só falta que alguén con capacidade de liderado e aglutinación de vontades lance o proceso que devolva a Galicia e aos galegos, aínda que sexa en parte, os valores e funcións que se perderon cando se desecou a lagoa de Antela", afirmou Delmar Blasco
De igual xeito, en Recuperación ambiental integral da Limia. Unha utopía necesaria... e posible!, Serafín González e Antonio Villarino escriben "Nos albores dun novo milenio podemos continuar esnaquizando os retallos naturais que aínda subsisten na Limia, e hipotecar definitivamente o seu futuro económico e ecolóxico, podemos seguir lamentándonos da perda dun agroecosistema único ou podemos, dunha vez por todas, comezar a reparar os antigos erros e construír as bases dunha explotación sostible dos recursos naturais da Limia que implica, necesariamente, a rexeneración da dinámica hidrolóxica e a recuperación do mosaico de zonas húmidas, arborizadas, cultivadas e pastoreadas. ¿A qué agardamos?".