A alerta sindical saltara ás poucas horas do inicio da folga feminista do pasado 8 de marzo. Dende o comité de empresa da Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG) advertíase de que a compañía pública estaba a tentar "rebentar" a xornada de mobilización ao estar "chamando e convocando traballadores" para "substituír as mulleres que estaban exercendo o seu dereito" a participar na protesta, abeirada nunha convocatoria de folga xeral de 24 horas -da CUT- e de paros parciais -da CIG, CC.OO. e UGT-. O caso máis rechamante, advertiran, fora a substitución por un home da presentadora do informativo Galicia Noticias, que fora á folga. Esa remuda vén de dar lugar a unha condena á TVG no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia por vulnerar o dereito á folga.
Foi o sindicato CUT o que puxo en mans da xustiza estes feitos. Nunha sentenza ditada este 26 de abril o tribunal acredita que, efectivamente, a presentadora habitual deste informativo non acudiu a traballar e as súas funcións foron exercidas nesa xornada polo editor do espazo, o seu "xefe". Neste sentido, o TSXG retruca aos argumentos da empresa pública que "a cuestión non é" se este "superior" xerárquico da xornalista "pode realizar dentro do programa" a "función de presentar", senón "se tal función é a que realiza de forma habitual" a traballadora que nesa xornada foi á folga. O xulgado dá por por probado que isto sucedeu e que se trata "dunha conduta encadrable dentro da esquirolaxe interna".
O tribunal ve "encadrable na esquirolaxe interna" a substitución dunha presentadora que foi á folga por un home que realizou o seu traballo no programa do 8 de marzo
Esta "actuación", indica o ditame xudicial, "tivo a súa orixe nun mandato empresarial", xa que "foi a CRTVG quen substituíu" á presentadora por outra persoa "ante a ausencia (...) por exercicio do dereito á folga". A representación da canle pública argumentou durante o proceso que propiciara a remuda con ánimo "conciliador", precisamente para aceptar a demanda sindical de que "non houbese ningunha muller en pantalla ese día". No entanto, "esa afirmación non se ve corroborada polas probas", toda vez que, entre outros aspectos, a compañía "incluíu tanto homes como mulleres" na "relación nominal de traballadores para cubrir os servizos mínimos", entre os que non estaba o Galicia Noticias.
O feito de que a televisión pública tomase unha decisión coma esta "nunha folga cuxa principal reivindicación é a igualdade real das mulleres no mundo laboral" semella "un indicio máis que suficiente". "Do que se trataba, como sinala o sindicato demandante -abonda a sentenza- era de visibilizar as consecuencias da ausencia das mulleres traballadoras nos seus postos de traballo" e estas consecuencias, evidencia, "non son visibles se a ausencia de dita traballadora fémina é suplida por un traballador varón".
A sentenza acredita que a compañía pública vulnerou o dereito á folga, declara "nula" a decisión empresarial da remuda e condena a CRTVG a indemnizar o sindicato CUT con 15.625 euros
Esta condena susténtase, lembra o tribunal, na lexislación vixente, na xurisprudencia e na propia Constitución, normas que avalan "que nin o empresario pode impoñer aos traballadores non folguistas a realización de tarefas que corresponden a quen secundaron a convocatoria" e "nin os traballadores que deciden libremente non secundala, poden substituír o traballo dos seus compañeiros" alén dos servizos mínimos esenciais. "A prohibición da substitución interna dos traballadores é consecuente coa necesidade de garantir a efectividade do dereito fundamental" á folga e por iso á CRTVG é condenada.
Deste xeito, o TSXG declara "vulnerado o dereito á folga" da CUT como "convocante da folga xeral de 24 horas en Galicia" durante o 8M "por minorizar a empresa o efecto da folga mediante a substitución dunha traballadora folguista". Así, a "decisión empresarial de substituír a traballadora e manter a emisión do programa" é declarada "nula" e a canle pública é condenada a abonar ao sindicato 15.625,50 euros en concepto de indemnización por danos e prexuízos. Contra esta sentenza cabe recurso de casación ante o Tribunal Supremo.