0 Gardados para despois

Os sindicatos da Xustiza que rexeitan o pacto coa Xunta, dispostos a "interromper" a folga para volver negociar

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A votación non calmou as augas. O resultado da consulta entre os traballadores da Administración da Xustiza en Galicia o pasado venres rematou, por sorpresa, co rexeitamento da última proposta que a Xunta pactou con catro dos tres sindicatos con representación no comité de folga. Por apenas 90 votos, impúxose o non á oferta. CIG, Alternativas na Xustiza-CUT e STAJ acusaban de "traizón" a UGT, USO, CCOO e CSIF, que denunciaron "coaccións", "presións" e "falta de liberdade" do resto das centrais nunhas votacións que mesmo non consideran lexítimas. Tampouco o Goberno galego. O seu vicepresidente, Alfonso Rueda, xa insinuou que era bo repetilas e insistiu este luns en que "non foron en liberdade" e en medio de "ameazas". 

CIG, CUT e SJAT piden á Xunta "sentar e negociar sen levantarse da mesa" e din estar dispostos a "interromper" a folga "durante a negociación"

Agora, os tres sindicatos que rexeitaron a proposta da Xunta instan o Goberno a "sentar e negociar sen levantarse da mesa" e aseguran que, de ocorrer isto, estarían mesmo dispostos a "interromper" o paro indefinido "durante a negociación". Así o declararon en comparecencias de CIG, STAJ e CUT en diferentes cidades galegas. 

Desde Santiago, Enrique Araújo, portavoz de STAJ, cre que USO, UGT, CSIF e CCOO "non están a asumir" o resultado e insiste en que "estaba todo preparado" por eles para que "saíse o si". "Están a facerlle o xogo á Xunta, están coa Xunta para anular unha votación que quedou clara. O colectivo quere unha mellor proposta e loitar por ela", insistiu para engadir que o mellor é "porse a negociar para buscar unha solución acordada".

Na Coruña, Óscar Freixido (CIG) cre necesario chegar a un acordo que "satisfaga" todas as partes e "non a catro" para que o conflito "non se peche en falso" e permita a "paz social" no sector, onde avogou pola "unidade de acción sindical". 

Desde Ourense, Pablo Valeiras, portavoz de Alternativas na Xustiza-CUT, advertiu da "intención de chegar a acordos" dos tres sindicatos que rexeitaron a última proposta e anunciou a presentación por rexistro en San Caetano da petición de reunión, ademais de chamar á Xunta a estar presente. Ademais, lembrou que UGT estará na xuntanza, polo que haberá "polo menos catro sindicatos" e non haberá "minoría". 

"Queremos pór fin ao conflito e desfacer o mito creado por Rueda e Feijóo de que somos uns radicais que queremos alongar a folga até unhas novas eleccións"

Ao tempo, anunciou que, se a Xunta acepta "sentar e negociar sen levantarse da mesa", CUT, STAJ e CIG estarían dispostos a "interromper a folga durante a negociación". "Esta é a demostración de que queremos pór fin ao conflito e desfacer o mito creado por Rueda e Feijóo de que somos uns radicais que queremos alongar a folga até unhas novas eleccións", subliñou.

Por outra banda, SPJ-USO, sindicato maioritaria no sector, recoñeceu unha "votade maioritaria" dos traballadores por "rexeitar a proposta" na consulta, o que obriga a "solicitar da Xunta que continúen as negociacións". Nun comunicado, o sindicato anuncia que "seguirá negociando" e concede lexitimidade á votación, pero non aforra críticas contra CIG, STAJ e CUT. 

USO, sindicato maioritario, recoñece os resultados da votación, pide seguir negociando pero critica a actitude "belixerante" dalgunhas centrais

Cualifica de "incomprensible" a súa actitude e o "ambiente de tensión e condicionamento" do pasado venres. "Non entendemos por que algúns sindicatos se empeñaron, dunha maneira tan incomprensiblemente belixerante, en impedir primeiro e logo en obstaculizar que o colectivo poida pronunciarse dunha maneira libre e soberana sobre a proposta que se someteu a referendo", dixo USO, que nega que vaia "asinar ás agachadas pacto ningún para acabar coa folga" e que cre que toda proposta "digna" debe ser sometida á "decisión" do colectivo. 

 

O BNG pide a dimisión de Rueda

Mentres os sindicatos volven chamar ao diálogo, o PPdeG volveu lamentar o "viciado" proceso de votación e pediu a oposición que aclarase se "avala ou non" uns feitos que cre "lamentables e condenables". Ademais, reclamou que se chegue a un acordo xa para evitar máis o "dano excesivo" que se está a crear á sociedade. 

O PP pide que a oposición aclare se "avala ou non" os "lamentables e condenables" feitos do pasado venres

Pola súa banda, desde o BNG, a súa portavoz Ana Pontón lamentou a situación e asegurou que os galegos "non merecen un goberno que, coa súa incapacidade para negociar, está a paralizar un servizo básico importante". Ademais, considera "inhabilitado" a Rueda para seguir á fronte da negociación e cre que debería "dimitir"

"O lóxico sería que Rueda dese un paso atrás porque a súa estratexia enquista o conflito. Urxe diálogo, diálogo e diálogo. Que as partes senten e negocien, porque os galegos teñen dereito a unha xustiza sen discriminación que funcione de forma eficaz", engadiiu Pontón, que criticou a denuncia do vicepresidente e a súa intención de repetir a consulta aos traballadores porque "repetir unha elección cando non gusta o resultado levaría ao absurdo se se aplica en todos os ámbitos".

A Xunta sitúa o seguimento da folga nun 22,2% neste luns

Para o BNG, os traballadores da Xustiza lanzaron "unha mensaxe" crítica coa estratexia de negociación seguida pola Xunta e pediu "máis capacidade e empatía", e "menos chulería", pero tamén advertiu de que Feijóo "non pode seguir escondido" porque unha folga que está a piques de alcanzar os tres meses "é responsabilidade directa" do Goberno galego, polo que animou o seu presidente a "dar a cara".

Mentres, a Xunta sitúa o seguimento da folga en tan só o 22,2%, unha porcentaxe que elevan os sindicatos. Segundo os datos da Administración, secundaron o paro este luns 612 persoas. Ademais, 302 funcionarios non acudiron ao traballo por ausencia xustificada e 775 participaron nos servizos mínimos. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.