0 Gardados para despois

A Xunta ameaza con desaloxar dunha vivenda pública a unha familia compostelá "en situación de exclusión social"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A Xunta non lles ofreceu un aloxamento alternativo, polo que corren un serio risco de quedar na rúa

Unha familia compostelá residente dende o ano 2006 nunha vivenda de protección oficial de promoción pública está a piques de ser desaloxada deste inmoble. O pasado mes de novembro o Instituto Galego de Vivenda e Solo (organismo responsable da política de vivenda da Xunta) iniciou o proceso de desafiuzamento, por mor dos conflitos de convivencia orixinados no barrio. A familia, en situación de exclusión e con varios dos seus membros cobrando pensións de invalidez ou con dependencia recoñecida, non foi quen de atopar outra vivenda no mercado libre e a Xunta non lles ofreceu un aloxamento alternativo, polo que corren un serio risco de quedar na rúa, co agravante de que a xustiza encomendoulle ao Goberno galego a tutela dunha destas persoas a través da FUNGA (Fundación Pública Galega para a Tutela de Persoas Adultas).

"Propoñer un desafiuzamento sen ofertar vivenda alternativa sería agravar mais a situación de exclusión social na que se atopan, convertendo en persoas sen teito a aquelas que presentan discapacidade recoñecida"

Un informe dunha traballadora social do Concello de Santiago, ao que tivo acceso Praza.gal, solicita o aprazamento do lanzamento e alerta de que "propoñer un desafiuzamento sen ofertar vivenda alternativa sería agravar máis, se cabe, a situación de exclusión social na que se atopan, convertendo en persoas sen teito a aquelas que presentan discapacidade recoñecida e/ou que están incapacitadas xudicialmente, cunha medida de tutela por parte da Administración Pública". Engade tamén existe a posibilidade de que marchen vivir cun familiar residente noutro barrio compostelán, coa que se realizou "unha importante intervención social ao longo destes anos para minguar elementos de risco social, acadando a estabilidade no domicilio". "Se se incorpora a outra unidade de convivencia a este domicilio é mais que previsible que a medio prazo se produza un segundo desafiuzamento, desbotando o traballo realizado dende os Servizos Sociais e incrementando o número de persoas que se atoparían na rúa".

A familia está formada por un home, unha muller e por un irmán desta, cunha discapacidade recoñecida, incapacitado xudicialmente e tutelado pola FUNGA

A familia está formada por un home, unha muller (parella) e por un irmán desta, cunha discapacidade recoñecida, incapacitado xudicialmente e tutelado pola FUNGA. Carecen de ingresos e cobran dúas pensións de invalidez. Ademais, cinco menores que tamén formaban parte do núcleo familiar, que se atopaban en situación de desamparo social, están xa tutelados pola Xunta; tres en centros de internamento e dous no programa de familias acolledoras de Cruz Vermella. O informe subliña que a familia está "socialmente illada da comunidade en xeral", rexeitados pola propia comunidade xitana á que pertencen, cunha consecuente "ausencia de rede de apoio social".

A FUNGA ten a misión de facerse cargo das necesidades de mulleres e homes maiores de idade, que tras análises forenses e por decisión xudicial, non teñan a capacidade de xestionar a súa vida cotiá nin obrar autonomamente. Na actualidade apenas unha vintena de traballadores e traballadoras son as encargadas de xestionar as finanzas persoais, a supervisión sanitaria ou atención social de máis de 3.000 persoas atendidas. Diversas sentenzas xudiciais acreditan que numerosas persoas tuteladas pola Xunta padecen graves carencias de atención, unhas deficiencias da FUNGA que levan a persoas tuteladas por ela a depender de entidades como Cáritas. “Hai forenses que dubidan se recomendar que se incapacite a alguén porque saben que a Funga non ten capacidade para atender eses casos concretos”, dicía hai uns meses unha fonte coñecedora do funcionamento da fundación.

Débeselle "garantir un aloxamento alternativo"

A vivenda foi adxudicada por subrogación no ano 2002 á nai da actual propietaria, incapacitada debido ás eivas dun accidente de tráfico e tamén tutelada pola FUNGA e ingresada nun centro residencial de persoas maiores. O custo do alugueiro da vivenda e gastos de subministros (auga, electricidade) están a ser sufragados pola FUNGA co diñeiro da indemnización económica que percibiu a nai tralo devandito accidente de tráfico. No pasado á parella foille adxudicada unha vivenda de promoción pública en réxime de alugueiro na mesma rúa, propiedade do IGVS. Pero debido a que non afrontaban os pagos da vivenda foron desafiuzados, polo que enfrontarían agora o seu segundo desaloxo.

Segundo o informe da traballadora social, as condicións de habitabilidade e salubridade na vivenda "son nulas", sen auga quente, electrodomésticos nin enchufes. "Nas condicións nas que se atopa esta vivenda é imposible que resida ningunha persoa, dado que supón un grave risco para a súa integridade física e, incluso, para os restantes moradores do inmoble", sinala o documento. No último ano e medio o equipo do departamento de Políticas Sociais do Concello de Santiago realizou case 200 actuacións con esta familia, incluíndo 33 entrevistas e 36 visitas á vivenda, incidindo especialmente na colaboración para a procura dun novo inmoble de alugueiro. Neste traballo de atención tamén participaron outras entidades como Cáritas.

"Esta familia atravesa unha situación de especial desvalemento, contemplada no Convenio de Colaboración de CXPX, Xunta, FEGAMP sobre detección de supostos de vulnerabilidade con ocasión de lanzamento de vivenda"

Os informes, remitidos ao IGVS e ao Xulgado contencioso administrativo nº 2 de Santiago -que aprobou xa a entrada ao domicilio para consumar o lanzamento- engaden que "esta familia atravesa unha situación de especial vulnerabilidade e desvalemento, contemplado no punto nº 2 da cláusula segunda do Convenio de Colaboración asinado entre o CXPX, a Xunta de Galicia e a FEGAMP sobre detección de supostos de vulnerabilidade con ocasión de lanzamento de vivenda familiar e medidas de carácter social". A traballadora social subliña que "dada a situación na que se atopa esta familia, que tecnicamente é de exclusión social, é imprescindible o apoio, a protección e a tutelaxe dende os diferentes servizos pertencentes á Administración pública, tanto municipais como autonómicos".

"Debe ser a Administración Pública competente na materia (IGVS), a que en base ás súas competencias, asuma o sinalado"

Conclúe, polo tanto, que "pese aos conflitos xerados no contorno comunitario, pero atendendo aos graves elementos de vulnerabilidade" débeselle "garantir un aloxamento alternativo e arranxar, a maiores, a anterior vivenda para evitar perigos no eido comunitario". "Debe ser a Administración Pública competente na materia (IGVS), a que en base ás súas competencias, asuma o sinalado anteriormente", remata. Engade, finalmente que "tendo presente que a convivencia no contorno comunitario é conflitiva e que non hai un lazo forte familiar de vinculación a este municipio, considérase que a vivenda pode estar ubicada en calquera termo municipal".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.