O sindicato maioritario na Xustiza únese aos que rexeitan o acordo coa Xunta e os catro piden negociar xa

Comité de folga dos funcionarios de Xustiza, pechados na Dirección Xeral CC-BY-SA Praza Pública

Novo xiro no conflito da Xustiza. O sindicato maioritario no sector, SPJ-USO, únese aos tres (Alternativas na Xustiza-CUT, CIG e STAJ) que rexeitan o acordo que fora pactado coa Xunta por catro centrais --incluída a propia USO-- e que foi rexeitado en votación polo persoal. Esta nova reconfiguración no comité de folga non só "reconstrúe a unidade sindical" destas organizacións senón que establece "unha nova maioría sindical" que acepta o resultado da consulta entre os traballadores e advirte de que "a folga continúa ata acadar un acordo que permita rematar o conflito".

Ademais, os catro enviaron unha carta á Xunta na que lle piden que convoque o comité de folga para "continuar coa negociación" e na que advirten de que están dispostos a "interromper a folga unha vez constatada que hai vontade de negociación por parte do Goberno". 

USO, sindicato maioritario na Xustiza, únese a CUT, CIG e STAJ para aclarar que "a folga continúa" e que o preacordo "non remata co conflito"

Antes, estes catro sindicatos --SPJ USO, AX-CUT, STAJ e CIG-- emitían un comunicado conxunto que fixeron público na tarde deste mércores e no que queren "deixar claros" varios puntos. Nun deles expresan que "os resultados das votacións do principio de acordo levado ás asembleas por catro sindicatos deixou moi claro que os traballadores da Xustiza galega non consideran que este texto remate co conflito"

Xa que logo, e como aclaran no mesmo texto, a folga que este mércores cumpre 85 días "continúa" ata que se acade un acordo que poña fin ao conflito. Ademais, aseguran que con este novo equilibrio de forzas no comité de folga "non só queda reconstruída a unidade sindical SPJ-USO, AX-CUT, STAJ e CIG", senón que "queda establecida unha nova maioría sindical", polo que "instan" o resto de centrais a que se "adhiran a esta maioría". 

Os catro sindicatos aclaran que "queda establecida unha nova maioría sindical" e instan as outras tres centrais a unirse

O pasado venres, os sindicatos USO, UGT, CCOO e CSIF someteron a consulta entre o persoal da Xustiza en Galicia o acordo ao que chegaran en solitario, e á marxe das outras tres centrais, coa Xunta e coa intención de poñer fin ao conflito e á folga que suma case tres meses. Contra todo prognóstico --e entre acusacións e reproches sindicais mutuos-- o non ao pacto que defendían CUT, CIG e STAJ resultou o vencedor por apenas 90 votos. As tensas votacións, os berros de "vendidos" ou "traidores" contra as catro organizacións e os enfrontamentos verbais remataron de vez coa unidade sindical que caracterizara o conflito desde o seu inicio. 

Agora, co recoñecemento explícito por parte da USO, sindicato maioritario no sector, dos resultados das votacións e da necesidade de "acadar un acordo para rematar o conflito" a pelota queda no tellado da Xunta, máis aínda cando a unión desta central con CUT, segundo sindicato na Xustiza galega, CIG e STAJ outórgalles aos catro unha representación de arredor do 65% fronte ao 60% que supoñían os catro que convocaran a consulta.

USO, AX-CUT, CIG e STAJ piden á Xunta que convoque o comité de folga para "rematar co conflito ao longo desta semana"

Respecto da carta á Xunta, USO, AX-CUT, CIG e STAJ  solicitan á Xunta a convocatoria do comité de folga para negociar e expresan a "responsabilidade" tanto do Goberno como deste comité de folga para "rematar con este conflito ao longo de esta semana" e "evitar maiores prexuízos á cidadanía e comezar canto antes a posta ao día dos xulgados galegos". 

Os catro sindicatos amósanse dispostos a interromper a folga se a Xunta ten "vontade de negociación"

"Co fin de chegar a un principio de acordo e co ánimo de tenderlle a man á Xunta, adiantamos a posibilidade de facer unha interrupción da folga unha vez constatada que hai vontade de negociación por parte da Xunta", din os sindicatos, que aclaran que queren "centrar as negociacións nos puntos que impediron que os traballadores da Xusiza galega aprobaran o texto sometido a votación". Destacan, entre eles, a cláusula de revisión e o plan de recuperaicón do traballa atrasado. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.