0 Gardados para despois

A Xunta non acode á reunión convocada por tres sindicatos da Xustiza malia a oferta de interromper a folga

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A principios do pasado mes de marzo, cando a folga do persoal da Administración da Xustiza en Galicia cumpría un mes, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reclamaba dos sindicatos a suspensión da folga "mentres se negocie", unha solicitude que consideraba "absolutamente lóxica" e que reiterou en diferentes ocasións. O pasado luns, os tres sindicatos que rexeitan o acordo que pactaron Goberno e outras catro centrais --e que tamén foi rexeitado polo persoal en votación-- dixeron estar dispostos a "interromper" o paro para retomar as conversas e convocaron a Administración e todos os representantes sindicais este mércores na Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Tal e como anunciaran uns e outros, non acudiron a unha cita na que só se presentaron CIG, Alternativas na Xustiza-CUT e STAJ. 

Nin Xunta nin o resto de sindicatos acudiron á xuntanza convocada por CIG, CUT e STAJ

Os tres sindicatos foron moi duros con Alfonso Rueda, ao que cualificaron de "prepotente, mentireiro e chantaxista". O voceiro de AX-CUT, Pablo Valeiras, lembrou a oferta do vicepresidente de hai semanas para sentar a negociar se había unha suspensión da folga, tal e como acaban de propoñer. "Pero non está aquí; a Xunta e el retrátanse perfectamente", dixo respecto dunha Administración e dun conselleiro que cre que "tarde ou cedo dimitirá ou o dimitirán". "Un político que non cumpre o que di é evidente onde ten que estar", engadiu.

 Os sindicatos lembran que Rueda asegurou que sentaría a negociar se interrompían a folga, como ofrecen agora, durante as conversas

Ao tempo, a folga continúa, cumpre o seu 85º día, vai camiño dos tres meses e suma bastantes máis de 20.000 xuízos suspendidos. Os tres sindicatos que convocaron este mércores a xuntanza non celebrada fixeron un chamado ao resto de sindicatos que integran o comité de folga --SPJ-USO, UGT, CSIF e CCOO-- a retomar a unidade. CIG, AX-CUT e STAJ acudiron á EGAP e non só non había ningún representante da Xunta, senón que lles foi impedida a entrada.

Os portavoces dos tres sindicatos --tamén estaban Enrique Araújo, de STAJ, e Óscar Freixido, da CIG-- insistiron na necesidade de "retomar a unidade" sindical para conseguir a fin do conflito e do paro. Ademais, advertiron de que, a pesar das evidentes diferentes entre as centrais, o comité de folga "non está roto". Así, lembraron que as outras catro organizacións "non desconvocaron a folga" malia ser "maioría". 

CIG, CUT e STAJ piden recuperar a unidade sindical e lembran que as outras catro centrais non desconcovaron a folga malia ser maioría

Mentres isto ocorría, dous delegados da UGT que acudiron á EGAP a "facer trámites administrativos" coincidiron coas outras tres centrais e tampouco puideron entrar na sede administrativa. O portavoz deste sindicato no sector da Xustiza, Manuel Díaz, lembrou que a "condición" que puxo a súau central para reiniciar as conversas coa Xunta é que fose precisamente esta quen convocase as xuntanzas. 

Ante isto, criticou que non se lles permitise acceder á sede da EGAP, á que acudían para "facer trámites urxentes relacionados cun expediente disciplinario". "Terán que dar --a Xunta-- explicacións de por que se nos está prohibindo o paso como delegados sindicais, como cidadáns ou como funcionarios da Xustiza", rematou.

Ao pouco tempo, Alfonso Rueda contestou os reproches dos tres sindicatos advertindo de que a convocatoria deste mércores "nin tan sequera era do comité de folga que forman sete sindicatos" e avisou de que unha negociación con CIG, CUT e STAJ "era implantexable" por pediren medidas que "unha administración responsable non pode conceder". Así, asegurou que reclaman que "se devolva o diñeiro" perdido polos funcionarios en folga sen vinculalo "a ningún traballo concreto" e criticou tamén que esixan que se "garanta" que os traballadores galegos sexan "sempre os cuartos mellor pagados de España".

Rueda acusa os tres sindicatos que rexeitan o acordo de "pedir cousas que unha administración responsable non pode conceder"

"A Xunta o que garantiu é que sempre cobrarían máis do que cobra a media de funcionarios en España, pero non podemos garantir ese cuarto posto, Galicia non é nin moito menos a cuarta comunidade con máis potencia económica en España", engadiu Rueda, que cre que "moitísima xente se daría por satisfeita" e "pensaría que é unha boa oferta" a da Xunta, que "garante que sempre van estar cun soldo por enriba da media dos traballadores da Xustiza en España".

Ademais, o vicepresidente insistiu en que a Xunta non seguirá "nunha poxa" na que "cada vez que pon unha oferta enriba da mesa" hai unha "serie de sindicatos que tiran un pouco máis para arriba para que nunca acabe a folga". "A oferta é a que é", defendeu Alfonso Rueda, que considerou que CUT, STAJ e CIG "comprometéronse a cousas que non van poder cumprir" e que asegura que a unidade sindical "está totalmente rota". 

 

Dimisión do presidente do comité de folga

Por outra banda, o membro do sindicato SPJ-USO Carlos Dacal, que asumira a presidencia do comité de folga dos funcionarios da Xustiza hai dúas semanas e despois da renuncia do seu compañeiro Manuel Tejada, presentou a súa dimisión deste órgano por motivos "persoais e de saúde". O seu substituto será outro membro da USO, sindicato maioritario no sector. 

Dacal, presidente do comité de folga, asegura que dimite por razóns "persoais e de saúde"

Ademais, a oposición parlamentaria pediu á Xunta que "sente" para tratar de poñer fin ao conflito na Xustiza, mentres que o PP considera que o remate desde conflito está "en mans dos sindicatos". Na xunta de portavoces, En Marea e BNG pediron que Rueda comparecese no vindeiro pleno, unha proposta rexeitada polos populares. 

O portavoz do PP na Cámara, Pedro Puy, argumentou que Rueda "xa compareceu" o pasado 6 de marzo, mentres que a viceportavoz parlamentaria do PSdeG, Patricia Vilán, explicou que por parte do seu grupo "non habería ningún problema" en que esta comparecencia se producise, tendo en conta que "está ben" que o Executivo compareza.

Pola súa banda, o portavoz de En Marea, Luís Villares, acusou a Rueda e a Feijóo, dunha "irresponsable actitude en todo este conflito", sobre o que advertiu de que "non se pode pechar en falso". A portavoz do BNG, Ana Pontón, considerou "lamentable" que a súa solicitude conxunta non saíse adiante e criticou a "prepotencia" do vicepresidente, ao que esixiu "abandonar" a "intransixencia", pois o obxectivo, dixo, non debe ser "dobregar" unha das partes. "Non entendo como hoxe ten unha cadeira baleira a Xunta", recriminou.

O PP rexeita a petición de En Marea e BNG para que Rueda compareza no pleno

Así, Villares demandou "un esforzo final" ante a existencia de posturas "non moi afastadas" e censurou que o Goberno "tratou de romper a unidade sindical" para lograr "un acordo que non garantía a paz social".

Para a socialista Patricia Vilán, a Xunta "ten que dar un pouco de sensatez", e propuxo que as partes senten "para poder falar", chegar a outro preacordo e que os traballadores volvan votar, pois "eles son os que teñen a última palabra".

Respecto diso, Puy lembrou que tras a última votación "falouse de ameazas e outras circunstancias" que en certos escenarios, segundo reflexionou, levan a que os resultados sexan anulados.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.