Rueda volve pedir deter a folga ao funcionariado de Xustiza, que recibe o apoio do Concello da Coruña

Xulio Ferreiro, xunto a traballadores de Xustiza © Concello da Coruña

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reiterou este luns a súa petición aos sindicatos de que se suspenda a folga da Xustiza "mentres se negocie", e asegurou que a súa solicitude é "absolutamente lóxica" para permitir que os cidadáns "reciban servizos", ademais de negar que sexa unha "chantaxe". O vicepresidente da Xunta fixo estas declaracións en Vigo mentres na Coruña os traballadores volvían apañar apoios, desta vez do Concello da Coruña, cuxo alcalde, Xulio Ferreiro, recibiu varios dos seus representantes e fixo un chamado ao Goberno galego "para que teña vontade de diálogo e negocie as reivindicacións das funcionarias e funcionarios públicos".

Alfonso Rueda insiste en pedir aos sindicatos que se suspenda a folga "mentres se negocie"

Rueda, no entanto, insistía na súa "vontade de pechar un acordo canto antes", como xa fixera na carta enviada a pasada semana ao comité de folga, e aclaraba que o seu pedido non se trata dunha petición de desconvocatoria, senón dunha suspensión: "Se logo non se chega a un acordo, que eu creo que si, os sindicatos son libres de continuar, pero creo que non sería necesario".

Ademais, o vicepresidente da Xunta advertiu de que esa petición "en ningún caso é unha chantaxe" e que pretende "que se deixen de producir prexuízos aos cidadáns".A ese respecto, apuntou que a Xunta xa trasladou ao TSXG a súa posición sobre "trámites fundamentais" que se deixaron de prestar con motivo da folga e que, a xuízo do Executivo, deben "entrar dentro da catalogación de servizos mínimos" porque se podería "impedir o exercicio de dereitos importantes".

O Goberno galego xa contactou co TSXG para que "rámites fundamentais" se inclúan nos servizos mínimos

Por outra banda, Rueda lembrou que comparecerá este martes a petición propia no Parlamento para explicar a situación da administración de xustiza, "todo o proceso, as múltiples reunións que houbo para tentar un acordo, a oferta actual", e a "esperanza" da Xunta de "poder chegar a un acordo e pechar a folga canto antes".

Mentres, na Coruña, o seu alcalde, Xulio Ferreiro, recibía varios representantes dos traballadores no pazo municipal e aseguraba que as reivindicacións do funcionariado de Xustiza parecíanlle "xustas", tanto "no que ten que ver co salarial, que é no que se enfoca", como "nas melloras na prestación de servizos". "Eles son os primeiros interesados en que se presten os servizos correctamente", engadiu o rexedor, que lembrou que os traballadores públicos levan tempo soportando "recortes e conxelación de soldos", ao que "neste caso se lle une a discriminación con respecto doutras autonomías". 

Ferreiro acusa a Rueda e Feijóo de "non ter vontade de negociación" para arranxar o conflito na Xustiza

Con todo, para Ferreiro o "importante" é facer un "chamado á Xunta" para que "sente a negociar". "É inopinable que dúas partes en conflito deberían estar sentados para falar e intentar arranxar o problema dialogando, pero non hai esa vontade de negociación por parte da Consellería nin por parte do presidente". 

Alén disto, e preguntado sobre a postura da Xunta neste conflito nunha rolda de prensa en Santiago, o portavoz do PPdeG na Cámara galega, Pedro Puy, considerou que o Executivo autonómico "deu pasos" e mostrou "plena disposición para negociar". Ademais, asegurou "comprender" que o presidente do TSXG, Miguel Ángel Cadenas, pedise, nunha entrevista radiofónica na SER, "diálogo construtivo" para chegar a unha solución na folga indefinida que os traballadores da xustiza protagonizan desde o pasado 7 de febreiro.

Respecto diso, referiuse á comparecencia que realizará este martes no pleno do Parlamento Alfonso Rueda para asegurar que servirá de "oportunidade" para "escoitar" a posición da Xunta que "quedará clara" despois da súa intervención.

Alfonso Rueda © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.