A carta na que Rueda se ofrece a negociar co persoal da Xustiza "sempre e cando se suspenda a folga"

Alfonso Rueda, nunha visita aos xulgados de Ferrol © Xunta

Alfonso Rueda lanzou o órdago: sentará a negociar co comité de folga do persoal de Xustiza en Galicia sempre que este desconvoque o paro que suma 16 días efectivos e máis de tres semanas. Os sindicatos rexeitaron unha opción que consideran --ao igual que a oposición-- unha "chantaxe" e advirten de que seguirán cunha protesta que acumula entre 8.000 e 9.000 xuízos suspendidos. Queren que o vicepresidente da Xunta se incorpore á negociación e ofreza unha solución para logo valorar a fin ou non da folga.

Rueda advírtelles aos sindicatos que se incorporará á negociación "sempre e cando se suspendan os paros"

A oferta de Rueda chegou a través dos medios de comunicación e "horas despois", segundo os sindicatos, o comité recibiu unha carta do vicepresidente. "Non deixa de ser curioso", aseguran. Nela, o número dous da Xunta e máximo responsable do sector da Xustiza di non ter "inconveniente" en "participar" nas conversas "xunto co director xeral de Xustiza e o de Función Pública", este último vetado polos representantes dos traballadores. E advirte de que só se incorporará a estes encontros "sempre e cando se suspendan os paros mentres se produce a negociación e a cidadanía deixe de verse afectada por esta parálise nos xulgados galegos". 

Rueda lémbralle na misiva, á que tivo acceso Praza.gal, ao presidente do comité de folga que "van xa 16 xornadas de paro" e que "malia os servizos mínimos" este "está a causar unha considerable parálise nos xulgados galegos e notables prexuízos para toda a cidadanía". Ademais, advírtelle de que o comité de folga "abandonou ata en tres ocasións a mesa de negociación" na que a Xunta tería ofrecido "unha xenerosa oferta económica que sitúa os salarios dos funcionarios e funcionarias galegos por riba da media estatal en todas as categorías laborais, o cal precisamente era unha das principais reclamacións sindicais".

"O único responsable de que a Xustiza estea paralizada é o propio Alfonso Rueda", advirte o comité de folga

O comité de folga responde asegurando que "o único responsable de que a Xustiza estea paralizada é o propio Alfonso Rueda" ao que acusan de "negar dende o minuo un calquera opción de negociación, mantendo  unha actitude prepotente e mentindo constantemente aos medios sobre as reivindicacións". Aseguran que Xunta e conselleiro "néganse a asumir o mandato de todo o Parlamento" e critican de novo a José María Barreiro, director xeral de Función Pública, ao que censuran polo seu ton negociador e de quen piden a súa marcha da mesa. 

"Non existe motivo ningún que xustifique que suspendamos as mobilizacións", aseguran os sindicatos

O comité insiste en "deixar claro" a Rueda que "non se van suspender as mobilizacións" porque, explican, "non existe motivo ningún que o xustifique e moito menos porqueu o solicite a persoa queu estivo escapada da mesa utilizando interlocutores que nada teñen que ver con Xustiza". "Se o conselleiro quere desbloquear o conflito, teno moi fácil: que nos cite inmediatamente a unha reunión, presentándose cuha oferta seria e xusta para o noso colectivo,a partir da cal poidamos empezar a negociar de verdade", din. "Nese caso, as organizacións sindicais estamos dispostas a estudar todas as posibilidades para chegar a un acordo", rematan en resposta a unha misiva na que o vicepresidente amosa a súa "firme e decidida vontade" de chegar a ese acordo "canto antes". Polo momento, segue lonxe. 

Fragmento da carta de Alfonso Rueda ao comité de folga CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.