O Concello de Santiago demándalle á Xunta unha vivenda alternativa para a familia ameazada de desaloxo

Concha Fernández, concelleira de Políticas Sociais de Santiago © Concello de Santiago

O Concello de Santiago e Compostela Aberta esíxenlle á Xunta que atope unha vivenda alternativa para a familia residente na cidade que está ameazada de desaloxo, como este mércores adiantaba Praza.gal. As tres persoas residentes no inmoble, propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo, van ser desaloxadas sen contar con alternativa habitacional ningunha, co agravante de que se atopan en situación de exclusión, segundo se destaca no informe elaborado por unha traballadora social. Ademais, dúas das persoas cobran pensións de invalidez e a terceira ten unha discapacidade recoñecida e a xustiza outorgou a súa tutela á propia Xunta de Galicia, a través da Fundación Pública Galega para a Tutela de Persoas Adultas (FUNGA).

Tanto dende o Concello como dende Compostela Aberta esíxese "que a Xunta atope unha vivenda alternativa que evite que esta familia quede na rúa"

A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, destaca que "somos conscientes da problemática e extrema sensibilidade deste caso e da inviabilidade de que esta familia siga vivindo nas condicións actuais, con grave risco para a súa integridade física e incluso para a dos seus veciños e veciñas". Pero engade que "tamén nos negamos a aceptar de ningún modo que sexa a propia Xunta, con competencias exclusivas en vivenda social, a que promova o desafiuzamento sen dar alternativa de realoxo. A Xunta non pode agravar aínda máis a situación de extrema vulnerabilidade desta familia deixándoa sen fogar".

"Non é admisible que unha administración pública queira deixar sen fogar a unha familia, máis se como neste caso se atopa en situación de especial vulnerabilidade e co agravante de que a Xustiza lle encargou á propia Xunta a tutela destas persoas"

Así, tanto dende o Concello como dende Compostela Aberta esíxese "que a Xunta atope unha vivenda alternativa que evite que esta familia quede na rúa". "Non é admisible de ningún modo que unha administración pública queira deixar sen fogar a unha familia, máis se como neste caso se atopa en situación de especial vulnerabilidade e co agravante de que a Xustiza lle encargou á propia Xunta a tutela destas persoas", subliña Compostela Aberta a través dunha nota de prensa. "É obriga dos poderes públicos promover as condicións para facer efectivo o dereito a unha vivenda digna", engade o comunicado, que sinala que "a Xunta contará sempre co goberno de Compostela Aberta para traballar conxuntamente polo benestar da cidadanía e moi especialmente das persoas máis vulnerables, pero nunca para deixar na rúa a ninguén".

 

"A Xunta vese na obriga de garantir os dereitos das familias que conviven no resto de vivendas"

A Xunta vese na obriga de garantir os dereitos das familias que conviven no resto de vivendas do inmoble e que levan anos sometidas a unha situación que xa se volveu insoportable", di a Consellería

Dende o Goberno galego, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda sinala que "a Xunta vese na obriga de garantir os dereitos das familias que conviven no resto de vivendas do inmoble e que levan anos sometidas a unha situación que xa se volveu insoportable", lembrando que "a causa dos graves problemas de convivencia co resto de veciños do inmoble que vén causando a familia adxudicataria dende hai anos". Afirma que neste tempo non tivo "éxito" ningunha "das intervencións realizadas polos servizos sociais do Concello de Santiago".

A Consellería sinala que o Goberno galego "leva anos mantendo xuntanzas cos servizos sociais do concello para buscar unha solución ao problema, que pasa por medidas de adaptación social eficaces, que deben adaptar os servizos sociais municipais, perfectamente coñecedores da situación". E subliña que o propio informe da traballadora social do Concello "deixa claro o risco que a situación supón para o resto de familias que residen no inmoble, que repetidas veces pediron o desaloxo da vivenda".

A Xunta maniféstalle ao Concello "a total disposición a colaborar no realoxo da familia afectada"

A Xunta maniféstalle finalmente ao Concello de Santiago "a total disposición a colaborar no realoxo da familia afectada, a través das diferentes axudas autonómicas e incluso a través da adecuación dun inmoble en relación ás necesidades desta familia".

 

Concha Fernández, concelleira de Políticas Sociais de Santiago © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.