Unha vintena de organizacións sociais presentaron este martes a iniciativa Fagamos da Risga un verdadeiro dereito, un acordo colectivo que promove cambios na Renda de Inclusión Social de Galicia para convertela nunha prestación "suficiente, digna, accesible e eficaz". As entidades levaron a cabo unha presentación ante os medios e comunicación e este mércores remitiranlle o acordo por Rexistro Oficial á Consellería de Política Social da Xunta. Entre as organizacións impulsoras están o Foro Galego de Inmigración, o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, Proserso, SOS Racismo ou a Oficina de Dereitos Sociais de Coia (Vigo). Todas elas demandaron "a reformulación do proxecto de decreto da Risga e da propia Lei de inclusión social".
As entidades impulsoras demandan "a reformulación do proxecto de decreto da Risga e da propia Lei de inclusión social"
A maioría destas entidades presentaron alegacións ao proxecto de decreto de desenvolvemento da lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, presentado hai uns meses. "Queremos continuar demandando a nosa participación activa no proceso que leve a establecer o futuro tanto da renda de inclusión social de Galicia como, por ende, das políticas sociais que deben garantir o noso sistema de protección social", sinalan. A este respecto Proserso sinalaba en febreiro en conversa con Praza Pública que "A RISGA necesita dunha valoración social e dun proxecto de intervención". E, de igual xeito, o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia subliñaba que as unidades técnicas deben contar, polo menos, cunha traballadora social para a interpretación dos informes sociais de valoración.
O acordo presentado este martes reivindica unha RISGA "garantida e informada, coa esixencia dunha carteira de servizos accesible mediante a elaboración dunha carta de servizos que a cidadanía poida consultar para coñecer os recursos, servizos e prestacións do sistema social". Igualmente, unha RISGA entendida "como Dereito cidadán e non como subsidio condicionado". "Esiximos un modelo de RISGA como dereito e non como prestación graciable que parta da dignidade da persoa e non criminalice a pobreza", sinalan.
Piden incrementar a súa contía ata representar o 60% do salario medio, o que en Galicia suporía duplicar a actual prestación de 403,38 euros
Demandan tamén que a renda sexa "suficiente para garantir unha existencia digna e a participación na sociedade como elemento básico de inserción social, por iso, é imprescindible", incrementando a súa contía ata representar o 60% do salario medio, o que en Galicia suporía duplicar a actual prestación de 403,38 euros. E piden, así mesmo, que sexa "accesible e eficaz" e "sen burocratizacións innecesarias", simplificando o procedemento e cumprindo os tempos de tramitación. Reclaman tamén unha mellora na coordinación entre administracións, asegurando a uniformidade de criterios e que sexa garantista cos dereitos individuais e respectuosa co proxecto de vida escollido pola persoa.