0 Gardados para despois

A USC estuda adoptar medidas contra o profesor que pide nun vídeo a absolución de 'La Manada'

Redacción | @prazapublica

Hai dous anos Luciano Méndez Naya, profesor de Matemáticas da USC, foi denunciado polos comentarios machistas realizados nunha clase a unha das súas alumnas ("xa che dixen o primeiro día que me desconcentraba o teu escote" ou "empéñaste en traer escote ata o embigo"). Unha vez que a alumna protestou ante a universidade, o docente reafirmouse na súa actitude a través dos medios de comunicación ("vai seguir alterándome un escote excesivo"). O profesor foi obxecto de protestas por parte do estudantado e a USC foi acusada de manter unha actitude excesivamente tolerante coa actuación de Méndez Naya, castigado unicamente cunha sanción de dous meses sen emprego e soldo, pero que mantivo as súas horas de clase. As e os estudantes que protestaran contra el tamén recibiron un expediente disciplinario.

Trátase de Luciano Méndez, denunciado hai dous anos polos comentarios sexistas que realizaba nas súas clases de Matemáticas

Agora, o profesor volve estar no centro das críticas despois de que hai uns días publicara a través de Facebook un vídeo no que pide a libre absolución dos cinco integrantes de 'La Manada', considerando que non houbo violación, senón sexo consentido, e acusando á vítima de ter presentado unha denuncia falsa. No vídeo afirma que "a tipa sabía ao que ía e goza da situación" e que "se deixa facer". Afirma, igualmente, que "se a lei é moi dura cos homes haberá mulleres que se aproveiten". E sinala que non lle "parece ben" que "a píldora se lle dea a calquera borracha que chegue pedíndoa". "Aínda que que non lle guste ao feminismo radical, que quere píldoras abortivas para o almorzo", engade.

No vídeo cuestiona que houbera violación e acusa a vítima de presentar unha denuncia falsa

A Universidade de Santiago vén de difundir un comunicado no que "condena as declaracións realizadas polo profesor Luciano Méndez Naya" e apunta que "está a estudar as actuacións que forman parte dos seus procedementos internos e a valorar a adopción das medidas correspondentes". "A USC, como institución dedicada á formación e á transmisión de valores, non pode tolerar actitudes ou actuacións que menoscaben a dignidade da persoas e os dereitos fundamentais, nomeadamente o da igualdade entre homes e mulleres", conclúe.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.