0 Gardados para despois

Estudantes piden no Reitorado da USC que Luciano Méndez deixe de dar clase

Redacción | @prazapublica

"Estamos fartas do seu discurso, de atoparnos cara a cara co patriarcado en todos os ámbitos. Luciano, querémoste fora das nosas aulas, da nosa universidade. Queremos o machismo fora da USC". Unha concentración estudantil pediu este luns que o profesor Luciano Méndez deixe de dar clase na Universidade de Santiago, por mor das súas declaracións machistas en relación coa sentenza do xuízo de La Manada. A concentración, convocada na Praza do Obradoiro, ante a sede do Reitorado, desprazouse finalmente cara ao interior do edificio, onde deixou constancia da súa esixencia de que "a USC tome medidas contundentes e proceda á súa expulsión, xa que non imos tolerar ter na nosa universidade un mestre machista”.

A concentración pediu que "a USC tome medidas contundentes e proceda á súa expulsión, xa que non imos tolerar ter na nosa universidade un mestre machista”

Luciano Méndez, docente de Matemáticas na Facultade de Económicas, regresou ao centro da polémica a pasada semana, cando nun vídeo publicado na súa conta de Facebook pediu a absolución dos cinco culpables da violación, sinalando que a vítima "deixouse facer" e "disfrutou", acusándoa ademais de ter presentado unha "denuncia falsa". Este sábado Méndez difundiu un novo vídeo no que se reafirmou nas súas declaracións, sinalando que "eu defendo a inocencia deses mozos ante quen faga falta cun invencible aliado, que é a razón" e pedindo unha rebaixa da pena, escusando os atacantes en que "estaban nun contexto nocturno e habería drogas e outras substancias...". Ademais, o docente respondeu ás críticas recibidas nos últimos días, afirmando que "a turba que comenta os meus vídeos e moi perigosa pero eu non lle teño medo a ninguén, estou blindado contra imbéciles" ou "os que me comentan sodes unha panda de energúmenos aos que había que colgar polas pelotas".

Este sábado Méndez difundiu un novo vídeo no que se reafirmou nas súas declaracións

A Universidade de Santiago, pola súa banda, abriu xa un expediente informativo para valorar se existe algo punible nas declaracións efectuadas por Méndez e estuda denuncialo ante a Fiscalía por un delito de odio contra a vítima do ataque sexual. A pasada semana, nun comunicado difundido publicamente, a USC "condenou" as declaracións, sinalando que non podía "tolerar actitudes ou actuacións que menoscaben a dignidade da persoas e os dereitos fundamentais, nomeadamente o da igualdade entre homes e mulleres".

Luciano Méndez xa fora denunciado hai dous anos polos comentarios machistas realizados nunha clase a unha das súas alumnas. Nese momento a Universidade foi criticada por non responder coa suficiente dureza.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.