Medio Rural soltará 790.000 exemplares dun depredador da avespiña do castiñeiro para loitar contra a praga

Larva de Dryocosmus kuriphilus nun castiñeiro CC-BY-SA Gilles San Martin

A Consellería de Medio Rural soltará ao longo dos vindeiros meses ao redor de 790.000 exemplares de Torymus sinensis, un depredador natural da avespiña do castiñeiro (Dryocosmus kuriphilus), a praga que dende hai anos ataca estas árbores en Galicia e que se está a estender por todo o territorio. O Torymus sinensis é unha forma de loita biolóxica contra a avespiña, nun intento de frear este mal que pon en risco a produción de castaña e tamén a supervivencia de soutos de gran valor, como hai uns días denunciaba Caurel Vivo.

A conselleira Ángeles Vázquez asistiu este luns na localidade ourensá de Oímbra á liberación de individuos de Torymus sinensis. Vázquez lembrou que dende 2015 a Xunta soltou de forma experimental máis de 200.000 exemplares desta especie para facer fronte a avespiña (1.500 en 2015, 65.500 en 2016 e 133.000 en 2017), previa autorización no Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente. A doenza foi detectada por vez primeira en Galicia no ano 2014.

Medio Rural destaca que está a realizar un seguimento semanal dos máis de 9.000 puntos previstos e autorizados de solta "para realizar a liberación do parasitoide no momento máis axeitado", procurando "as maiores posibilidades de éxito posible, xa que para facer estas operacións hai unha fiestra temporal reducida, que depende tamén do estado dos soutos".

A pasada semana Caurel Vivo demandou unha acción urxente por parte da Xunta: "O Courel non pode agardar a que chegue de forma natural o depredador da vispa, polo que solicitamos todos os medios dos que dispoña a Consellería", dicía Óscar Carrete, concelleiro en Folgoso, que lembraba que os soutos "supoñen un dos principais ingresos para a nosa veciñanza, sendo a principal ingreso para moitas familias, que verán moi reducida a colleita, durante estes anos e os posteriores". "Contamos con arbores centenarias que corren o grave risco de desaparecer se non se fai máis polo control da praga", engadía.

O Ministerio de Medio Ambiente detectara xa o pasado ano a avespiña do castiñeiro en 25.000 puntos de todo o Estado. Dende Cataluña a praga estendeuse a Andalucía, País Vasco, Cantabria, Asturias, Galicia, Castela-León, Estremadura e Madrid. En Italia a avespa acabou co 7,5% dos castiñeiros do país, o que levou ás autoridades a adoptar medidas decididas de control.

Torymus sinensis, que parasita as postas do insecto causante da enfermidade dos castiñeiros Dominio Público Pierre Grand
Souto de castiñeiros en Folgoso do Courel CC-BY-SA dr_zoidberg

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.