"Fuxide, correde, bulide (...) Un mal nunca antes visto asola Galicia". Ese é o comezo do vídeo que a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) vén de difundir para animar á participación na manifestación que este colectivo, xunto á plataforma veciñal Mina Touro O Pino Non e outras 40 entidades, convocan para o vindeiro día 10 de xuño en Compostela.
O vídeo da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa advirte do impacto da megamina e chama a participar na marcha do 10 de xuño
"A destrución é inevitable", "ningúen está exento de sufrimento", "só hai un peche posible para esta historia: a nada". Son algunhas das frases dunha peza na que se pode ver como veciños, peregrinos ou vacas foxen dunha ameaza. "Pois non, este non é o comezo dunha película de terror; é a realidade ou pode chegar a sela", advírtese no vídeo en referencia á reapertura da mina de cobre de Touro e das posibles consecuencias dun megaproxecto mineiro impulsado pola multinacional Atalaya Mining.
Gandeiros da zona, veciñanza, mariñeiros da Arousa ou a actriz Isabel Risco advirten das "explosións diarias", das "balsas de lodos" contaminantes, do "filtrado" de materiais tóxicos ou da chegada desta posible polución ao mar e á ría. "Isto hai que paralo (...). Todo se verá afectado a curto prazo, pero será co tempo cando vexamos as consecuencias", din os protagonistas. Por todo isto, chaman a participar na manifestación do vindeiro 10 de xuño, no que a cidadanía "sairá a dicir non".
"Todo se verá afectado a curto prazo, pero será co tempo cando vexamos as consecuencias"
"Non queremos que unha empresa de fóra se aproveite de Galicia para lucrarse; non toleraremos este saqueo a Galicia nin poremos en risco as nosas vidas; non queremos unha herdanza envelanada", rematan, reproducindo o lema da marcha, que será outra das accións de protesta que desde hai meses celebra a plataforma veciñal, apoiada por outros colectivos.
A pasada fin de semana, ducias de veciños e membros da Plataforma Mina de Touro O Pino Non percorreron o último tramo do Camiño de Santiago e fixeron unha ofrenda ao Apóstolo para lle pedir á Xunta que non dea o permiso necesario para seguir adiante coa apertura dunha mina de cobre na zona. Insisten en que o seu impacto ambiental e económico afectaría non só aos concellos onde se asente a megamina, senón que tamén afectaría a toda a comarca, o río Ulla e mesmo a ría de Arousa.