"O livro que foi proibido em Espanha". Con esta lenda complétase en Portugal a portada de Farinha, a obra do xornalista galego Nacho Carretero secuestrada xudicialmente no Estado e que desde este venres pode ser adquirido na outra beira do Miño.
O selo Saída de Emergência, da editorial Desassossego, vén de presentar e sacar á venda o libro que fora editado en España por Libros del KO en 2015 pero que acabou sendo censurado tras unha resolución xudicial e case tres anos despois de que estivese no mercado. O secuestro da obra chegou tras o ditame dunha xuíza de Collado Villalba (Madid) e logo da petición do ex-alcalde do Grove José Alfredo Bea Gondar, quen demandou en xaneiro o autor coruñés e a súa editora por suposta vulneración do seu dereito ao honor.
A obra do xornalista galego Nacho Carretero está secuestrada xudicialmente tras unha denuncia do ex-alcade do Grove Bea Gondar
O asunto viña de xaneiro de 2017, cando Alfredo Bea demandou a Carretero por unhas afirmacións nas que lle atribúe a comisión de delitos relacionados co narcotráfico galego polos que fora condenado pola Audiencia Nacional no ano 2005 pero máis tarde absolto. Os seus avogados argumentaron a denuncia no feito de que esa sentenza contra o ex-político --por branqueo de cartos procedentes do narcotráfico-- fora recorrida en casación ante o Tribunal Supremo, que en abril de 2006 absolvera o condenado anteriormente, aínda que por un defecto de forma e non porque a Audiencia non confirmase os vínculos co negocio do tráfico de drogas.
Agora, logo de meses secuestrado, o libro pode mercarse na súa edición portuguesa. Esta posibilidade chega logo do enorme éxito que tivo nos últimos meses a serie homónima producida por Bambú Producciones e emitida por Antena 3 e que está baseada no libro de Carretero.
O éxito desta serie provocou desacougo en diferentes sectores polo regreso do pasado incómodo de Galicia. Os movementos contra Fariña mentres foi só un libro multiplicáronse en diferentes esferas tras o salto á televisión española en horario de máxima audiencia. Laureano Oubiña e mais os arrepentidos Padín e Portabales emprenderon accións xudiciais contra a ficción.
O éxito do libro e da serie provocou desacougo e obrigou a Feijóo a enfrontarse outra vez ao seu pasado: a amizado co narcotraficante Dorado
A serie devolveu ao debate político os contactos de dirixentes galegos con contrabandistas e narcos nos anos 80 e 90. Ante as alusións feitas tamén no ámbito parlamentario, Feijóo tentou zanxar a controversia advertindo de que "unha cousa é un guión televisivo e outra, a realidade". Porque o presidente da Xunta tivo que se enfrontar ao episodio da súa biografía que máis problemas políticos lle causou, a antiga amizade co narcotraficante Marcial Dorado precipitada á luz pública polas fotografías publicadas por El País en marzo de 2013. Nas redes sociais, en roldas de prensa e tamén no Parlamento a oposición galega instou a non esquecer todo o acontecido e o presidente, así como a contorna do PPdeG, insistiron en enmarcar a serie no eido da ficción, simplemente. O triunfo da serie de Bambú chegou a xerar receos mesmo na contorna da TVG.