Dende hoxe é ilegal a presenza de eucalipto nas faixas de protección contra incendios, pero a Xunta non multará de momento

Madeira cortada nun monte galego Dominio Público Praza Pública

Este xoves 31 de maio rematou o prazo dado pola Xunta a propietarios e propietarias de parcelas que rodeen solo urbano e edificacións para "xestionar a biomasa vexetal" nunha faixa de protección de 50 metros, cumprindo así a Lei de prevención e defensa contra os incendios. Porén, son moitas as persoas que aínda non iniciaron os traballos de corta e roza destes espazos e que dende este venres están incumprindo a lei. Este xoves, o presidente da Xunta quixo tranquilizalos, asegurando que de momento non serán sancionados e que só haberá "apercibimentos", dándolles "un tempo prudencial" para levar a cabo os traballos pendentes. As multas só chegarían "cando despois de apercibimentos e de maneira reiterada haxa un incumprimento sistemático", dixo.

As multas só chegarían "cando despois de apercibimentos e de maneira reiterada haxa un incumprimento sistemático", dixo Núñez Feijóo

Esta semana a Consellaría de Medio Rural subliñou que son os propietarios e propietarias os responsables de xestionar a biomasa nas franxas de seguridade e os concellos os encargados "de velar polo cumprimento da lei". Medio Rural tamén lembrou que calquera persoa pode denunciar os propietarios e propietarias que estean a incumprir as súas obrigas, poñendo en risco as restantes parcelas e vivendas. As multas poden chegar aos 3.000 euros, ao que se pode sumar o custo da execución subsidiaria dos traballos de corta e roza non realizados.

A norma foi aprobada no ano 2007 e modificada posteriormente en 2012 e o pasado mes de decembro, fixando a obriga de "xestionar a biomasa vexetal" nunha faixa de protección de 50 metros ao redor de edificacións situadas a menos de 400 metros do monte, subliñando a obriga específica de arrincar especies coma o eucalipto, o piñeiro ou a acacia, ademais do mato. Este ano a Xunta adiantou un mes o prazo límite para a realización destes traballos que son fundamentais para evitar o risco de que os incendios se acheguen a núcleos habitados ou a vías de comunicación. Estas faixas de protección actúan, ademais, como devasas que dificultan a propia extensión do lume.

Algúns concellos, coma o de Ribadeo, levan meses traballando para garantir o cumprimento da lei autonómica. O pasado mes de febreiro Ribadeo anunciou que multaría os propietarios que incumprisen a obriga de arrincar os eucaliptos próximos a vivendas e iniciou a notificación aos propietarios e propietarias de 676 parcelas de que estaban a incumprir a lei. Ribadeo, ao igual que outras localidades, demandoulle colaboración ao Goberno galego para facer cumprir a súa propia lei, criticando a inacción da Xunta neste tema. De igual xeito, o BNG denunciou no Parlamento que os concellos, sobre todo os de menos de 5.000 habitantes “non teñen capacidade para asumir un plan de actuación sistemático e continuado e tampouco contan con persoal  persoal para vixiar e levantar actas que poidan rematar en sancións”.

Un helicóptero sobrevoará Ribadeo cos medios técnicos necesarios para saber que fincas quedan pendentes de limpar

A vindeira semana un helicóptero sobrevoará Ribadeo cos medios técnicos necesarios para saber que fincas quedan pendentes de limpar e sen deixar lista esa faixa de protección de 50 metros a carón de vivendas, edificacións ou núcleos de poboación que esixe a lei. O alcalde, Fernando Suárez, subliña que "foron moitos os que fixeron os deberes, pero son varios os que os teñen pendentes". Os propietarios que non levaron a cabo as tarefas de limpeza correspondentes recibirán comunicacións do Concello para que no prazo de 15 días procedan a cumprir coa lei. Suárez Barcia subliña que “non queremos chegar a máis, pero si é preciso haberá multas ou execucións subsidiarias”.

Ponteceso enviará máis de 9.000 cartas a propietarios e propietarias de parcelas forestais con información concreta de que parcelas e que treitos exactos debe cortar

O Concello de Ponteceso anunciou igualmente este xoves que nos vindeiros días enviará máis de 9.000 cartas a propietarios e propietarias de parcelas forestais con información concreta de que parcelas e que treitos exactos debe cortar. Estes datos proceden do traballo conxunto do concello con dúas empresas de enxeñaría e buscan facilitar o proceso aos donos e donas destes espazos, evitándolles trámites administrativos e o cálculo dos lugares nos que a biomasa debe ser xestionada. 

 

Piñeiros queimados nos montes de Vincios CC-BY-SA Praza Pública
Exemplo de terreo en Ribadeo no que se cumpriu a lei © Concello de Ribadeo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.