Clamor multitudinario contra a mina de Touro: "sabemos do que falamos, non queremos outra herdanza envelenada"

Cabeceira da manifestación contra a mina de Touro CC-BY-SA Praza Pública

O pasado febreiro arredor de 2.000 persoas manifestáronse na contorna dos concellos do Pino e Touro -que suman arredor de 9.000 habitantes- para advertiren da súa intención de facer todo o que estea na súa man para impedir a reapertura da mina de cobre que, tras tres décadas inactiva, pretende ser reaberta pola empresa Cobre San Rafael. O clamor veciñal e dos sectores máis directamente afectados -dende explotacións gandeiras da comarca ata mariscadoras da ría de Arousa- daquela xornada multiplicouse este domingo en Santiago, onde milleiros de persoas berraron "mina non, mina non" ata lograr amplamente o obxectivo que fixaran: encher a praza do Obradoiro.

A Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non e mais a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa estiveron arroupadas na mobilización por representantes das ducias de colectivos e entidades que apoian a súa reivindicación, dende organizacións profesionais do agro e do mar ata sindicatos, gobernos de todas as cores políticas e plataformas con experiencias exitosas en loitas coma esta, caso de ContraMINAcción, con moitas horas de voo na mobilización contra mina de Corcoesto. Todas elas danlle máis peso aos testemuños de quen rexeitan a reapertura da mina que á "maioría silenciosa" que o gabinete de comunicación da empresa promotora esgrime como aval.

Remate da manifestación nun Obradoiro ateigado / Praza Pública

"En Touro e no Pino xa tivemos unha mina; sabemos do que falamos, levamos máis de trinta anos sufrindo a herdanza envelenada que deixan este tipo de explotacións a ceo aberto", explicou a plataforma no manifesto final, lido pola actriz Isabel Risco no Obradoiro nun ambiente tan reivindicativo como festivo. "Aínda hai xente saído da Alameda" -e desta volta, era completamente certo-. Esa "herdanza" non é outra que "ríos e regatos fortemente contanminados, cursos de augas acedas con metais pesados sen vida que pasan polo Ulla antes de acabar na ría de Arousa", isto é, o acreditado no recente informe de Augas de Galicia -organismo dependente da Xunta- que Cobre San Rafael desmente.

Un accidente na mina "sería moito peor que o Prestige", advirte a plataforma, que resalta que un eventual sinistro traería consigo verteduras "letais" que chegarían á ría de Arousa en menos de 12 horas

A "desfeita" que ficou na mina de Touro e O Pino nos anos 80 do século pasado "permanece nas comarcas afectadas" e "durante todo este tempo, a Xunta ollou cara a outro lado malia ás numerosas denuncias", denuncian. "É lóxico, por tanto, que a posible reapertura produza un firme rexeitamento", explican, maís aínda se "reparamos nas cifras da explotación", entre 700 e 2.000 hectáreas nunha mina na que "pensan levantar dúas enormes balsas con muros máis altos que as torres da catedral de Santiago", ilustran.

Membros da plataforma contra a mina, durante a manifestación / Praza Pública

Luís Villares (En Marea), Gonzalo Caballero (PSdeG) e Ana Pontón (BNG) xunto a diversos representantes das tres forzas políticas da oposición parlamentaria galega secundaron unha protesta na que as plataformas convocantes puxeron o acento nas consecuencias inmediatas que tería a autorización, pero tamén nas futuras. De aí que enorme comitiva fose encabezada por nenas e nenos e salferida por familias enteiras nunha manifestación intersectorial e interxeracional. Vibracións, ruído, pó con contaminantes, riscos de verteduras de lodos "altamente" perigosos e unha "carga letal" que chegaría en 12 horas á ría de Arousa en caso de accidente. 

Os peregrinos que a Xunta di querer atraer ao abeiro do Xacobeo 2021, resaltan, "camiñarían acompañados de tráfico de camións, pó en suspensión e ruído de voaduras"

"Sería moito peor que o Prestige", advertiron mentres o Obradoiro era sobrevoado pola gaivota da Burla Negra que tornara en icona das mobilizacións tras o naufraxio do petroleiro hai década e media. "Veríanse seriamente afectadas as actividades agrogandeiras, forestais, pesqueiras e marisqueiras; o cultivo do mexillón, as depuradoras de moluscos, a industria transformadora", pero tamén o que a Xunta tornou nun dos seus emblemas: o camiño de Santiago. "Pola zona norte da mina pasa o camiño Francés, que ten a súa última parada antes de Santiago en Arca", polo que os peregrinos aos que o Goberno galego quere atraer ao abeiro do Xacobeo 2021 "camiñarían acompañados de tráfico de camións, pó en suspensión" ou "ruído de voaduras". Risco cultural, identitario e económico que resumiron con claridade durante a marcha: "catro postos de traballo e o resto, ao carallo".

A gaivota da Burla Negra regresou á praza do Obradoiro / Praza Pública

Nin sequera valen "as promesas de postos de traballo", daquela. "A pregunta que hai que facer" non é cantos "xeraría" a reapertura da mina, senón "cantos vai destruír". "Non nos enganemos", clamou a plataforma entre aplausos da multitude. "É hora de mudar o xeito de ver as cousas, é urxente pensar no futuro, nas xeracións que veñen detrás", ás que "non queremos deixar" esa herdanza envelenada, advirten. É por iso que apelan á "obriga do Gobenro galego de defender o conxunto de galegos e galegas" para reclamarlle que "paralicen o proxecto e deneguen a autorización" de reapertura e ademais, para que granta "a restauración do dano causado pola anterior explotación. "Non á destrución do campo e do mar, non á mina!", proclamaron as arredor de 20.000 persoas que se uniron á protesta -a praza do Obradoiro mide uns 5 quilómetros cadrados e encheuse amplamente-.

Mapa da zona afectada pola mina e institucións contrarias á súa reapertura / Plataforma Mina Touro-O Pino Non | PDRA

Participantes na manifestación contra a mina de Touro e O Pino CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.