O pasado mes de maio o Centro de Saúde de Coruxo, en Vigo, quedou definitivamente sen pediatra. O centro dá servizo ás parroquias de Saiáns, Oia e Comesaña, ademais de Coruxo, que suman máis de 13 mil habitantes, e entre eles 1.050 nenos e nenas. En abril a pediatra do centro xubilouse, aínda que unha substituta ocupou o seu posto durante o o seu período vacacional, que remataba o 27 de maio. As protestas veciñais obrigaron o SERGAS a estender esta substitución uns días máis do previsto, e así vén facendo dende entón, renovando semana a semana este contrato. Porén, a falta de seguridade na continuidade da praza fai que moitos pais e nais usuarias do centro non poidan xa solicitar citas para os seus fillos e fillas para as vindeiras semanas.
"Defendemos a necesidade de contar co servizo de pediatría dentro do Centro de Saúde de Coruxo para dar resposta ás necesidades dunha das áreas máis anovadas en idade do Concello"
Este martes pola mañá a Asociación de Veciños de Coruxo levou a cabo unha concentración ante o Centro de Saúde apoiada polas Asociacións de Veciños de San Miguel de Oia e Saiáns. "Defendemos a necesidade de contar co servizo de pediatría dentro do Centro de Saúde de Coruxo para dar resposta ás necesidades dunha das áreas máis anovadas en idade do Concello e que cubre, xa de por si, unha zona grande abondo como para ter conta da súa importancia", salienta a entidade que xa na pasada semana remitiu un escrito á Valedora do Pobo.
Esta asociación solicitou unha reunión con responsables da Xerencia da Área Sanitaria de Vigo, que lle deu a entender "que o peche deste servizo era unha decisión firme e inminente". O SERGAS aínda non confirmou se o servizo de Pediatría desaparecerá deste centro para ser trasladado a Navia, onde xa traballan tres pediatras, co obxectivo de que esta centralización facilite as substitucións, vacacións e permisos entre estes e estas profesionais.
"A área sur de Vigo é unha zona de carácter periférico e semi-rural que conta con conexións de transporte público máis limitadas ca no centro da cidade. Por isto, o traslado do servizo ao Centro de Saúde de Navia implicaría grandes dificultades"
Os veciños e veciñas denuncian que "a área sur de Vigo é unha zona de carácter periférico e semi-rural que conta con conexións de transporte público máis limitadas ca no centro da cidade. Por isto, o traslado do servizo ao Centro de Saúde de Navia implicaría grandes dificultades para os residentes en Oia e Saiáns, que non terían un transporte urbano directo cando na actualidade poden chegar en menos de 10 minutos coa liña 11 de autobús". "Este problema é especialmente preocupante a nivel de conciliación familiar, posto que en moitos casos son as avoas e avós os encargados de levar ás rapazas e rapaces ao centro de saúde, non dispondo estes maioritariamente de transporte privado", engaden.