0 Gardados para despois

Alerta veciñal ante o risco contaminante de tres proxectos industriais que arrodean Santiago

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Tres polémicos proxectos industriais, en activo ou previstos no futuro inmediato, fixeron erguer a voz da cidadanía e da veciñanza máis afectada. No pasado domingo, unha concorrida manifestación clamou en Santiago contra a posible reapertura da antiga mina de Touro e as temibles afectacións medioambientais, sociais e económicas dun macroproxecto a tan só 15 quilómetros do centro da capital galega. Na marcha, representantes tamén de colectivos que loitan contra a planta de residuos prevista no veciño concello de Teo, a uns 8 km da Catedral, e veciños da parroquia compostelá de Grixoa, a 6 km da zona vella, onde opera desde hai tempo un vertedoiro que está a causar importantes e denunciados problemas.

As tres polémicas iniciativas coiciden no rexeitamento social e veciñal e na proximidade ao núcleo urbano de Compostela

As tres iniciativas coinciden no rexeitamento social e na proximidade ao núcleo urbano de Compostela, formando un triángulo ao seu redor que abrangue o interior unha área de 139 kme suma un perímetro de pouco máis de 56 quilómetros, cunha distancia máxima de 15, no caso do proxecto mineiro de Touro. No caso desta pretendida reactivación da antiga mina, a zona de afectación incluiría tamén o Camiño de Santiago e o seu proxecto futuro chega mesmo a Santiago, mentres que na planta prevista en Calo (Teo) sitúase ao carón de espazos densamente habitados. En todos os casos, ademais, o temor ao prexuízo das actividades aos terreos agrícolas e gandeiros é común.  

"Estamos moi preocupados", recoñece Xan Duro, concelleiro de Medio Ambiente en Compostela, que insiste en advertir da "preocupación máxima" polos proxectos, en especial polo feito de que o de Touro poida chegar mesmo a territorio do municipio santiagués. "É unha iniciativa enorme, que está centrado en Touro, pero que abre moitas outras posibles afectacións", di o edil, que alerta das autorizacións de prospeccións, que chegarían "a zonas de Santiago". "Son mapas difusos; se estes permisos non están en terreo municipal de Santiago, están no límite", insiste. 

"Estamos moi preocupados", di o edil de Medio Ambiente de Santiago, que advirte de que os permisos de prospeccións da mina de Touro chegan a territorio compostelán

A megamina de Touro

A plataforma Mina Touro O Pino Non, así como outros colectivos como a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), levan tempo advertindo dos riscos dun proxecto mineiro que precisa do visto e prace da Xunta. Uns trinta plenos municipais aprobaron mocións contra a aprobación da mina, entre eles a maioría dos que se sitúan na conca do río Ulla e nas proximidades da área afectada, así como a Deputación da Coruña. 

O proxecto de extracción de cobre previsto supón voaduras diarias na que se empregarán entre 9 e 16 toneladas de explosivos cada unha, así como unha mina a ceo aberto con emisións de pó que conleva unha grave contaminación atmosférica. Tamén se prevé a utilización dunhas 15.000 toneladas de produtos químicos altamente perigosos e sospeitosos de causar cancro para a separación do mineral.

O proxecto de Touro prevé voadurias diarias, unha mina a ceo aberto ou dúas grandes balsas de lodos de 80 metros de altura

Segundo os colectivos que piden que se impida a autorización, a empresa Cobre San Rafael prevé gastar arredor de 2,25 hectómetros cúbicos de auga ao ano (seis veces máis que os concellos de Touro e O Pino xuntos no mesmo período), así como a creación de dúas grandes balsas de lodos cun dique de 3,2 quilómetros e 80 metros de altura, cos graves riscos que supoñen para as localidades máis achegadas. A área de afectación, lembran, é dunhas 700 hectáreas ampliables a máis de 1.800 e o proceso desviará regatos e eliminarán varios centos de hectáreas de masa forestal e cultivos. Alén disto, advírtese das filtracións e drenaxes dos amcontaminantes ao río Ulla e a consecuente afectación á ría de Arousa e os problemas que causarían nos bancos marisqueiros e pesqueiros. 

"Non estamos en absoluto de acordo co proxecto megamineiro de Touro, ao que nos opoñemos frontalmente", di o Concello de Santiago

"Non estamos en absoluto de acordo con este proxecto, ao que nos opoñemos frontalmente, pero non só porque nos afecte directamente, senón porque o que non queremos para nós tampouco o queremos para os demais", explica Xan Duro, que advirte de que esta nova megaminería "establece un patrón de consumo" que non desexan. 

Contaminación na contorna da antiga mina de Touro / © Mina Touro-O Pino Non

Vertedoiro en Grixoa

A tan só 6 km de Santiago, na parroquia compostelá de Grixoa, hai un complexo de tratamento de residuos formado por un vertedoiro (dende 2008) e unha planta de elaboración de solos artificiais (tecnosolos), neste caso desde 2015. A iniciativa foi presentada como un plan para a recuperación medioambiental da antiga canteira, enchendo o seu oco con cascallos da construción e restos desta, para lograr recuperar o solo da explotación con terra vexetal.

A veciñanza leva dous anos sufrindo e denunciando o tráfico de camións, cheiros e afectacións medioambientais

Pero nos últimos dous anos, a veciñanza das proximidades comezou a sufrir as afectacións dun complexo que mudou o seu funcionamento inicial, tal e como denuncia outra plataforma, a STOP Vertedoiro Santiago, que vén de celebrar unha andaina contra o complexo e que nun documental explicou con claridade todas as problemáticas e posibles irregularidades. Advirten, ademais, que o inspector técnico de medio ambiente do Concello de Santiago elaborou dous informes que desaconsellaban a instalación dunha industria deste tipo nesta localización.

Agora, tal e como explica Duro, será a Xunta quen decida sobre o futuro inmediato da planta, xa que ten un expediente aberto polo incumprimento de varios puntos da autorización ambiental integrada.

A Xunta deberá resolver o expediente aberto contra a planta de residuos

Alí entran todo tipo de residuos industriais, residuos domésticos que non son reciclados noutras plantas e outros de forte olor para os tecnosolos, mesmo lodos da ría de Noia, que son depositados xunto a casas, leiras e un regato, o de Oufín, que desemboca no Tambre, río do que bebe Santiago e moitas outras poboacións da comarca. Así, a veciñanza denuncia os cheiros, as filtracións de líquidos ao solo e ao subsolo e a acuíferos e regatos, así como o tráfico intenso de camións --até un cento ao día-- que ciscan cascallos e lixo nun tránsito que podería ser irregular. 

A única vía de acceso á canteira de Miramontes é unha vía rural á que se accede dende a estrada DP-7804 (Val do Dubra - Santiago). Este camiño rural, chamado Camiño de Gandarón, é unha vía de titularidade municipal, de 4,5 metros de anchura e ten unha prohibición de paso para vehículos de máis de 5,5 toneladas (agás os que conten cun permiso especial). O Concello de Santiago confirmou a través dun escrito que a única empresa que ten autorización de paso para vehículos de máis de 5,5 toneladas é Áridos CNC, non a que empresa que explota o vertedoiro.

Antiga canteira de Casalonga, onde se prevé instalar a planta / © Habitaq

Planta de reciclaxe na Casalonga

A 8 quilómetros en liña recta do centro de Santiago, no veciño Concello de Teo, sitúase o outro proxecto polémico na contorna compostelá. Previsto na parroquia de Calo, no espazo que anteriormente ocupou unha mina a ceo aberto en Casalonga, a planta prevé o tratamento anual dunhas 90.000 toneladas de residuos e situaríase a tan só 400 metros dun núcleo de poboación. Ocuparía uns 135.000 metros cadrados, a menos de dous quilómetros de onde viven 4.000 persoas e a uns seis doutras 50.000.

A planta en Teo prevé o tratamento anual dunhas 90.000 toneladas de residuos e situaríase a tan só 400 metros dun núcleo de poboación

A planta, cunha extensión equivalente a uns 14 campos de fútbol, prevé unha balsa de 7.000 metros cúbicos de capacidade para almacenar os residuos, dous gasómetros para 1.000 metros cúbicos cada un, un espazo para o lavado diario de 20 camións que transportarían os residuos orgánicos e lodos á planta ou unha nave de recepción de residuos duns 2.000 metros cadrados.

Tanto a plataforma veciñal Casalonga Limpa de Residuos, que xa celebrou varias xuntanzas informativas e accións de protesta, como o informe técnico encargado polo Concello advirten dos riscos e das posibles afectacións sociais, medioambientais e económicas dun proxecto que, coinciden, non elixiu o lugar máis axeitado para situarse ante o achegado da proboación e de varios núcleos.

"Santiago está rodeado de empresas altamente contaminantes", advirte a plataforma contra a planta da Casalonga (Teo)

Logo da campaña de recollida de sinaturas iniciada o pasado día 9, este domingo 17 a plataforma chama "a todas as persoas contrarias á instalación da planta da empresa Toysal a participar nunha andaina ata o monte da Casalonga" e que sairá de varios puntos da localidade. "Que cada un, dende o seu lugar, avance decidido para dicirlle ben alto e claro: Nós chegamos primeiro, Toysal fora!", din desde un colectivo que nas súas comunicacións advirte de que "Santiago está rodeado de empresas altamente contaminantes". 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.