Este xoves 28 de xuño celébrase o Día do Orgullo LGTBI+, lembrando os disturbios de Stonewall en Nova York, que tiveron lugar en 1969 (o ano que vén celebrarase o 50 aniversario). Todas as cidades galegas presentan estes días (algunhas xa o fixeron a pasada semana e localidades como Lalín mesmo se adiantaron máis) unha completa programación de actos e as bandeiras LGTBI+ coas cores do arco da vella locen en edificios públicos, mercados e rúas. Hai 40 anos, en xuño de 1978, tiñan lugar as primeiras mobilizacións no Estado español.
En Pontevedra, a Deputación lucirá na súa fachada a bandeira LGTBI ao longo da fin de semana para sumarse as celebracións do día do Orgullo 2018, destacando que este ano se conmemora "o corenta aniversario das primeiras manifestacións no país". A presidenta provincial, Carmela Silva, sinalou que “este xoves é o día no que a sociedade se pon de lado das persoas. É certo que cada vez temos unha sociedade máis aberta, máis comprometida e máis igualitaria pero aínda queda moito por avanzar". "Aínda queda moito camiño na igualdade efectiva, tanto lexislativamente como no día a día, polo que é necesario manter os símbolos que visibilizan a loita nesta defensa dos dereitos do colectivo LGTBI", destaca a Deputación. Ademais, ás 12 da mañá de mañá deste xoves terá lugar no Concello o acto simbólico co que se conmemora o Día do Orgullo LGTBI. Varios membros da Corporación Municipal, encabezados polo alcalde Miguel Fernández Lores posarán no balcón da Casa Consistorial co símbolo multicolor.
Na Coruña, a programación arrincou xa o pasado 8 de xuño, coa inauguración da rúa Elisa e Marcela, situada na zona de San Roque de Fóra. Este xoves 28, a cidade acollerá unha manifestación, que partirá ás 20 horas do Obelisco para chegar a María Pita. O sábado terá lugar a Festa polos dereitos e as liberdades LGTBQI, contará coas actuacións da cantautora Alicia Ramos, Las Bajas Pasiones, Marina e Pedriño DJSet. A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, destacou que a programación constitúe "unha proposta ambiciosa e diversa que reivindica e recoñece as loitas das persoas trans” e que foi realizada en colaboración cos colectivos LGTBI+ da cidade.
En Lugo, Concello, Deputación, ALAS e ARELAS organizan esta semana unha completa programación, que arrincou este luns coa lectura dun manifesto e o izado da bandeira LGTBIQA+. Este ano as actividades teñen como lema "Visibilizémonos, movémonos, empoderámonos. Polo dereito a ser diversxs". Este xoves 28 de xuño, ás 19:00 horas, o membro da Selección Nacional de Waterpolo Víctor Gutiérrez participará nun faladoiro titulado "Deporte profesional sen armarios. Dificultades e consecuencias". Será na Sala do Vello Cárcere. Ás 20:30 horas, o bailarín e coreógrafo lugués Juan Carlos Zahera será o encargado de ler o pregón no patio do Vello Cárcere. Ás 21:00 horas, sairá do patio do Vello Cárcere a manifestación do Orgullo HOLI-COLOR pola diversidade. Continuará o percorrido por Campo Castelo, rúa San Pedro, rúa Doutor Castro, Praza de Armañán, rúa Nova, rúa Bispo Basulto, Praza de Santa María, e remata no Templete da Praza Maior.
Ferrol celebrou este mércores o groso da súa programación polo Día do Orgullo, baixo o lema Orgullo de Cidade. Ao mediodía descolgouse a bandeira LGBTI do balcón principal do Pazo Municipal, cuxa fachada foi tamén iluminada durante a noite coas mesmas cores do arco da vella. Ademais, a terraza do Jofre acolleu a charla coloquio LGTBQI+ ‘Camiño da Igualdade’. A continuación, no mesmo teatro representouse a obra Elisa e Marcela, de Panadaría Teatro. Ademais, nos días previos María Álvarez, debuxante do cómic lésbico Yupiyeyo, ofreceu a charla "¿Hai alguén aí?" sobre a a visibilización das diversidades sexuais desde as artes gráficas e banda deseñada.
En Vigo, Esquerda Unida organizou este mércores a charla: “Mulleres e saúde”, no marco dos actos que a formación organiza esta semana para conmemorar o Día do Orgullo LGBTI, baixo o lema: “Vivir libremente, vivir dignamente”. Nela, a deputada Eva Solla salientou que “As mulleres LGTBI enfrontan moitas máis dificultades no acceso ao dereito básico da saúde polos recortes ou pola escaseza en formación das e dos profesionais”. Ademais, o sábado ás 20.30 horas terá lugar unha manifestación que partirá dende a Praza da Pedra, organizada pola Asociación Nós Mesmas. A marcha, baixo o lema “Orgullo é reivindicación. Nin disfóricas nin incongruentes: revolución trans”, centrarase na loita polos dereitos das persoas trans, a despatoloxización completa e a autodeterminación do xénero. Prégase ás organizacións políticas e sindicais, se sitúen á cola da manifestación, deixando diante a todas as organizacións sociais, asociacións e resto de grupos apartidistas e que non leven bandeiras do partido/sindicato que representan.
En Compostela os actos tiveron lugar a pasada semana, baixo o nome de Compostela Diversa, unha programación organizada polo Concello en colaboración cos colectivos AmiZando, Arelas, Avante e Ultreia e que combinou a parte reivindicativa coa máis lúdica e festiva e con propostas para os nenos e nenas. O venres 22 de xuño actuaron De Vacas, Sabela King & The Heartbreakers, La Prohibida e Moreno Moreno. E o sábado 25 foi a quenda de Putochinomaricón, ademais de Broken Peach, Fantástica DJ e Bribatta. Ademais, este xoves a Libraría Chan da Pólvora acolle a presentación da nova edición de Seis poemas galegos, de Federico García Lorca, protagonista este ano do Día do Orgullo Galego, que conxuga a reivindicación dos dereitos das persoas LGTBI e a conmemoración da aprobación do Estatuto de Autonomía de 1936,