A patronal da comarca de Arzúa ameaza con levar aos tribunais a críticos coa mina de Touro

Un representante de Cobre San Rafael xunto ao presidente de Aeca, Gómez Corzo © Aeca

A intención da empresa Cobre San Rafael de impulsar unha polémica megamina nas antigas instalacións mineiras de Touro está a provocar un forte rexeitamento social na comarca, pero tamén unha importante política comunicativa e de márketing por parte da compañía e de veciñanza favorable á instalación do proxecto. O pasado 28 de maio, a Asociación de Empresarios da Comarca de Arzúa (Aeca) anunciaba a inclusión da compañía --aínda sen actividade á espera dos permisos da Xunta-- na súa entidade. A publicación da nova nun perfil social da radio municipal provocou moreas de comentarios contrarios á decisión ou á propia firma, así como un amplo debate. Semanas despois, varias das persoas críticas naqueles comentarios veñen de recibir cartas da patronal arzuá na que os ameaza con levalos aos tribunais, a algúns mesmo pola vía penal. 

A asociación de emprearios ameaza con levar aos tribunais a persoas que foron críticas en Facebook pola inclusión na entidade de Cobre San Rafael

Nunha das cartas, á que tivo acceso Praza.gal, Aeca "require expresamente" a cada un dos afectados para que se poña en contacto coa asociación e "explique e recoñeza" a autoría da mensaxe referida, aclare se vai referida á entidade ou a algún membro e o identifique ou ben "decida rectificar a afirmación retirándoa do Facebook de Radio Arzúa". No caso de non facelo, advirten, a patronal di que "valorará" levar a cabo "accións xudiciais" contra o afectado "para restituír a honra da asociación ou dos seus membros e sancionar as actuacións e condutas que se poidan extraer de devandita mensaxe". 

Unha das persoas que recibiu unha das cartas foi Óscar Vilar, concelleiro do PSdeG no Pino, un dos municipios da comarca (que inclúe tamén Touro e Boimorto) que se vería máis afectado pola instalación da mina. Foi unha das que naquel debate aberto criticou a repercusión mediática que se lle estaba a dar por parte de Aeca a unha empresa "que a día de hoxe non conta coas autorizacións administrativas da Xunta e que, pola contra, ten varios informes sectoriais contrarios ao seu proxecto". El non foi ameazado coa vía penal, pero si outros veciños. 

Así o explicou en conversa con Praza.gal e posteriormente nun comunicado Vilar, que recibiu a carta certificada na súa casa o pasado mércores. Nela, Aeca recrimínalle un comentario literal no que asegura que, no caso tratado, "só interesa o compromiso co bolsillo". Segundo o concelleiro socialista, a frase é "resposta a unha serie de cuestións" e "cadaquén pode interpretalas como queira". "Neste caso é unha crítica xeral, dirixida a todos aqueles/as, sociedade en xeral, que en pleno século XXI pensan que a natureza aguanta todo e que prima o económico antes que o respecto ao medio ambiente”, aclara quen lamenta "que os directivos da asociacion de empresarios teñan a pel tan sensible" e que aínda se pregunta como a patronal puido conseguir todos os seus datos persoais para o envío da carta. 

"Con este tipo de accións e ameazas intentan restrinxir a liberdade de expresión", denuncia un dos destinatarios das cartas

Na carta, a directiva de Aeca considera que o seu prestixio pode ser "danado". "O prestixio gáñase día a día, e este tipo de accións mediante ameazas poden intentar restrinxir a liberdade de expresión, dereito garantido no artigo 20 da Constitución, algo que está lonxe de considerarse como un acto de prestixio”, responde. 

A patronal aclara que só enviou catro cartas e que o seu único obxectivo é que "rectifiquen": "Non podemos permitir que se minta sobre nós"

Desde Aeca responden que foron "unicamente catro" as cartas que enviaron aos responsables de varios comentarios no Facebook de Radio Arzúa e que "dous deles xa rectificaron". "Non é que os vaiamos levar ao xulgado inmediatamente; estamos pedíndolles unha rectificación e algúns xa a fixeron, pero non podemos permitir que se minta, que se nos diga que a empresa mineira nos comprou ou que amordazamos os nosos asociados", explican desde a directiva. Ademais, aseguran que varios dos seus asociados recibiron cartas de veciñanza contraria á mina na que lles pedían que abondonasen a asociación pola inclusión de Cobre San Rafael entre os seus membros. "A compañía solicitounos a entrada e nós aceptámola porque non estamos nin en contra nin a favor da mina; se houbese un rexeitamento masivo entre os nosos socios, teríamolo que debater en asemblea, pero non foi así e nós só cumprimos os nosos estatutos", insisten. 

Por outra banda, o edil socialista Óscar Vilar asegura que aínda que algún comentario "pode resultar non ser o máis apropiado", entra "dentro da dialéctica política entre os diferentes representantes políticos, pero en ningún caso se pode entender como unha falta ao honor a ninguén, nin mesturar o ataque político cun ataque persoal". "É unha ameaza en toda regra", explica quen lamenta que as críticas "non foran ben acollidas por parte da directiva da asociación de empresarios". Ademais, lembra que desa directiva de Aeca "forma ou formou parte algún membro da xestora do PP de Arzúa". A carta vén asinada por José Alfonso Gómez Corzo, presidente da patronal, importante empresario, membro da agrupación local dos populares e presente na presentación da nova xestora do partido no pasado outono. 

"O comentario pode resultar máis ou menos apropiado pero entra dentro da dialéctica política", di un dos destinatarios das cartas

Os vínculos entre Cobre San Rafael, a patronal arzuá e o PP da comarca son advertidos desde hai tempo por parte da veciñanza e de formacións políticas; no entanto, desde Aeca insístese en que son "apolíticos" e en que dentro da asociación hai asociados que están en contra da mina e outros que están a favor da súa implantación. A empresa mineira, aínda pendente das autorizacións da Xunta para poder operar en Touro e O Pino, contratou hai tan só unhas semanas como responsable administrativa a unha integrante da xestora do Partido Popular en Arzúa, ex-portavoz do partido na localidade e suplente na lista electoral dos conservadores nas autonómicas en 2009. 

Ademais, tanto desde a propia empresa mineira como desde outras afíns desenvolveuse nos últimos meses unha campaña contraria á de rexeitamento á mina, que encheu a praza do Obradoiro o pasado 10 de xuño nunha manifestación. A firma promotora da mina lanzou unha campaña de propaganda a prol do proxecto afirmando que a apoia unha "maioría silenciosa". Fíxoo cun vídeo e en contestación a outra peza na que se advertía das posibles afectacións do polémico megaproxecto mineiro, que polo momento ten en contra unha morea de informes sectoriais solicitados pola Xunta de Galicia e nos que se advirte das afectacións, o impacto, as deficiencias ou a falta de concreción da iniciativa.

Carta enviada por Aeca na que ameaza con accións xudiciais CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.