A Xunta deberá indemnizar a viguesa á que obrigara a mudarse por convivir con outra perceptora de RISGA

A ODS Coia apoiou a muller no seu dereito a manter o seu domicilio © ODS Coia

En xaneiro do pasado ano unha sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo nº1 de Vigo viña recoñecer que nun mesmo domicilio poden convivir varias perceptoras de RISGA. O ditame destacaba que aínda que a Lei de inclusión social de Galicia afirma que "como regra xeral concederase unha soa renda por domicilio, entendido como marco físico de aloxamento da unidade de convivencia", o propio artigo 11 da norma define o concepto de unidade de convivencia como "o conxunto de persoas que convivan no mesmo domicilio e manteñan con respecto á persoa solicitante un vínculo por matrimonio ou análoga relación estable", facendo fincapé en que a conxunción e obriga a que concorra unha "específica relación persoal" que neste caso non existía. O xuíz subliñaba que "sería inverosímil que dúas persoas que perciben senllas prestacións para eludir a súa exclusión social, tivesen que excluírse mutuamente para non incorrer en esaxerada inclusión”.

A Xunta deberá indemnizala con máis de 3.000 euros polos prexuízos económicos, danos físicos e morais sufridos pola muller por ter sido obrigada a mudarse

Porén, aínda que neste caso a sentenza lle daba completamente a razón á demandante, a realidade era que a muller (Lucía) fora obrigada pola Xunta a abandonar o domicilio que compartía con outra perceptora da RISGA para poder seguir cobrando a renda da que depende para sobrevivir (uns 399 euros). Lucía presentara unha reclamación, que foi denegada, polo que tivo que trasladarse a outra vivenda, na que residía soa e pagando un alugueiro maior que na súa casa anterior (280 euros, fronte aos 149 que pagaba anteriormente). Unha vez que a sentenza do pasado ano lle deu a razón, a muller presentou unha nova reclamación, esixindo do Goberno galego unha indemnización polos prexuízos económicos, danos físicos e morais sufridos pola decisión que a obrigara a mudarse. Agora, o Xulgado Contencioso-Administrativo nº1 de Vigo vén de darlle novamente a razón, polo que a Xunta deberá aboarlle algo máis de 3.000 euros.

O ditame declara a existencia de responsabilidade patrimonial da Administración pois "do acto anulado derivaron danos e prexuízos cara á demandante, que non tiña o deber xurídico de soportalos". A indemnización, que suma un total de 3.017 euros, busca compensar con algo menos de mil euros o prexuízo económico causado polo cambio de domicilio, pois Lucía tivo que pagar 149 euros máis ao mes na súa nova vivenda. Ademais, atende con 600 euros os danos físicos provocados pola mudanza, realizada persoalmente pola demandante e que lle provocou unha cervicalxia dorsal que precisou rehabilitación para a súa curación, como proban os informes remitidos polo Centro de Saúde onde foi atendida.

Segundo a sentenza, queda demostrado que "o trastorno depresivo que xa padecía e do que viña sendo tratada polos servizos públicos de saúde, viuse agravado polas circunstancias vividas"

Finalmente, salda con 1.500 euros os "danos morais" da decisión de Política Social, quedando demostrado segundo a sentenza que "o trastorno depresivo que xa padecía e do que viña sendo tratada polos servizos públicos de saúde, viuse agravado polas circunstancias vividas, aumentado esa sensación de soidade (evidente, xa que se vía abocada a vivir soa), abatimiento (por recibir unha concreta resposta prexudicial por parte da Administración demandada) e desesperanza (ante un futuro incerto)".

O ditame é crítico co procedemento seguido neste caso polo Goberno galego, sinalando que "non se xustificou" por que se centrou nesta muller a actuación administrativa, pois "se as dúas persoas atopábanse non mesmo plano, se a súa situación xurídica era idéntica, tería que dirixirse a condición resolutoria a ambas as para que calquera delas puidese elixir ou cambio de domicilio" "Non aclarou esa determinación de forma razoable nin razoada, como tampouco explicou que entendía por unidade de convivencia, cando entre a demandante e a outra persoa que residía con ela non mediaba ningún vínculo de parentesco nin análogo ao matrimonial", concordando coa interpretación realizada pola sentenza do pasado ano que recoñeceu o dereito de convivencia para persoas perceptoras de RISGA.

Para a ODS-Coia a sentenza é "unha pequena vitoria máis conseguida grazas ao esforzo e valentía dunha perceptora da RISGA cansa de ser obxecto de control e maltrato por parte da Xunta"

A Oficina de Dereitos Sociais de Coia destaca que a sentenza constitúe "unha pequena vitoria máis conseguida grazas ao esforzo e valentía dunha perceptora da RISGA cansa de ser obxecto de control e maltrato por parte da Xunta". "Como todas nós, Lucía estaba farta das políticas miserentas desta Consellería, incapaz de solucionar os problemas das persoas, e que lonxe de garantir unha vida digna para todas, afonda na exclusión e no empobrecemento", salienta a entidade, que conclúe que "cómpre unha solución íntegra e digna para as persoas", reclamando a aprobación da renda básica para garantir os dereitos de todas as persoas.

 

A ODS Coia apoiou a muller no seu dereito a manter o seu domicilio © ODS Coia
Acción informativa da Oficina de Dereitos Sociais de Coia © ODS Coia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.