Arte no queimado: Nigrán lembra os incendios nove meses despois

Creación artística na rúa en Nigrán a partir dunha árbore queimada Dominio Público Concello de Nigrán

O Concello de Nigrán lembrará ao longo desta fin de semana, cando se cumpren nove meses deles, os incendios que o pasado 15 de outubro arrasaron gran parte do Val Miñor e provocaron a morte de dúas mulleres na súa parroquia de Chandebrito. Farao cunha xornada de creación artística na rúa, na alameda da Ramallosa, epicentro ca comarca, impulsada polo colectivo Arte no Queimado, xurdido a raíz desa vaga de incendios, e coa colaboración das comunidades de montes de Camos e Chandebrito e a asociación veciñal O Castro de Chandebrito.

A alameda da Ramallosa, epicentro do Val Miñor arrasado polo lume en outubro, acolle esta fin de semana varias xornadas de creación artística na rúa

O promotor do colectivo, o escultor Juan Coruxo, iniciou este venres, xunto cos seus compañeiros Remigio Dávila e Rosendo González, a talla de cinco árbores secas que deberán estar rematadas o domingo, día 15, xornada central desta conmemoración. Ese día unha vintena de artistas, fundamentalmente pintores e escultores, traballarán en vivo na alameda ao tempo que durante todo o día haberá obradoiros infantís. Pola tarde, ás 20.00 horas, haberá un pasarrúas de maxia e circo a cargo da compañía A illa dos nenos e ás 21.00 horas haberá un concerto do acordeonista nigranés Roberto Comesaña.

"Trátase dunha gran xornada lúdica e educativa na que buscamos non perder a memoria do acontecido e concienciarnos todos do desastre absoluto que supoñen os incendios", reflexiona Juan González, alcalde de Nigrán.

Chandebrito, parroquia máis afectada polos incendios en Nigrán [Imaxe: Praza Pública]

Cartel de Arque no Queimado, en Nigrán Dominio Público Concello de Nigrán

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.