A historia do bou 'Ramón': 27 galegos que fuxiron do franquismo disfrazados de gardas civís

Única imaxe que existe do bou 'Ramón' CC-BY-SA Praza Pública

"Xuntámonos no castelo de Ares. Os de aquí saímos coma se fósemos da Garda Civil. Rebón vestido de tenente, tres de gardas, eu de falanxista e aos demais fixémolos pasar por presos. O único medo era atoparnos a verdadeira Garda Civil". Así relataba Juan Leal un dos momentos álxidos da fuxida que protagonizou en xullo de 1939 da España franquista, con outros 26 compañeiros cos que compartía os valores democráticos e republicanos. O seu testemuño recóllese n'A fuxida do bou Ramón, un libro no que se plasma a investigación desenvolvida durante anos polos investigadores Enrique Barrera e Eliseo Fernández.

O libro 'Afuxida do bou Ramón' detalla a fuga de 27 republicanos de Ares disfrazados de gardas civís en 1939

A obra, ilustrada con debuxos de Fernando Ocampo, foi presentada este pasado venres en Ares, localidade ferrolterrá que se desenvolveron os feitos, coincidindo co 79º aniversario da fuga. Foi nun acto organizado polo Concello de Ares e celebrado na Alianza Aresana, coa presenza de moitos familiares dos protagonistas da obra, acompañados  por numerosísimo publico.

Esta épica historia comeza, en realidade, tres anos antes. O 18 de xullo de 1936 prodúcese a sublevación franquista que triunfa en apenas dez días en toda Galicia. O ocorrido no país é a mellor proba de que a brutal represión exercida polos militares rebeldes non foi unha reacción nin unha resposta, senón unha estratexia para impor o terror que fora deseñada moito antes de producirse o golpe de estado. En Galicia nin houbo guerra nin houbo vítimas de dereitas. Con todo, nos tres anos seguintes serían asasinados polo menos 4.700 galegos de ideoloxía republicana.

Entre eles atopábanse varios xenerais, almirantes, oficiais e soldados que non secundaron o golpe, os gobernadores civís das catro provincias, así como os alcaldes de Santiago, A Coruña, Ourense, Vigo e doutra trintena de localidades.

O triunfo franquista empurrou a 27 persoas a saír dos seus tobos e planear unha temeraria fuxida

Nese contexto foron moitos os homes e mulleres que trataron de fuxir a territorio republicano a bordo de precarias embarcacións de pesca. Os que non puideron facelo agocháronse durante anos en montes, montañas ou zulos construídos para tal fin no interior da vivenda dalgún familiar. Tras finalizar a guerra, o triunfo franquista empurrou a 27 destas toupas a saír dos seus tobos e planear unha temeraria fuxida. Un dos conxurados era Antonio Santamaría, o último alcalde republicano de Ferrol. Santamaría foi detido e condenado a morte polos sublevados en xullo de 1936, pero o día antes da súa execución logrou escapar con outro compañeiro do cuartel de artillaría no que agardaba a morte.

Os seus familiares máis próximos fixeron de correo entre os diferentes acubillos. Entre todos, aos poucos, foise organizando a fuga

Foron moitos os veciños anónimos que se xogaron a vida para mantelo agochado durante tres longos anos. Grazas ao testemuño que deixou no seu día algún dos protagonistas e ao dos seus familiares, o libro reconstrúe aqueles momentos.

O primeiro reto foi formar o grupo e acordar o plan. Os seus familiares máis próximos fixeron de correo entre os diferentes acubillos. Entre todos, aos poucos, foise organizando a fuga. O risco era enorme, pero todos sabían que as alternativas eran aínda peores: o cárcere ou o paredón.

Homenaxe en Ares aos 27 fugados / CC-BY-SA Praza Pública

Disfraces de gardas civís para asaltar un barco

A decisión final foi a de asaltar un barco, o bou Ramón, no que contaban coa complicidade dun dos seus dez tripulantes, e pór rumbo cara ao sur de Inglaterra. O vapor de 15 metros de eslora atopábase fondeado no porto de Ares, moi preto de Ferrol. O problema radicaba en que 27 homes buscados polas autoridades chegasen ata el sen ser antes detidos. O plan, un tanto suicida, foi facerse pasar por un grupo de prisioneiros custodiados por axentes da Garda Civil. As súas mulleres e as súas nais puxéronse ao choio para ter a punto os disfraces para a data sinalada.

Naqueles tempos a ninguén lle sorprendeu ver un oficial do Exército, tres gardas civís e un falanxista escoltando un nutrido grupo de prisioneiros

A noite do 20 ao 21 de xullo de 1939 o grupo reuniuse e puxo en marcha a farsa. Naqueles tempos a ninguén lle sorprendeu ver un oficial do Exército, tres gardas civís e un falanxista escoltando un nutrido grupo de prisioneiros. Así lograron chegar sen problemas ata o porto de Ares. Aínda quedaba o máis difícil. Os republicanos que ían disfrazados subiron a un bote e abordaron o bou Ramón.

Metidos no seu papel de gardas civís, apuntaron cos seus fusís de madeira os membros da tripulación e encerráronos na adega. A escusa que lles deron para o asalto tivo o seu punto de ironía: alegaron ter que inspeccionar o barco "porque no seu interior podía haber rojos escondidos que trataban de escapar a Francia".

Metidos no seu papel de gardas civís, apuntaron cos seus fusís de madeira os membros da tripulación e encerráronos na adega

Nas primeiras horas daquel venres o resto do grupo embarcou no Ramón, que decontado partiu cara a augas internacionais. Os 27, segundo relataron anos despois, fundíronse nun grande abrazo. Atrás quedaba o inferno, aínda que por diante esperábaos unha complicada travesía. O barco levaba carbón para navegar unhas poucas millas, polo que os republicanos tiveron que queimar nas caldeiras toda a madeira que atoparon a bordo. 24 horas despois, cando xa estaban case á deriva, topáronse cun barco francés que supuxo a súa táboa de salvación.

 

Unha amarga liberdade con terribles consecuencias

A alegría que supuxo para os fuxidos o éxito do seu plan duroulles moi pouco tempo. Logo de ser desembarcados no porto francés da Rochelle, as autoridades francesas encerráronos no campo de concentración de Barcarès, onde xa se atopaban miles de exiliados republicanos. Mentres tanto, en Galicia, as súas mulleres, irmás e demais familiares sufriron as represalias. O libro recolle, entre outros, o testemuño dunha delas, Dolores Mayobre: "Leváronnos ao cuartel da Garda Civil, colgáronnos dos pulgares e dábannos lategazos nas pernas, mentres nos insultaban e preguntábannos polos nosos homes unha e outra vez. Tivéronnos encerradas tres días nun retrete apestoso e logo soltáronnos". Outras detidas pasaron varios meses no cárcere.

Logo de ser desembarcados no porto francés da Rochelle, as autoridades francesas encerráronos nun campo de concentración; en Galicia, mulleres, irmás e demais familiares sufriron as represalias

Os fuxidos tampouco gozaron dun destino moito mellor. Barrera e Fernández investigaron o que foi das súas vidas tras pasar polo campo de Barcarès. Polo menos sete combateron contra Hitler no Exército francés ou nas filas da Resistencia; dous deles, Manuel Fernández e Jesús Morgade serían capturados polos nazis e deportados ao campo de concentración de Mauthausen, de onde só Morgade conseguiu saír con vida. Outro tres membros do grupo do bou Ramón serían detidos pola Gestapo e entregados ás autoridades franquistas. Os que lograron sobrevivir a todos estes avatares, agás contadas excepcións, remataron as súas vidas no máis duro dos exilios.

"Se un grupo de noruegueses, daneses, belgas, holandeses ou franceses secuestrasen un barco diante dos fuciños dos seus inimigos para alcanzar Gran Bretaña, xa se tería feito unha película"

Enrique Barrera, un dos autores, confesa que con este libro sáldase unha parte da débeda pendente que ten España con estes loitadores: "Se un grupo de noruegueses, daneses, belgas, holandeses ou franceses secuestrasen un barco diante dos fuciños dos seus inimigo para alcanzar Gran Bretaña, xa se tería feito unha película. Con todo, aquí o relato continúa sendo descoñecido para a maioría da opinión pública".

Documento que forma parte da causa xudicial aberta polo franquismo logo da fuga / CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.