Verdegaia pide "desestacionalizar" as visitas ás Cíes e Ons e rachar co modelo de "verán e praia" no parque

Illa de Ons e Onza CC-BY-SA Ángel Torres

A pasada semana Verdegaia denunciou que a Illa de Ons estaba a recibir o dobre de visitantes dos permitidos, debido ao desvío de pasaxeiros dende as xa saturadas Cíes. Isto suporía que algúns días a illa recibiría ata catro mil persoas, fronte ás 1.800 fixadas como límite máximo no borrador do Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Nacional das Illas Atlánticas, un documento que acumula 15 anos de atrasos e que a Xunta promete que se aprobará finalmente a finais deste ano. Verdegaia levará o tema á vindeira xuntanza do Padroado do Parque, que se celebrará este outono

Diego Rodríguez Vieites, representante do movemento ecoloxista no Padroado, explica que este exceso no número de visitantes xera un grande impacto sobre o medio natural, sobre todo nas praias, lembrando que a capacidade de carga ecolóxica das praias desta illa ascende a 896 persoas/día segundo un estudo de capacidade de carga realizado pola propia Xunta. "Tendo en conta que a maioría das persoas que acoden en verán á illa van á praia, pois calcula", di. "Nas praias hai hábitats catalogados como de interese comunitaria e prioritarios na Directiva Hábitats e poden sufrir afeccións; tamén hai fauna ameazada catalogada no Catálogo Galego de Especies Ameazadas como o esgonzo ibérico (Chalcides bedriagai) que está catalogado como vulnerable e que padeceu o efecto da masificación das praias durante anos", alerta. Rodríguez Vieites engade ademais outros problemas derivados desta masificación, por exemplo a nivel de seguridade, indicando que sería "moito máis complicado evacuar a illa en caso de lume".

"Sería preciso rachar co modelo de viaxe recreativa, de verán e praia, para enfocar as visitas cara os valores que representa o espazo nun contexto de ocio, si, máis tamén cunha compoñente de educación ambiental e respecto ao medio"

Verdegaia e outras entidades levan anos reclamando un control no número máximo de visitantes que reciben as Illas Atlánticas, unha limitación que debería incluír un cambio de modelo turístico para este espazo protexido. "Sería preciso rachar un modelo de viaxe recreativa, de verán e praia, para enfocar as visitas cara os valores que representa o espazo nun contexto de ocio, si, máis tamén cunha compoñente moito maior de educación ambiental e respecto ao medio. As campañas de publicidade, cando menos as institucionais, deberían contribuír a asentar este modelo en detrimento do que ven funcionando nos últimos anos", sinala a entidade.

Diego Rodríguez Vieites critica que o Concello de Vigo "leva anos" incidindo nun modelo de turismo masivo e de praia e a dirección do Parque Nacional "presume de record tras record de visitantes anuais". "Deberían desestacionalizar as visitas fomentando sobre todo as visitas outonais e primaverais (no inverno é complicado chegar polo mar) mais non dan o paso definitivo", comenta. Verdegaia conclúe que non se debe "promover o Parque Nacional como destino de sol e praia”, algo "para o que as Rías baixas dispoñen xa de numerosos e diversos areais".

A entidade aposta tamén por unha redución nese límite máximo de visitantes na Illa de Ons, dende as 1.800 persoas previstas no PRUX ata unhas 1.200, para garantir unha correcta protección dos valores naturais do espazo, sobre todo das súas zonas de reserva "nas que ao haber tanta xente e tan pouco persoal do Parque non se pode ter a situación tan controlada".

"Hai un grave retroceso no tocante á conservación con respecto ó borrador exposto en 2011"

A entidade responsabiliza da actual situación á non aprobación do Plan Reitor e amósase moi crítica coa actual redacción do documento. "Hai un grave retroceso no tocante á conservación con respecto ó borrador exposto en 2011", denuncia Diego Rodríguez. "Desaparece practicamente a reserva mariña, exclúense zonas de reserva terrestre de Ons e Sálvora (pasan a ser de uso restrinxido co que certos usos se permiten) onde hai ecosistemas con hábitats catalogados na Directiva Hábitats, permítense as competicións deportivas en Ons cando no anterior borrador non se permitían...", sinala.

 

A necesidade da reserva mariña

Nas súas alegacións Verdegaia incide especialmente nesa reserva mariña: "Un espazo natural protexido eminentemente mariño (un 85,9% da superficie total é mar) apenas conta cunha reserva mariña de menos do 1% da súa superficie, a diferencia do xa ridículo 3% que presentaba o documento de 2011", explica e sinala que esa redución se debe en parte "ás reticencias expostas polo sector pesqueiro e marisqueiro, que non aceptaban as restricións das súas actividades nunha superficie mariña de 218,6 hectáreas, que corresponden a ese citado 3%".

"Sería un grave erro que o Parque Nacional non tivese cando menos esas case 220 hectáreas mariñas de reserva integral cando dende a Dirección do Parque se insiste na importancia dos valores naturais mariños"

"Sería un grave erro que o Parque Nacional non tivese cando menos esas case 220 hectáreas mariñas de reserva integral cando dende a Dirección do Parque se insiste na importancia dos valores naturais mariños", expón. "Todas as partes concernidas deberían participar na elaboración do PRUX, incluíndo armadores e mariñeiros da pesca artesanal, xa que os seus dereitos de pesca tradicionais teñen que estar garantidos. Cómpre facer todo o necesario para que a protección ambiental teña un efecto positivo nos sectores produtivos, permitindo que as persoas afectadas xestionen e vixíen a reserva mariña para que as poboacións de peixes e mariscos se vexan incrementadas grazas ao seu efecto ambiental positivo", afirma.

 

Praia na Illa de Ons CC-BY-SA Andy Roberts
Peirao de Ons Dominio Público Txo
Buraco do Inferno, na Illa de Ons CC-BY-SA Miguel

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.