O novo sistema de acceso ás Cíes só reducirá un 6% o número de visitantes autorizados en tempada alta

Barcos fondeados na praia de Rodas das illas Cíes Dominio Público Turgalicia

Esta semana entrou en funcionamento o novo sistema de acceso ao Parque das Illas Atlánticas. Os e as viaxeiras deberán obter unha autorización previa de acceso, de carácter persoal, intransferible e gratuíta, a través da páxina autorizacionillasatlanticas.xunta.gal, antes de comprar o seu billete a unha das tres empresas de transporte marítimo autorizadas para realizar este servizo (Mar de Ons, Nabia e Rías Gallegas).

A Xunta prevé introducir unha limitación no número de accesos diarios en tempada alta, que será de 2.800 persoas (hoxe son 3.000)

Ademais, a Xunta prevé introducir (así figura no borrador do Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque) unha limitación no número de accesos diarios en tempada alta, que será de 2.800 persoas (2.200 viaxeiros/as nos barcos dende o continente e 600 como máximo no camping), unha moi lixeira redución do 6% dende a limitación xa existente (3.000: 2.200+800). Si haberá por primeira vez unha limitación nas Illas Ons, de 1.800 accesos. En Sálvora e Cortegada o límite estará nas 250 persoas diarias. En tempada baixa, tanto en Cíes como en Ons, haberá un cupo de 450 persoas para cada arquipélago que accedan en grupos organizados.

O novo sistema busca evitar as situacións ata o verán pasado, con masificación nas Illas Cíes, vendas masiva de pasaxes e descontrol das navieiras. Grupos ecoloxistas levan anos advertindo ante a Xunta do exceso de visitantes nas Illas Cíes e lembran que dende o ano 2011 presentáronse máis de 120 denuncias contra as navieiras por exceso de cupo e que en ningún caso as sancións superaran a contía de 12.000 euros, aínda que a lei permitía impoñer sancións de ata 200.000 euros e mesmo unha retirada temporal da concesión.

O Goberno galego "prevé" que o Plan Reitor "poida ir ao Consello da Xunta para a súa aprobación como Decreto no último trimestre do ano"

O que os colectivos ecoloxistas reclaman é a urxente aprobación do Plano Reitor de Uso e Xestión (PRUX) do Parque Nacional das Illas Atlánticas, que acumula case 15 anos de atraso, pois tiña que estar en vigor dende o 3 de xullo de 2003. "A regulación das actividades que se levan a cabo neste espazo protexido -ao carecer deste documento- realízase sen a planificación axeitada e incumprindo a lei de declaración do Parque. Só a neglixencia máis absoluta pode explicar que a estas alturas aínda careza dun plano que regule a súa xestión", denunciaban o pasado verán ADEGA, APDR, FEG, Rede de Colectivos  A Ría non se Vende, Salvemos Monteferro, Verdegaia e Voces Polo Litoral.

O Diario Oficial de Galicia publicou este venres o inicio do proceso de información pública do Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX). O Goberno galego "prevé" que o Plan Reitor "poida ir ao Consello da Xunta para a súa aprobación como Decreto no último trimestre do ano".

Os grupos ecoloxistas salientan igualmente que "existe unha clara falla de investimentos en conservación, especialmente no control de flora exótica invasora, e unha falla de estudos e actuacións para frear o declive de especies ameazadas como o corvo mariño cristado que, pese a ser o emblema do Parque Nacional, rexistrou nos últimos anos un grande declive poboacional no espazo protexido". Outra eiva que cómpre mellorar é "o aumento da dotación de persoal que efectúa labores de vixilancia e información durante o verán. En non poucas ocasións tan só hai unha guía para as 3.000 persoas que visitan o arquipélago de Cíes durante os meses de xullo e agosto", advirten.

"A principal finalidade dun Parque Nacional é a conservación dos seus valores naturais fráxiles ou singulares, e a ela deben supeditarse todas as medidas de xestión"

"A riqueza do Parque Nacional é sobradamente coñecida mesmo a nivel internacional, polo que os esforzos deben  ir máis encamiñados á conservación dos seus ecosistemas que a presentar ás illas exclusivamente  como destino turístico. A principal finalidade dun Parque Nacional é a conservación dos seus valores naturais fráxiles ou singulares, e a ela deben supeditarse todas as medidas de xestión", conclúen. O pasado mes de outubro, ademais, as Illas Atlánticas entraron na lista de aspirantes a Patrimonio da Humanidade da Unesco, na que xa figuran o Ferrol da Ilustración, a Ribeira Sacra e Ancares-Somiedo.

 

Venda de billetes para as Cíes en Baiona CC-BY-SA Praza Pública
Xente nas Cíes, o venres 18 de agosto CC-BY-SA Praza Pública
Vista das Illas Cíes © Turgalicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.