0 Gardados para despois

Illas Atlánticas entra na lista de aspirantes a Patrimonio da Humanidade, na que xa hai outros tres galegos

Redacción | @prazapublica

A Xunta anunciou este venres, nun acto convocado de urxencia en Vigo ao que se desprazaron varios altos cargos do Goberno galego, a inclusión do Parque Nacional das Illas Atlánticas, do que forman parte as Cíes, na denominada lista indicativa estatal de aspirantes a Patrimonio da Humanidade. A decisión tomouna o Consejo de Patrimonio Histórico Español, no que están presentes o Goberno central e as comunidades autónomas. O alcalde vigués, Abel Caballero, reaccionou minimizando o paso dado e insistindo na súa propia candidatura das illas Cíes en solitario, sen o resto do parque.

A Xunta anuncia a súa inclusión na lista indicativa estatal, que conta xa cunha trintena de candidaturas previas, e Caballero minimízao

Na lista estatal hai actualmente unha trintena de candidaturas que nalgún caso levan anos sen avanzar na súa aspiración de converterse na aposta que o Goberno central fai para elevar á Unesco, que é quen decide finalmente a categoría de Patrimonio da Humanidade. Cada ano só unha ou dúas candidaturas por estado conseguen esa distinción, e só despois dun proceso de avaliación que supón unha espera mínima de tres anos desde que a candidatura entra na lista indicativa ata que pode ser elixida pola Unesco.

A Ribeira Sacra, o Ferrol da Ilustración e Ancares-Somiedo están hai anos na lista estatal

No caso de Galicia, a lista indicativa estatal xa contén outras tres candidaturas: A Ribeira Sacra, que entrou na lista en 1996, o Ferrol da Ilustración, que entrou en 2007, e Ancares-Somiedo, que se estende tamén fóra de Galicia e que tamén entreou na lista en 2007.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.