Ramón Suárez, o Muxo, é un emigrante galego na Arxentina, recoñecido xornalista entre a diáspora e ex-directivo do Centro Gallego de Bos Aires (CGBA), que o vindeiro 10 de setembro celebra de novo comicios. Neles elixirase nova directiva, así como 60 representantes para completar os 90 cos que conta a asemblea da que depende o futuro da histórica entidade. Ao non haber máis candidatos, Suárez será proclamado ese mesmo día novo presidente dunha asociación mutual que afronta desde hai anos unha grave crise que, nas súas palabras, obriga a unha venda "urxente" do emblemático edificio do hospital para cancelar a importante débeda e salvagardar o importante patrimonio histórico e cultural que sobre Galicia garda unha das máis importantes institucións da historia do país.
A venda parece a única solución, é así?
As seis agrupacións políticas do Centro Gallego, representadas na asemblea, que é o único órgano non intervido, aceptaron o pasado 18 de decembro iniciar as negociacións para a venda do edificio do hospital. Non é que o propuxese unha ou outra asociación, senón todas. E aceptan vender o edificio, pero non o Centro Gallego, que a lei non permite vender en ningún caso porque é unha asociación mutual. Isto debe quedar moi claro. A débeda da mutual cos seus acredores era xa daquela moi superior ao valor inmobiliario do propio hospital. O Centro non ten recursos para afrontar unha débeda tan grande e á que a que se lle están a sumar máis cartos. O único camiño viable é ese porque senón pasaranos como ao Hospital Español, que acabou entrando na creba.
"O que se vende é o edificio pero non o Centro Gallego, isto debe quedar moi claro"
Pero a venda non se deu confirmado co paso dos meses...
O interventor do Centro, Martín Moyano, non chamaba a eleccións precisamente porque tiña a promesa das agrupacións de que ían aceptar a venda e negociar, pero decatouse despois de meses que as cousas se estaban dilatando. Fun eu mesmo quen o convenceu de que isto non ía ter solución e que había que convocar as eleccións e darlle un impulso. A miña familia e mais eu podemos perder a asistencia sanitaria que levamos máis de 40 anos pagando cada mes. Por esta e outras razóns, díxenlle que estaba disposto a volver a implicarme na política do CGBA liderando unha candidatura cunha única proposta, a mesma que se aprobara xa en decembro, pero coa esixencia de que as cousas se fagan xa, porque non pode ser que despois de tantos meses non teñamos chegado a nada. Se gañamos as eleccións, queremos pechar axiña e de vez a negociación para a venda do edificio do hospital.
"A condición prioritaria para a venda é que o comprador asuma a atención sanitaria dos socios a perpetuidade"
Que condicións porá a nova dirección do CGBA aos compradores?
A condición prioritaria é que o comprador asuma a atención sanitaria dos socios a perpetuidade, toda a vida que nos quede a cada un de nós, pagando unha cota actualizada, pero similar á que estamos a abonar hoxe. Tamén que se asuman todas as débedas da mutual Centro Gallego, así como todas as que poidan agromar. A débeda é grandiosa, enorme, pero aínda non sabemos as que poden aparecer. Nun hospital, por desgraza, morre xente todos os días e nunca estás exento de que se interpoñan demandas por mala praxe que nos poidan supoñer compensacións importantes. Esiximos, e terá que ser asinado e avalado tamén polo Goberno arxentino, que non nos queden débedas nin presentes nin futuras. Ademais, queremos a mellor solución posible para o cadro de persoal, ao que se lle deben cinco meses completos de nóminas de 2012, anteriores á intervención por parte da Administración, ademais de moitos outros cartos na actualidade.
Os máis críticos lembran que desde que o Estado arxentino interviu o Centro Gallego a débeda aumentou moito máis.
A intervención foi motivada porque os traballadores estiveron cinco meses sen cobrar, foron á folga, os socios non tiñamos servizo ningún e eles mesmos pediron unha solución. Enfermeiras e outro persoal non tivo outro sitio onde ir traballar, pero os médicos si foron arranxando con outros empregos. Os que non, déronse por despedidos e iniciaron numerosos xuízos laborais que gañaron todos. Cando moita xente di, alegremente, que o hospital tiña unha débeda pequena que se agrandou moito coa intervención... Claro! Como non vai aumentar se as sentenzas a todas esas demandas laborais foron agromando aos poucos? Non había con que pagar as indemnizacións e a situación empeorou. O Centro Gallego foi un exemplo para o mundo hai 80 anos, pero hoxe en día o seu modelo é totalmente obsoleto. Está en moi malas condicións e non é viable que siga así.
Pero que vai pasar con eses traballadores de confirmarse a venda a Ribera Salud?
De venderse o hospital, unha das condicións é que se lles pague aos traballadores o que se lles debe. Non podemos impoñerlle ao comprador que manteña todo o persoal, que xa non é moito, porque podemos facer naufragar unha operación de 50 millóns de dólares por 50 ou 100 traballadores, algo que implicaría que os 4.000 socios que quedan perdan todo. Si defenderemos que o comprador manteña a maior cantidade posible de traballadores no momento no que se asine a operación; no caso de que iso non sexa posible, queremos que se lles ofrezan retiros voluntarios, algunha fórmula beneficiosa. O que non imos aceptar é que nos posibles despedimentos se lles pague aos traballadores un céntimo menos do que lles corresponda por lei.
"A operación é complexa: o grupo Centene pon os cartos, Ribera Salud a xestión e Favaloro o prestixio que ten na Arxentina"
Non parece unha operación de venda doada...
A operación é complexa, non é vender un hospital sen máis. Salvar o Centro Gallego tamén supón salvar a Fundación Favaloro, que está metida na operación e que a día de hoxe non pode mercar nin aspirinas. Ten un grave problema económico malia ser un centro de atención cardiolóxica de primeiro nivel mundial e cunha enorme importancia na Arxentina. A Ribera Salud os cartos véñenlle do grupo investidor Centene, que confía neste empresa para xestionar o hospital. Este grupo pretende desembarcar no negocio sanitario na Arxentina a través do Centro Gallego. Eles poñen os cartos, Ribera Salud a xestión e o nome e o prestixio, Favaloro, cuxa sede está a uns 600 metros do Centro Gallego.
Hai perigo de que non se leva a cabo a venda?
O grupo investidor está interesadísimo na operación, que non vai caer. A eles non lles importa o Centro Gallego, senón un lugar na Arxentina para empezar desde aí o seu proxecto de expansión no país. E esa é a sorte que temos, porque se non fose así xa teríamos desaparecido hai tempo.
"Queremos que se venda o hospital para cancelar as débedas e empezar de novo; temos un panteón que manter e conservar a biblioteca ou o Teatro Castelao"
Sorte?
O que pretendemos as asociacións é que se venda o edificio do hospital para cancelar as débedas e empezar de novo. A mutual do Centro Gallego de Bos Aires ten que seguir porque, por exemplo, ten un panteón que manter e que ten unha importancia enorme, no cemiterio máis importante de Iberoamérica, o de Chacarita. Alí estivo enterrado Castelao, entre outros moitos persoeiros, ten unha cruz de Asorey... Temos que seguir conservándoo e para iso precisamos da mutual. Tamén temos que conservar o a biblioteca, a pinacoteca e todas as obras de arte, o Teatro Castelao... Aínda que neste último caso non estou tan preocupado.
Por que?
Na Arxentina, se derrubas un teatro, a lei obriga a erguer outro polo menos igual ao que se derrubou. Neste sentido non teño preocupación ningunha porque mesmo poderíamos conseguir que, no caso de ser derrubado, se construíse outro con entrada pola rúa Belgrano, o que sería moito mellor para a súa explotación. Nos estatutos do CGBA estáblecese que o teatro funcionará sen ánimo de lucro e de feito nunca se cobrou entrada, pero a nosa intención é reformar os estatutos porque en Bos Aires hai unha escaseza tremenda de teatros e sería unha fonte moi importante de ingresos e recursos para nós, recursos que precisaremos para manter o panteón e para manter a gran biblioteca.
"Estamos convencidos de que o patrimonio cultural do Centro temos que defendelo nós; nin Galicia nin España o defenderon nunca"
Está seguro o enorme patrimonio cultural e histórico que posúe o Centro Gallego?
Estamos convencidos, non só de que temos que defender todo o patrimonio cultural do Centro, senón que o temos que defender nós. Nin Galicia nin España defenderon nunca nada do noso patrimonio. Moito falar, pero acción concreta ningunha. Se houbese un pouquiño de preocupación, e sabendo que inexorablemente a nosa xunta directiva vai tomar a dirección da mutual porque só hai unha candidatura, non debería xa alguén terse posto en contacto con nós? Non deberían ter manifestado a súa preocupación polo patrimonio cultural? Preguntarnos polas nosas intencións? Propornos axuda? Pois ninguén chamou.
Sorpréndelle?
Non me sorprende. A preocupación sempre foi de boca para fóra, porque senón o embaixador de España, que no mes de abril acompañou o conselleiro de Educación na súa visita, tería pasado con el polo Centro Gallego. Non foron pero falaron do patrimonio cultural do CGBA na Embaixada de España. Historicamente, Fraga, Touriño, moitos conselleiros, Anxo Quintana... Toda a xente que viña de Galicia, o primeiro sitio ao que acudía era ao Centro Gallego pero hoxe vén o conselleiro de Educación e para falar do patrimonio reúnese na Embaixada con algún representante... En fin.
"Fraga, Touriño, Quintana... Todos sabían que o primeiro sitio ao que tiñan que ir era ao Centro Gallego; agora vén o conselleiro de Educación e reúnese na Embaixada"
Cando calcula que se podería confirmar a venda do edificio do Centro Gallego?
Para abrobar a venda precísanse dous terzos dos votos da asemblea de representantes, polo que todo depende tamén das incorporacións de 60 novos membros nos comicios e da súa futura decisión. A venda téñena que aprobar os representantes, nin o interventor nin a xunta directiva. En principio, todas as agrupacións estamos de acordo en aprobar a opreación, pero primeiro hai que chamar a unha asemblea, deixar un prazo de trinta días e logo aprobar todo. Aí empezarían as negociacións cos interesados e calculamos que sobre o mes de novembro podería estar listo.
"A única vía de salvación do Centro Gallego e da atención dos socios é vender o hospital para pagar as débedas, outra saída non hai"
Non é moito dicir que a entidade do Centro Gallego quedaría así a salvo?
Non, non, dis moi ben "a salvo". Ao Centro Gallego non o salva ninguén se non hai venda. O que nos pasa anós pasoulles aos portugueses, aos franceses, aos israelís e aos españois cos seus respectivos hospitais e todos acabaron desaparecendo como faremos nós se non facemos algo. Os representantes dos socios, na última asemblea de maio, facultaron ao interventor para que se presente a un concurso preventivo, no que se non cumpres acabas na creba e aí xa non hai volta atrás. A única vía de salvación do Centro Gallego e da atención dos seus socios é vender o hospital para pagar as débedas, outra saída non hai.
Ningunha outra?
Ao persoal estáselle debendo agora moito... Están a cobrar desde hai nove meses 30 euros por semana, uns 120 euros mensuais, cando o salario habitual son 500 euros ao mes. Cada día estamos agrandando máis as débedas, por iso a solución ten que ser urxente, senón os americanos vanse cansar. Están ofrecendo investir 200 millóns de euros e saben que poden facer o negocio onde queiran. Esta é a crúa verdade, pero hai moita xente que fala sen saber a situación real. Claro que hai que salvar o Centro Gallego, pero hai que ter propostas para facelo. De boca para fóra todos sabemos, pero non é tan doado.
"A resposta do Goberno de España a En Marea sobre o Centro Gallego foi infantil e lamentable"
Que lle pareceu a resposta que deu o Goberno de España a En Marea respecto da situación do CGBA?
Infantil e lamentable. Por exemplo, fala dunha decisión de "rango menor" en referencia á que restableceu aos gobernos de España e Galicia a facultade para designar os seus representantes no consello directivo de España e que ambos executivos delegaran. É unha decisión de altísimo rango, en realidade. Entre outras cousas, mencionan a asemblea de representantes e din que este organismo "está intervido" cando a intervención xudicial estableceu con absoluta claridade que se intervían todos os corpos estatutarios menos este. Tamén din que a Embaixada de España está "en contacto permanente co Centro Gallego", cando o actual embaixador, Francisco Javier Sandomingo, nunca xamais pisou o Centro na súa actual condición.