A rúa peonil máis longa de Galicia unirá Cangas e Moaña

Unha recreación da futura vía acondicionada © Rurban

A Deputación de Pontevedra aprobou este martes un amplo conxunto de axudas para o impulso de proxectos de mobilidade en concellos de toda a provincia. Un dos máis importantes é a recuperación do antigo Camiño Real entre Cangas do Morrazo e Moaña, tamén denominado Camiño de Tirán, unha actuación que vén sendo impulsada dende hai anos por colectivos veciñais e que foi deseñada por un equipo local de técnicos do estudio Rurban. En concreto, o proxecto contará cun financiamento conxunto de 1,18 millóns de euros e unirá as dúas localidades para facilitar unha mobilidade "amable e segura", priorizando o desprazamento a pé ou en bicicleta, impulsando a revitalización dos núcleos de poboación polos que discorre e permitindo ademais a intermodalidade co barco a Vigo ou co autobús. "Pronto estaremos a falar da rúa máis longa de Galicia", destaca Martín Barreiro, de Rurban. Unha rúa (non un paseo marítimo nin unha estrada) de 5,3 quilómetros de lonxitude.

A Deputación de Pontevedra aprobou un investimento de 1,18 millóns de euros que servirán para recuperar o antigo Camiño Real que une as dúas localidades, máis de 5 quilómetros con preferencia peonil e ciclista

O proxecto forma parte, ademais, da rede Camiños Seguros do Morrazo. "A partir dese proxecto inicial do Camiño Real, pouco a pouco fóiselle dando un carácter de infraestrutura entre Cangas e Moaña, unha infraestrutura sostible, unha infraestrutura branda. Para despois darlle un carácter de plan estratéxico para o Morrazo", explicaba en conversa con Praza Martín Barreiro. "Estamos falando dunha estratexia de rexeneración integral, para recuperar espazo público, recuperar espazos para as persoas e recuperar usos que na actualidade están impedidos. Unha estratexia para rexenerar un conxunto de barrios que están entre Cangas e Moaña, pensando sobre todo nos colectivos máis vulnerables. Canto máis medraron as estradas, máis se agravou o acceso da veciñanza ás súas casas", comentaba.

"Estamos falando dunha estratexia de rexeneración integral, para recuperar espazo público, recuperar espazos para as persoas e recuperar usos que na actualidade están impedidos"

O proxecto inicial prevía instalar alumeado con eficiencia enerxética, sinaléctica propia, marquesiñas para protexerse na chuvia, estacións de bicicleta eléctrica ou beiravías con protección física nos lugares nos que o camiño coincide coa estrada. Ademais, a partir da idea que serve de base, o obxectivo é traballar tamén na revitalización urbana, na rehabilitación de inmobles en desuso, ou na mellora do transporte público.

"É paradoxal ver como moitas persoas maiores a día de hoxe, vivindo nunha contorna na que non deberían ter problemas para pasear a carón da súa casa, non o poden facer con seguridade"

Cómpre lembrar que Cangas (26 mil habitantes) e Moaña (máis de 19 mil) suman unha poboación total de 46 mil persoas, unha mostra da importancia deste camiño. Dende Rurban convidan a pensar "que camiño queremos diante das nosas casas?" e destacan que "o camiño é o espazo no que nos encontramos boa parte da veciñanza, o lugar no que pasean os nosos maiores, a ruta do colesterol para moitos, patio para os nenos que dan dúas patadas a un balón e ata pista pola que vemos correr aos remeiros do clube da parroquia". 

"Neste tipo de espazos -de casas espalladas nun substrato rural que xa non o é- vive hoxe en día ao redor do 50% da poboación galega e son espazos bastante invisibilizados, abandonados polas administracións, que só actúa con asfaltados, puntos de luz e facendo beirarrúas no mellor dos casos", subliñaba Barreiro. "É paradoxal ver como moitas persoas maiores a día de hoxe, vivindo nunha contorna na que non deberían ter problemas para pasear a carón da súa casa, non o poden facer con seguridade. É indispensable tamén que os nenos e nenas dunha certa idade poidan ter autonomía e desprazarse sen risco", engadía.

Unha recreación da futura vía acondicionada © Rurban
Unha recreación da futura vía acondicionada © Rurban

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.