O IES de Brión no que protestan as familias ten o mesmo profesorado que hai dez anos con 180 alumnos máis

Mobilización no IES de Brión CC-BY-SA CIG

O peche e as mobilizacións no IES de Brión cumpren xa doce días. Nais, pais, alumnado e profesorado reclaman á Xunta máis docentes logo de que as matrículas se incrementasen en 31 pequenos neste curso pero a Consellería de Educación non accedese a incorporar os tres profesores que reclaman desde a ANPA e a dirección do centro. 

O centro reclama máis docentes para evitar a "masificación" en 4º da ESO e permitir o reforzo en 3º e que se impartan todas as optativas

O centro reclama un aumento no número de docentes que permita o desdobramento dos grupos de 4º da ESO e evite a "masificación" nas aulas, o desenvolvemento do Programa de Mellora de Aprendizaxe e Reforzo (PMAR) en 3º da ESO e que se impartan todas as materias optativas previstas, que a tal hora son inviables por falta de horario e profesores.  

Este pasado luns, a loita das familias, do alumnado e dos docentes foi apoiada por CCOO e CIG, que advertiron de que o caso do IES de Brión "é só un exemplo máis da política de recortes do goberno Feijóo". Desde a central nacionalista aseguran que as protestas do claustro están "perfectamente xustificadas" e lembran un dato que evidenciaría a evolución das políticas de ensino dos últimos tempos en Galicia: o centro agora mobilizado conta co mesmo número de docentes totais, 36, que hai dez anos e logo de que o alumnado se incrementase en 180.

O IES de Brión conta co mesmo número de docentes totais que hai dez anos e logo de que o alumnado se incrementase en 180, segundo denuncia a CIG

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, insistiulle á ANPA Pedra Viada de Brión en que os "datos técnicos" e o feito de que non se aumentasen os grupos xustifican a negativa a atender as súas reclamacións. Con todo, a presión das protestas fai efecto e os representantes de nais e pais reuniranse finalmente este mércores ao mediodía co xefe da Inspección Educativa da área para volver buscar unha solución. 

Mentres non a hai, as mobilizacións seguen e neste martes as aulas volveron estar practicamente baleiras no IES de Brión, logo de que o pasado luns a folga abranguese máis do 90% do alumnado. Agora, e ante a necesidade de completar temarios para preparar as probas de acceso á Universidade, acordouse que os estudantes de 2º de Bacharelato se foran incorporando, pero tamén manter o paro no resto de cursos, así como o peche no instituto. 

A ANPA convoca unha manifestación o vindeiro venres en Santiago pero espera "que non sexa preciso ter que facela efectiva"

O profesorado séguese a concentrar todas as mañás ás 12 do mediodía ante o centro para reclamar as vacantes existentes mentres que para o venres hai convocada unha marcha por parte da ANPA, ás 11.30 desde a estación de autobuses de Compostela ata a Consellería de Educación. Con todo, no centro agardan que "non sexa preciso ter que facer efectiva a convocatoria". 

"Sen atención á diversidade non hai ensino de calidade. Necesitamos máis docente para un ensino decente", insiste a ANPA do IES de Brión, un dos centros que mantén as mobilizacións contra os recortes. En Santiso tamén son varios xa os días nos que o alumnado non é enviado a clase polas familias, que xunto á ANPA do CEIP Arcediago volvéronse manifestar este martes diante da Xefatura Territorial de Educación na Coruña e logo de que a Xunta non atendese as súas demandas.

Nais e pais do alumnado do CEIP de Santiso volven manifestarse ante a delegación de Educación na Coruña

A única resposta á petición de máis docentes para evitar agrupar un maior número de nenos nas aulas non foi aceptada e a Consellería de Educación tan só aceptou revisar as demandas para o vindeiro curso, aínda que a oferta é mudar o docente compartido con Melide por un a tempo completo.

En centros de Infantil de Roxos, Ordes ou Santa Comba tamén familias, alumnado e docentes protestan pola escaseza de profesorado, polos recortes e pola "masificación" que iso provoca en numerosas aulas. No CEIP de Cedeira, en Redondela, nenos, pais, nais e docentes volveron vestir de negro para protestar pola supresión dunha praza de mestre e do desdobramento en 6º de Primaria. A comunidade educativa realizou igualmente unha cazolada ante o Concello.

Preparación de pancartas no IES de Brión © ANPA Pedra Viada

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.