0 Gardados para despois

Outra multa á mineira de Touro: 20.000 euros polo desbordamento dunha balsa

Redacción | @prazapublica

Unha nova multa de Augas de Galicia á empresa da mina de Touro, Explotaciones Gallegas. Desta vez a sanción é de 20.000 euros e é desvelada pola asociación Aldea Viva tan só unha semana despois de que se coñecese outra de 30.000 polo vertido de augas residuais que "alteraron a calidade das augas por concentración de contaminantes superiores ós límites autorizables”.

A multa de 20.000 euros polo desbordamento dunha balsa chega logo doutra de 30.000 por un vertido de augas residuais

Agora, a multa chega polo desbordamento dunha balsa en Bama (Touro) que afoi advertida en febreiro xa por Aldea Viva a Augas de Galicia e á Consellería de Medio Ambiente e que supuxo a contaminación do río Brandelos, afluente do Ulla. A entidade censurara na súa comunicación o "descontrol e a irresponsabilidade da empresa propietaria dos terreos", que agora pretende poñer en marcha o polémico proxecto de megaminería que está a erguer tantas protestas. Daquela, o conselleiro de Industria, Francisco Conde, informaba a En Marea no Parlamento da tramitación dun expediente sancionador, pero xustificaba en parte o acontecido polas condicións climatolóxicas.

A Xunta e a empresa xustificaron o desbordamento polas chuvias pero Augas de Galicia lémbralles que eses episodios "non son infrecuentes na zona"

"Recoñecía o desleixo da Administración todos estes anos", denuncia Aldea Viva, que asegura que Augas de Galicia deixou sen xustificación ao conselleiro Conde e á mineira ao aclarar que "os episodios de choiva como os acontecidos no pasado mes de febreiro non son infrecuentes na zona" e que se "constata que a empresa non tomou ningunha medida preventiva para evitar o vertido polo que se lle incoa este procedemento”.

O organismo público tamén rexeita a argumentación da empresa que intenta eludir as reponsabilidades negando que o vertido ilegal altere a calidade da auga. Augas de Galicia afirma que as diferentes analíticas demostran o contrario, xa que “logo do desbordamento constátase un incremento notable na concentración de sulfatos no río Brandelos entre augas arriba e augas abaixo do vertido e tamén un incremento moi considerable dos parámetros de cobre e manganeso”.

Augas de Galicia constata "un incremento notable na concentración de sulfatos no río Brandelos" e "moi considerable dos parámetros de cobre e manganeso”

Para Aldea Viva, a resolución destes dous expedientes sancionadores a Explotaciones Gallegas "deberían ser motivo dabondo para que a Xunta rexeite o proxecto mineiro, xa que queda constatada a incompetencia e ausencia de responsabilidade da empresa dende que chegou ao municipio, a comezos dos anos 90"

Ademais, foi a mesma Augas de Galicia a que certificou tamén hai varios meses que todos os ríos na contorna da mina de Touro están xa contaminados, baseándose nos datos das analíticas realizadas en todos os puntos de control da contorna dunha explotación mineira que agora quere reabrir Cobre San Rafael, participada pola multinacional Atalaya Mining e Explotaciones Gallegas, malia o forte rexeitamento social.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.