Mato e Rey Varela abandonan Política Social sen aprobar o decreto da RISGA, que acumula un atraso de 4 anos

Mato e Rey Varela, nunha visita como conselleiros á illa de Sálvora © Xunta

A finais de 2013 aprobouse a Lei de Inclusión Social de Galicia. A propia norma, nunha das súas disposicións finais sinalaba que "a Xunta de Galicia, nun prazo máximo de seis meses desde a publicación desta lei, elaborará as disposicións necesarias para o seu desenvolvemento e aplicación". É dicir, que o decreto que a desenvolve e que regula a RISGA (Renda de Inclusión Social de Galicia) debería ter sido aprobado no primeiro semestre de 2014. O texto acumula máis de catro anos de atraso e o xa ex-conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, abandona o cargo sen ter conseguido sacar adiante esta normativa. Non o fixo Rey Varela, candidato do PP á alcaldía de Ferrol, e tampouco Beatriz Mato, candidata do PP á alcaldía da Coruña, que ocupou o cargo de conselleira de Traballo e Benestar entre abril de 2009 e outubro de 2015.

A aprobación do decreto foi moitas veces demandado dende as entidades sociais e profesionais

Nos últimos días de decembro de 2017 a Xunta iniciou a tramitación do decreto, que finalmente sacou a exposición pública en pleno agosto. A aprobación do decreto foi moitas veces demandado dende as entidades sociais e profesionais que traballan máis directamente coas persoas en situación de exclusión social. A norma debería axudar a resolver algunhas das eivas que se producían na tramitación da RISGA, tanto no que se refire á coordinación entre administracións, os seus criticados atrasos, como na eficacia da aplicación das políticas de inclusión. "Non hai decreto porque non lles peta. Non hai decreto xa que poñelo en marcha obrigaríalles a desenvolver os apartados máis beneficiosos da lei para nós", denunciaba o pasado ano a ODS-Coia.

Nos últimos días de decembro de 2017 a Xunta iniciou a tramitación do decreto, que finalmente sacou a exposición pública en pleno agosto. Aprobarase previsiblemente a finais deste ano, con catro anos e medio de atraso

O decreto aprobarase previsiblemente a finais deste ano, con catro anos e medio de atraso. O texto proposto si inclúe algunhas das demandas de profesionais e beneficiarios e beneficiarias destas axudas, pero amosa eivas en numerosos aspectos, o que espertou novas críticas nas entidades que mellor coñecen estas situacións. Nos últimos meses asociacións profesionais e entidades sociais demandaron cambios na RISGA para convertela nunha prestación "suficiente, digna, accesible e eficaz". Un total de vinte organizacións pediron que a prestación incrementase a súa contía e simplificase a súa tramitación. Unha reclamación semellante á efectuada polo Concello da Coruña e polo Concello de Santiago, que propuxeron revisar as contías mínimas das prestacións sociais galegas, criticando que na actualidade estas axudas están "excesivamente condicionadas e burocratizadas".

Con todo, a contía de referencia da RISGA seguirá a ser de 403,38 euros ao mes (o 75 % do IPREM) e o decreto mantén a formulación que, por norma xeral, impide que dúas perceptoras da RISGA convivan nun mesmo domicilio. O complemento do alugueiro seguirá fixado no 10% do IPREM, é dicir, uns 54 euros ao mes.

Na súa despedida como conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato dedicou unha parte importante da súa intervención a lembrar e a salientar a súa xestión anterior, á fronte de Traballo e Benestar. Mato dixo estar "orgullosa da Lei de Inclusión Social", a pesar de non ter conseguido desenvolvela, e despediuse salientando "a paz social que inundou a nosa comunidade".

Mato dixo estar "orgullosa da Lei de Inclusión Social", a pesar de non ter conseguido desenvolvela, e despediuse salientando "a paz social que inundou a nosa comunidade"

Este mércores o PP fixo unha valoración positiva da xestión do Executivo. "É un gran goberno", afirmou Miguel Tellado. Unha valoración que contrasta coas críticas de sindicatos e dos partidos da oposiciónPara CCOO, os últimos dous anos nos departamentos de Política Social e Medio Ambiente "caracterizáronse pola parálise". E, no caso concreto de Rey Varela á fronte da consellería o sindicato denunciou a súa "falta de diálogo cos axentes sociais".

 

Máis de 10 mil familias perceptoras da RISGA

Nos últimos anos disparouse o número de persoas perceptoras da RISGA. Das 4.178 familias que se beneficiaban desta axuda en 2007 pasouse a 6.718 en 2012 e a 10.761 en 2016, ano no que se acadou un máximo histórico. É dicir, un aumento do 66% dende o 2012. No 2017, por primeira vez en máis dunha década, o número de rendas entregadas diminuíu ata as 10.371, segundo datos da Consellería de Política Social. As sete grandes cidades suman 5.877 familias con RISGA, máis da metade do total. Vigo é o concello con máis familias beneficiarias, con 2.427, seguido da Coruña (1.188), Lugo (664), Ourense (623), Ferrol (407), Pontevedra (302) e Compostela (266).

 

Entidades sociais reclaman un incremento na dotación da RISGA e máis facilidades no seu acceso Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.