O pasado 12 de setembro, aínda en pleno verán, comezou en Vigo a instalación do alumeado de nadal, que se acenderá o vindeiro 24 de novembro. O alcalde vigués, Abel Caballero, anunciou que a decoración sería "o non vai máis", nunha rolda de prensa que se acabou convertendo nun vídeo viral, visto en toda España. "Que saiban os alcaldes de Londres, Tokio, Nova York, París e Berlín que imos ser o non vai máis. Que se preparen. As alcaldesas de Madrid e Barcelona xa nin poden competir, é natural". O custo total roldará o millón de euros, unha cifra que triplica á da Coruña e multiplica por dez ou vinte as cantidades investidas polo resto das cidades galegas. O contrato asinado polo Concello de Vigo este ano, cun custo total de 4,5 millóns de euros, compromete á cidade para os vindeiros catro anos.
"Chamamos a todas aquelas indignadas a organizarse para argallar algo que dende abaixo dea resposta á dilapidación en luces de nadal dos cartos de todas"
Este martes a parroquia do Cristo da Victoria de Coia acolle ás 19 horas unha xuntanza titulada "Alumeado de nadal, crime social e ambiental", na que entidades sociais e persoas individuais debaterán esta problemática, situándoa en contraposición coa difícil situación económica que atravesan moitos veciños e veciñas da cidade e as dificultades e eivas que atravesan os servizos sociais municipais, e considerando polo tanto que o Concello está a desbaldir os cartos públicos. "O goberno municipal destina a este nadal anticipado aínda máis cartos. Euros que non hai para cubrir necesidades básicas de veciñas, un exemplo o temos nuns servizos sociais municipais colapsados, recortados e privatizados¨, destácase na convocatoria, que engade que "non pode ser que Vigo vaia estar chea de millóns de luces, mentres moitas vivamos sen teren cubertos uns mínimos para a vida", incidindo ademais no prexuízo medioambiental provocado por este gasto superfluo de enerxía.
"Chamamos a todas aquelas persoas a xuntarnos para organizar as resistencias fronte a estas malas políticas que nos afogan. Neste caso chamamos a todas aquelas indignadas a organizarse para argallar algo que dende abaixo dea resposta á dilapidación en luces de nadal dos cartos de todas", subliña a convocatoria, que incide nas mesmas críticas que xa realizaba o pasado ano o manifesto "Luces (de Nadal) e sombras (de miseria)": "Cansa padecer un goberno que destina tantos recursos en agochar a miserenta realidade na que malviven moitas veciñas. Alporiza celebración da irresponsabilidade que supón o consumo enerxético irresponsable de milleiros de LEDs". E, igualmente, o vídeo "Luz e calor para todas", publicado en 2015 por Galiza Contrainfo, denunciando a pobreza enerxética que convivía co gasto -daquela- de 400.000 euros en iluminación.
"Contraponse a pomposidade do alumeado e outro tipo de políticas de formigón cos problemas que teñen moitas veciñas"
"Queremos xuntarnos, ver que forzas temos e que ideas temos", destaca Diego Lores (ODS-Coia). "Preocúpanos que moita xente tome a broma este tema e merque o discurso de que como Caballero ten maioría absoluta, sobre a cidade decide só unha persoa", comenta. "Contraponse a pomposidade do alumeado e outro tipo de políticas de formigón cos problemas que teñen moitas veciñas. Pode que o alumeado de nadal ou a instalación do barco na rotonda de Coia, anos atrás, sexan os exemplos máis claros, por simbólicos, pero hai moitos outros temas", destaca. "Hai que camiñar cara a un modelo de cidade no que as necesidades da xente estean no centro", conclúe.