A Xunta premia o IES Brión por un proxecto de robótica, materia suprimida este ano por falta de docentes

Dous alumnos do IES Brión presentan o proxecto premiado pola Xunta © Xunta

Logo de dúas semanas de peche e dunha folga masiva que baleirou case por completo as aulas, o IES de Brión retomou en outubro a normalidade do curso. As protestas de alumnado, ANPA e familias por falta de profesorado --que se repetiron e repiten en varios centros educativos de Galicia-- fixo que a Xunta lles proporcionase un complemento de profesorado de 14 horas que evitou que se perdese o grupo de reforzo (PMAR, Programa de Mellora da Aprendizaxe e Rendemento), así como 3 horas máis de Inglés, que permitiron facer desdobramento nesta materia en 4º de ESO.

A mobilización das familias do IES de Brión conseguiu recuperar o curso de reforzo na ESO pero non varias das optativas

No entanto, as mobilizacións continuan e a ANPA ten xa acordada unha reunión coa nova conselleira de Educación, Carmen Pomar. "O que perdemos este ano agardamos poder recuperalo para o curso que vén", explica o seu presidente Tito Souto. Refírese á imposibilidade de ofrecer varias das optativas que con tanto éxito se impartiron durante anos pola falta de docentes debido aos recortes, así como á "masificación" á que se ven obrigadas varias clases nalgunha materia. 

Varios proxectos do centro foron premiados pola Fundación Telefónica, a Universitat Pompeu Fabra, o Colexio de Enxeñeiros de Galicia ou a Xunta

Nas clases dalgunhas das materias opcionais elaboráronse proxectos nos últimos anos que foron premiados pola Fundación Telefónica, a Universitat Pompeu Fabra, o Colexio de Enxeñeiros de Galicia ou a propia Xunta. Precisamente, a Consellería de Educación volveu premiar este mes o bo facer do IES Brión con outro galardón por unha iniciativa de robótica, disciplina que foi eliminada do horario ante o número insuficiente de docentes. Así, o alumnado de 1º de Bacharelato recoñecido co premio polo seu labor no curso 2017-18 non poderá continuar con traballos semellantes no 2018-19.

Nais, pais e alumnos do IES Brión protestan pola escaseza de docentes / © ANPA Pedra Viada

"Querían continuar con esas optativas para poder seguir desenvolvendo esas iniciativas, pero non vai poder ser", quéixanse desde a ANPA. O caso é que o pasado 3 de outubro, a Dirección Xeral de Educación comunicaba a resolución pola que o proxecto BrionXbot era galardoado co Premio de innovación educativa Desafíos STEM: Programación, robótica e impresión 3D

A rapazada que elaborou o robot contaba con continuar este curso nunha materia específica de Robótica, unha das eliminadas pola escaseza de docentes

É o segundo ano consecutivo no que un proxecto do IES Brión é recoñecido nestes premios. A iniciativa agora recoñecida foi desenvolvida por alumando de Tecnoloxía Industrial e Debuxo Técnico e consistiu no deseño, fabricación, control e programación dun robot con patas articuladas inspirado nas esculturas cinéticas do escultor Theo Jansen. A rapazada que levou a cabo o traballo contaba con continuar este curso ampliando os seus coñecementos nunha materia xa específica de Robótica, unha das varias eliminadas pola escaseza de docentes. "Querían inscribirse nesa optativa porque ten moito que ver co que xa estaban facendo", lembra a ANPA. 

Este mesmo proxecto xa recibira no mes de xuño o primeiro premio no concurso Sensores 2018, que convoca Igaciencia e que conta co patrocinio do Concello da Coruña. BrionXbot é un robot de seis patas distribuídas en dous trens situados nos costados dun corpo central ou chasis. Cada tren está formado por tres patas articuladas montadas sobre un cigüeñal e ancoradas nun eixe fixo. A rotación do motor move estes mecanismos de tal xeito que os extremos das patas describen unha traxectoria cíclica de avance. Está dotado de diversos sensores que nos permiten recoller datos sobre distancias, temperatura, humidade e luminosidade. O Bluetooth e a pantalla LCD permiten ler e graficar os datos obtidos a través dun smartphone ou directamente no robot. Tamén é posible controlar os movementos do robot de modo remoto dende un teléfono móbil vía Bluetooth.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.